Na tarde deste 2 de marzo, Alberto Núñez Feijóo reúne a Xunta Directiva do PP de Galicia -máximo órgano entre congresos- no pavillón Fontes do Sar de Santiago para dirixirse "ao conxunto dos españois" e "trasladar a decisión" sobre se finalmente opta ao liderado estatal do partido, en substitución de Pablo Casado. Todo apunta a que, ao contrario do acontecido en 2018 nun acto semellante, desta volta Feijóo anunciará un "si" que automaticamente abrirá o debate sucesorio tamén entre os populares galegos. Está por ver se, inmediatamente, tamén na Xunta.
As forzas da actual oposición parlamentaria observan o terremoto interno do PP como unha mudanza transcendental no taboleiro político galego, tamén cara a un eventual cambio político no país. Tanto o BNG como o PSdeG veñen reprochando nos últimos días que Feijóo está xa máis preocupado da crise do PP que dos problemas de Galicia e, nesta liña, Ana Pontón e Valentín González Formoso veñen sinalando a cadansúas forzas políticas como alternativas máis fiables para un posible goberno da esquerda na Xunta.
Con este pano de fondo e apenas tres meses despois da Asemblea Nacional na que o Bloque fixou a posibilidade de encabezar o Goberno como obxectivo estratéxico, Ana Pontón está a realizar unha viaxe a Euskadi cunha axenda politicamente significativa. O programa da portavoz nacional do BNG principiou este martes na Lehendakaritza, a sede da presidencia do Goberno vasco, onde foi recibida polo lehendakari, Íñigo Urkullu (PNV).
A portavoz nacional do BNG sinala Euskadi como "exemplo de que o autogoberno é fundamental para avanzar" no inicio dunha viaxe cuxa segunda xornada estará centrada na I+D+i, cunha visita á entidade na que o Goberno vasco concentra a política de impulso da ciencia
Xunto ao mandatario vasco -con quen Feijóo dera en amosar afinidade nos últimos anos en temas diversos, así como nas convocatorias electorais-, Pontón sinalou Euskadi como "exemplo" de "como o autogoberno é fundamental para avanzar, confiando nas propias forzas, sen supeditarse ao centralismo político de Madrid". Para a nacionalista, o concerto económico vasco é un deses exemplos, mais tamén outras "cuestións estratéxicas" como "a aposta pola ciencia, un elemento crucial para o desenvolvemento".
Nesta liña, a segunda xornada de Pontón en Euskadi centrarase, tras unha entrevista na ETB, nunha xuntanza co equipo directivo de Ikerbasque, a Fundación para a Ciencia promovida polo Goberno vasco. A líder soberanista será recibida polo director científico, Fernando Cossio, e mais polo responsable de xestión da entidade, Íñigo Atxutegi. Trátase, avanza o Bloque, de coñecer "de primeira man" un organismo que, en boa medida, é referencia para "a creación do Innogal", un organismo semellante para concentrar as políticas galegas en materia de I+D+i.
Encontros con expertos en financiamento e cargos da administración local vasca son tamén parte da axenda de Pontón en Euskadi, onde acudiu acompañada pola vicevoceira parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, e mais polo responsable de relacións exteriores da Executiva Nacional da formación, Rubén Cela. Alén das cuestións sectoriais, Pontón sinala que o encontro con Urkullu serviu tamén para intercambiaren "impresións sobre o papel das forzas nacionalistas fronte á involución democrática do centralismo", contexto no que, di, transmitiu que "o reto e o obxectivo do BNG é liderar o Goberno da Xunta" dende as vindeiras eleccións, tras o remate da actual lexislatura, que pode estenderse ata 2024.