O PSdeG recupera polo 8M o seu premio de igualdade en homenaxe a unha mestra asasinada por falanxistas

Silvia Fraga, responsable de Igualdade do PSdeG, presentando as actividades da súa formación para o 8M © PSdeG

Os galardóns socialistas que levan o nome de María Vázquez Suárez queren “recoñecer o traballo de persoas individuais e colectivos a favor da igualdade”

A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, anunciou este venres que o PSdeG recupera este ano os premios de Igualdade María Vázquez Suárez, concibidos para “visibilizar e recoñecer o traballo de persoas individuais e colectivos a favor da igualdade”, no marco a da súa campaña con motivo do 8M. Os premios, postos en marcha no ano 2015, volven convocarse “na tónica de recuperar a normalidade” diante da diminución da incidencia da pandemia de coronavirus. 

Fraga sinalou que estes premios, dentro da campaña dos socialistas de cara ao 8-M, constitúe “un grao de area cara á ansiada igualdade real entre homes e mulleres, porque máis feminismo significa maior democracia”. Lembrou que María Vázquez Suárez, que dá nome aos galardóns, foi durante anos unha mestra da república, unha das fundadoras da Agrupación Socialista de Miño en 1933, sindicalista de Fete-UXT, unha “progresista e feminista que morreu asasinada polos falanxistas o 19 de agosto de 1936 nunha praia de Miño, despois de ser salvaxemente violada e agredida”.

María Vázquez Suárez, mestra republicana asasinada en 1936 que dá nome aos premios de igualdade do PSdeG © PSdeG

A responsable de Igualdade do PSdeG avanzou que a formación participará nas concentracións convocadas en toda Galicia o próximo martes, cun especial esforzo na mobilización de Compostela, á que asistirán os máximos dirixentes políticos do partido. Tamén sinalou que os socialistas galegos se situarán do lado do abolicionismo de “todas as formas de explotación da muller”, como a prostitución e a trata, os ventres de alugueiro ou pornografía, así como dos roles e estereotipos de xénero, “froito do machismo e dunha sociedade patriarcal, que non poden ser os que definan o que debe ser unha persoa, sexa neno ou nena”.

O PSdeG tamén centrará na igualdade “a maior parte das iniciativas que se debaterán no Pleno do Parlamento dos días 8 e 9 de marzo, partindo da propia sesión de control ao presidente”. Entre outras cuestións, impulsan unha interpelación sobre o Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade 2018-21 e dúas proposición non de Lei sobre as actuacións a favor da igualdade no emprego e a creación dun observatorio de igualdade de xénero no sector pesqueiro. Igualmente, haberá iniciativas nos concellos dirixidas á “necesidade dunha conciliación corresponsable” e desenvolver “políticas que fomenten a corresponsabilidade”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.