Como tras a moción de censura que precipitou a saída de Mariano Rajoy da presidencia do Goberno de España e do liderado do PP, cando diversas olladas internas se pousaron en Alberto Núñez Feijóo como posible remuda ata que renunciou a dar o paso definitivo. O enfrontamento aberto que vive a formación conservadora volve facer medrar os ruxerruxes e mesmo as peticións -por parte, por exemplo, dalgúns medios de comunicación- de que o presidente da Xunta e do PP en Galicia dea un paso á fronte, agora para substituír a Pablo Casado.
Con este pano de fondo, hai xa tempo que as forzas da oposición galega evitan argumentar sobre unha posible marcha de Feijóo a Madrid. Pero, nesta ocasión, tanto o BNG como o PSdeG si poñen o foco no xeito en que o titular da Xunta deu en intervir na crise interna do seu partido: non para pedir explicacións sobre posibles irregularidades que atinxan á presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, senón para reclamar discreción sobre o propio enfrontamento, resumen.
Pontón: "Feijóo, en vez de reclamar que a Fiscalía investigue, pide que os trapos sucios se laven na casa. E aínda haberá quen pense que é capaz de rexenerar o PP"
Despois de que, dende o atril do Consello da Xunta, Feijóo reclamase á dirección de Casado que "non provoque ningún incendio" no partido aínda que dubide da honestidade de Ayuso, para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ve "evidente" que o PP "non persegue a corrupción, senón que a usa nas súas loitas internas de poder" e "nese espectáculo vemos a Feijóo, en vez de reclamando que a Fiscalía investigue, pide que os trapos sucios se laven na casa, que corran un tupido veo e que arranxen as diferenzas de portas cara a dentro". "E aínda hai quen pensa que é a persoa capaz de rexenerar o PP", ironizou na súa intervención ante o Consello Nacional da formación soberanista.
Neste contexto, Pontón lamenta que, mentres Feijóo "dá consellos de como apagar o incendio" interno do seu partido para evitar que a formación "saia calcinada polo lume da corrupción e das loitas internas", os "problemas en Galza non deixan de medrar" en eidos como a crise demográfica e industrial ou as subas de prezos. Neste sentido, e coa vista posta nas eleccións municipais do ano vindeiro, a nacionalista di ver "evidente" que "nin Feijóo nin o PP son a solución, senón parte esencial do problema" mentres "a alternativa está nun BNG que non se desvía nun milímetro" da liña de "traballo serio e propostas en positivo a prol de Galiza".
Formoso: "Isto non é a política"
Pola banda do PSdeG, o seu secretario xeral, Valentín González Formoso, declárase "sorprendido" pos que as "aclaracións" que Feijóo "solicita" se limiten a pedir saber se houbo "unha investigación interna entre compañeiros do PP". "O grave non é que se investigue un compañeiro do PP", coida o socialista, senón que "se asuma o método do todo vale e de destruír o adversario" e, ao tempo, o líder dos populares galegos obvie "o fondo da cuestión".
Formoso declárase sorprendido por que as "aclaracións" que pide Feijóo sexan para saber se "houbo unha investigación entre compañeiros do PP"
Ese "fondo", subliña o socialista, non é outro que "un irmán" de Díaz Ayuso, "en plena pandemia" obtivo, segundo a dirección do propio PP, comisións pola "venda de máscaras cando non as había e a poboación estaba queixosa polos prezos especulativos" destes produtos. Con independencia da legalidade do acontecido, matiza, "falamos de ética, de honestidade", por "moi legal que sexa", se é o caso. "Nunca me entrometín na vida orgánica de ningún partido e non o vou facer agora, pero estamos ante un asunto extremadamente grave que afecta á imaxe de España no mundo, isto non é a política", conclúe Formoso.