A falta dunha mobilización central por parte do movemento feminista, a agrupación de colectivos Galegas 8M convoca manifestacións nas vilas e cidades para a tardiña deste 8M no que tamén hai marchas e mobilizacións convocados pola CIG ou as asociacións unidas no bloque abolicionista
O Día internacional da muller deste ano chega con diferentes mobilizacións arredor do país. Sen convocatorias unitarias en todas as cidades e vilas galegas, as asociacións, colectivos, plataformas e entidades feministas do país que forman parte da Asemblea nacional Galegas 8M uníronse baixo o lema 'Nin escravas nin heroínas, mulleres con dereitos xa!' para convocar manifestacións e concentracións comarcais e locais.
O sindicato maioritario en Galicia, a CIG, non convoca folga de mulleres para este ano, como tampouco o fan a UGT, CCOO e a CUT. "Esiximos que por unha vez se nos recoñezan dereitos reais e queremos denunciar que estamos precarizadas polos gobernos, xa que a pesar de que a pandemia puxo o foco sobre a importancia dos traballos dos coidados seguimos inmersas nunha feroz política de privatización dos servizos públicos de atención ás persoas”, defende Ester Mariño, secretaria das Mulleres da CIG de Vigo.
"A folga é a ferramenta máis importante para a clase obreira e non imos poñela ao servizo do capital; non imos permitir que o feminismo se limite a unha data na que vestirse de violeta: non coa nosa colaboración, non no noso nome", aseguran desde a Secretaría das Mulleres da CUT.
Os recentes datos de desemprego "son alarmantes" para a poboación feminina, xa que todo o emprego destruído "ten rostro de muller”, denuncia a CIG, que se mobiliza este 8M baixo o lema 'Mulleres precarizadas polos gobernos' para "denunciar que levamos anos con mobilizacións masivas e con convocatorias de folga ás que se suman case todos os partidos políticos e os distintos Gobernos –que mesmo fan súas as reivindicacións do feminismo– sen que logo iso se materialice nunha mellora real das condicións de vida e de traballo das mulleres en Galiza”. A CIG convoca marchas ás 12h na Coruña, Santiago, Ferrol, Pontevedra, Vilagarcía, Vigo, O Porriño e Cangas, e concentracións en numerosas vilas.
"CCOO e UGT unimos as nosas voces ao movemento feminista internacional e exhortamos a
traballadoras e traballadores a participaren de forma activa nos distintos actos, mobilizacións
e manifestacións de carácter unitario que terán lugar o 8 de marzo”, salientan os dous sindicatos nun comunicado conxunto no que reclaman o impulso da "negociación colectiva de medidas e plans de igualdade” e "dotar dos recursos públicos necesarios para cumprir obxectivos neste senso”, así como a esixencia do "cumprimento dos plans de igualdade" e "adoptar políticas con perspectiva de xénero en todos os eidos e, especialmente, en materia de coidados".
Nas sedes de UGT na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo e Vigo haberá concentracións este 8M ás 12h. Ademais, en Vigo o salón de actos do sindicato acollerá unha xornada sobre 'A muller no mundo deportivo dende unha perspectiva de xénero' na que participarán, entre outras, Begoña Fernández, Elena Casal, Cristina Cantero e Mariona Martín.
A Deputación da Coruña emitiu unha declaración institucional que manifesta a busca "dunha sociedade na que impere o modelo coeducativo enfocado á ruptura dos estereotipos de xénero, así como valores como o respecto á igualdade e á diversidade”. Neste sentido, acorda "intensificar o labor da Inspección de Traballo e Seguridade Social e demais accións de promoción contra a fenda salarial e pola igualdade efectiva no traballo”. A partir deste martes difundirá 10 documentos audiovisuais na campaña 'Mobilizadxs xti' para "poñerlle cara e voz aos datos" e "amosar a situación de persoas reais, nos seus espazos do día a día, abordando diversas realidades laborais en entidades do ámbito da igualdade”.
Na Deputación de Lugo inauguran este 8M a exposición 'As nosas mulleres', na que estiveron a traballar na rede de Centros de Atención a Maiores as residentes de Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde e Meira. "Graváronse pequenas pezas audiovisuais onde se conta en primeira persoa quen é cada unha delas, repasando os seus principais fitos persoais e os gustos e afeccións, poñendo en valor aquelas características que as distinguen das demais”, explican.
