O BNG presentou o pasado xoves a súa campaña cara ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Coa súa portavoz nacional á fronte, varias dirixentes do Bloque explicaron unha acción que ten como liña gráfica diversos treitos da canción SloMo, gañadora do Benidorm Fest e representante de RTVE no vindeiro festival de Eurovisión coa intención, sinalou Ana Pontón, de "denunciar que segue existindo unha cousificación dos corpos das mulleres" en diversos ámbitos.
"Quixemos captar a vosa atención para falar do importante", mantén a deputada Olalla Rodil ante as críticas recibidas pola campaña nas redes sociais
A translación da campaña ás redes sociais xerou un notable balbordo. "Fixemos arder Twitter, algo que xa esperabamos", afirmaba horas despois Olalla Rodil, vicevoceira parlamentaria da formación, nun vídeo divulgado para "falar da campaña" a xeito de retruque a algunhas das críticas recibidas. "Tomamos como recurso unha canción que todas e todos coñecedes" para, resalta, "apuntar ao machismo, que está presente en practicamente todos os ámbitos" e "tamén na música".
"Esta campaña non é sobre Eurovisión" e tampouco "ataca unha muller" nin "criminaliza o reguetón", mantén Rodil, quen agrega que o Bloque, ao concibila, parte da convicción de que "o machismo está presente en todos os estilos musicais, do pop ao heavy" e "dicimos que estamos ready para combatelo en todos os ámbitos". "Quixemos -conclúe- captar a vosa atención para falar do importante, dos dereitos de todas as mulleres".
Pontón: "Queremos bater con foza na cousificación das mulleres e dicir que estamos prontas para mudar a realidade, na que somos as que máis problemas monetarios padecemos"
Antes, na presentación da campaña, Pontón afirmaba que se apoian na letra da canción e no balbordo que o propio tema xerou para "dicir que estamos prontas para mudar a realidade das cousas e que somos as que máis problemas monetarios padecemos" a través dunha "fenda salarial que se incrementou durante a pandemia". "Este é o obxectivo, poñer á vista a discriminación que aínda existe, vestida de normalidade como se nada pasase".
Ao tempo, agregou, "queremos bater con forza na cousificación das mulleres" e sinalar "como se ampara". "É necesario denunciar como o machismo e o patriarcado oficializan o seu discurso, consolidando a discriminación nos ámbitos materiais e tamén nos simbólicos", enfatizou nun contexto no que agarda que o 8M volva ser unha xornada de "gran mobilizaicón" feminista para "reclamar unha terra de mulleres libres e iguais, con dignidade e con futuro".