A Deputación de Pontevedra organiza ao fío do lema 'Feminismo é conseguir a Axenda da Paridade' un acto en Pontevedra, ás 11h, onde a artista e trapecista Sue Moreno representará a acción “4.0", na que combina acrobacias aéreas, teatro, danza e canción en directo para abordar temas como a corresponsabilidade e a desigualdade. Pola tarde, ás 17h, na sede da institución en Vigo amosarán a instalación artística titulada "Las Locas. A nosa historia emocional acubíllanos", froito dunha acción participativa na que mulleres de colectivos da cidade crearon unha gran manta tipo patchwork. O
acto contará coa actuación musical do dúo As Lembranzas.
A Deputación de Ourense celebra o foro 'Emprendedoras, en feminino' a partir das 17.30h no Centro Cultural Marcos Valcárcel, que pretende "poñer en valor ás mulleres ourensás que decidiron emprender e axudar, a todas as que pensan facelo”, segundo avanzou a deputada de Igualdade, Luz Doporto. Ademais, editará o cómic "Mulleres en acción".
O Sindicato de Estudiantes convoca unha folga xeral estudantil a nivel estatal para este 8M e manifestacións a partir das 12h en cidades como Vigo (desde a farola de Urzáiz), A Coruña (Obelisco) e Ferrol (edificio da Xunta). “A loita feminista é antifascista, antirracista e anticapitalista, e está unida á das persoas trans e do conxunto do colectivo LGTBI. Ninguén regalounos nunca nada, todos os nosos dereitos foron arrancados coa mobilización”, defenden nun comunicado.
O Círculo feminista de Carballo compartiu "con todas as organizacións da sociedade carballesa e bergantiñá e coas mulleres que con anteriorioridade participaches con nós na organización doutras mobilizacións” a convocatoria dunha concentración este 8M ás 20h na Praza do Concello de Carballo.
O Bloque abolicionista, formado por colectivos como a Federación de mulleres rurais de Galicia (Fademur), CNT Galiza, Asociación feminista Paxaretas, Movemento feminista da Coruña ou o Foro feminista de Lugo, entre outros, convoca unha concentración ás 20h na Praza da Horta do Seminario en Lugo, ás 19.30h na Praza da Constitución de Redondela e, ao remate das manifestacións, arredor das 21h, na Praza da Palloza da Coruña, na Praza das Praterías de Compostela e na rúa do Príncipe de Vigo. Ademais, CNT Vigo convoca unha folga xeral para este 8M.
Convocatorias de Galegas 8M para este Día internacional da muller:
- A CORUÑA: 20h desde o Obelisco
- ALLARIZ: 19h dende o Campo da Barreira
- A MARIÑA: 20h concentración na Praza do Concello de Barreiros
- AMES: 17h dende a Praza de Maia
- AS PONTES: 20.30h dende o Concello
- BAIONA: 11.30h concentración no Peirao
- BETANZOS: 20.30h concentración a carón do Palco da Música
- BOIRO: 19h Praza do Concello
- CAMARIÑAS: 12h Praza do Concello
- CATOIRA: 20h na Alameda
- CHANTADA: 20h dende a Praza de Sta. Ana
- COMPOSTELA: 19h dende a Praza 8 de Marzo
- FERROLTERA: 20h dende a Praza de España (Ferrol)
- GONDOMAR: 11.30h dende a Prazas de abastos
- LALÍN: 20h dende o Km. O de Lalín
- LUGO: 20h concentración na Praza da Horta
- MELIDE: 20.30h Praza do Convento
- MONFORTE DE LEMOS: 20.30h Praza de España
- NIGRÁN: 11.30h dende diante do Concello
- NOIA: 21h Praza do Curro
- ORDES: 20.30h dende a Alameda
- OURENSE: 20h dende a Subdelegación do Goberno
- PADRÓN: 20.30h Rúa Rosalía de Castro
- PONTEVEDRA: 20h dende a Praza do Hospital Provincial
- O PORRIÑO: 20h dende a Praza do Concello
- RAMALLOSA: 12.30h confluencia dende Baiona, Nigrán e Gondomar
- RIBADAVIA: 20h Praza Maior
- RIBEIRA: 20h Praza do Concello
- SARRIA: 20h Praza da Vila
- VIGO: 19.30h dende a Praza dos Cabalos
- VILABOA: 18h saída diante do Concello
- VILA DE CRUCES: 12h Praza do Concello
- VILALBA: 17.45h obradoiro e 20h concentración na Praza da Constitución
- VILAGARCIA DE AROUSA: 20.30h dende a Praza de Galicia