Feijóo é John Travolta. Pero non o Travolta rei da pista de Grease e Febre do Sábado Noite, nin tampouco o de Pulp Fiction, senón o de O rapaz da burbulla de plástico, un telefilme de 1976 que conta a historia dun neno sen defensas inmunolóxicas, pechado nunha cápsula na súa casa, illado dos xermes que acabarían coa súa vida. A burbulla de Feijóo é a política galega, na que, malia o declive xeral do PP, el segue a ser o amo absoluto, protexido pola tradición deste xa vello feudo electoral popular, no que mantén un férreo control da gran maioría dos medios de comunicación, públicos e privados, e conta coa impagable axuda dunha oposición de Pancho Villa. Por exemplo, non foi quen de confrontalo, como si fixo Jordi Évole, coas fotos da súa amizade con Marcial Dorado no debate televisivo das últimas autonómicas, no que só a nacionalista Ana Pontón se referiu a elas.
O presidente da Xunta lembra o personaxe de John Travolta no telefilme O rapaz da burbulla de plástico, que se saía do seu refuxio perecería, como ameazaba con ocorrerlle a Feijóo se daba o salto a Madrid, fóra do seu refuxio mediático e político que é Galicia
Pero esas imaxes, como as bacterias que ameazaban ao Travolta do telefilme, estábano esperando se cruzaba Pedrafita ou O Padornelo para aspirar á presidencia do PP, mentres da rúa Génova chegaba un intenso ruído de dossiers contra el. E todo isto sucedía nunha anovada política española na que, como proclamou o luns Pedro Sánchez en TVE, os gobernantes xa non establecen récords europeos de aparafusada resistencia á cadeira tras o estoupido dun escándalo, senón que dimiten o día de autos, como tivo que facer Màxim Huerta.
Así, os saloucos de Feijóo o pasado luns no xardín do antigo convento das Oblatas de Santiago semellaban o lamento do soldado que no último momento decidiu non desembarcar en Normandía, ante o perigo de morrer na praia de Omaha. Alí albiscara a mortífera potencia de fogo que desde os búnkers da política madrileña tiña a súa rival Soraya Sáenz de Santamaría, seica coa munición relacionada con Dorado que puido acumular a ex-vicepresidenta, que xestinou durante anos os servizos secretos. De maneira que para o marine dos Peares non só podía ser unha misión imposible a toma de París, é dicir o despacho principal da rúa Génova, e a de Berlín, que sería o palacio da Moncloa, senón que ademais existía o risco certo de que a súa carreira acabase na area, como lle pasou ao socialista Xosé Ramón Gómez Besteiro cando hai xusto tres anos saíu da muralla de Lugo camiño de Santiago.
Os saloucos de Feijóo o pasado luns no xardín do antigo convento das Oblatas de Santiago semellaban o lamento do soldado que no último momento decidiu non desembarcar en Normandía, ante o perigo de morrer na praia de Omaha
Hai un século o xenial Julio Camba escribiu con retranca que se un galego non tiña medios de vida suficientes na Terra, marchaba a Bos Aires e se non podía pagar a pasaxe, ía a Madrid para facerse ministro. O 18 de xuño de 2018, na véspera do décimo terceiro aniversario da derrota de Fraga nas urnas ante a alianza de PSdeG e BNG, Feijóo rompeu coas súas bágoas os moldes do histórico dilema que debullara Julio Camba, pois apelaba ao mantemento do seu compromiso cunha máis que cómoda posición en Galicia, pero choraba como se fose a embarcarse cara ao Río da Prata para endexamais volver á patria e facíao mentres comunicaba que renunciaba ás súas aspiracións de intentar ser un futuro presidente do consello de ministros na capital de España.
O 18-X foi o día non electoral máis importante da política galega desde que o 28 de agosto de 2008 Touriño se suicidou politicamente ao non adiantar as autonómicas. A xornada abriuse co inesperado anuncio da candidatura de Pablo Casado, que tería verdadeiro sentido se pensase facer campaña gabándose dos seus formidables métodos para conseguir títulos universitarios con notas máxicas. En calquera caso, o paso adiante dun dos vicesecretarios do PP descolocou o escenario no que estaba a traballar o presidente da Xunta, quen en primeira instancia intentaba ser o único candidato xurdido do establishment do partido, o que lle aseguraría aforrarse unha cruenta batalla interna, sempre co flanco aberto da súa vella amizade co capo. Contra o mediodía, desde os mellores postos de observación do PPdeG considerábase que todo estaba aberto, que o xefe o mesmo podería marchar que ficar. Ás 15.23 o servizo de propaganda do PPdeG convocou o acto da gran decisión, unha xunta directiva, un órgano de aplauso a Feijóo, ás 20 horas, no hotel Palacio do Carme.
A posta en escena do anuncio de Feijóo non era a propia da sobriedade que cumpriría para ese anuncio; estaba todo montado como unha voda que acabou con aires de funeral
Instalado no antigo convento das Oblatas, este hotel conforma xunto á aldea natal dos Peares os santos lugares do líder dos populares galegos, pois foi alí onde anunciara en 2006 a súa candidatura para suceder a Fraga e a onde volveu dez anos despois para comunicar que se presentaba por terceira vez a unhas autonómicas. Aínda que era evidente que se concluía que non podía marchar a Madrid ía presentar a decisión como unha renuncia a prol de Galicia, a posta en escena que houbo non era a propia da sobriedade que cumpriría para ese anuncio. Estaba todo montado como unha voda que acabou con aires de funeral, aínda que unha parte importante dos presentes o vivise ao revés, xa que sen o seu mesías vían en perigo os despachos que ocupan. Porén, tamén había os que, en caso da marcha de Feijóo, pensaban en mudarse a outros máis importantes. Reinaba, en resumo, unha mestura de bastante alivio, algo de decepción e moito desconcerto.
Imaxe do acto no hotel de Santiago no que Feijóo anunciou a súa decisión de non aspirar a presidir o PP [Foto: PP de Galicia]
O mércores no Parlamento Feijóo deixou a porta aberta a volverse presentar ás autonómicas en 2020, o que suporía non só incumprir a súa aposta inicial por gobernar dous mandatos, senón tamén o compromiso solemne de 2016 de estar só catro anos máis
Por máis que se intenten tapar cunha nube de incenso tan mesta que ata ameaza con afogar o propio homenaxeado, houbo moitas cousas que non cadraron, empezando pola que lle sinalou o xoves Carlos Alsina en Onda Cero ao presidente da Xunta, que se ficou polo compromiso con Galicia, xa non tiña sentido nin sequera reflexionar sobre marchar. Outra, máis de fondo, díxolla o mesmo día Jiménez Losantos, o locutor que chamou a actuar violentamente contra Alemaña polo caso Puigdemont. “¿No lo hubiera hecho mejor desde La Moncloa?”, preguntoulle Losantos a Feijóo sobre a súa promesa de defender os intereses de Galicia, xa que desde a ideoloxía do PP o lugar ideal para facelo é a presidencia do Goberno, a non ser que o dos Peares, que estes días se comparou moito co lehendakari e o president da Generalitat, se fixese de súpeto nacionalista, o que el mesmo desmentiu o mércores no Parlamento ao proclamar que se sente moi galego pero moi español. Nesa sesión no pazo do Hórreo deixou a porta aberta a volverse presentar ás autonómicas en 2020, o que suporía non só incumprir a súa aposta inicial por gobernar dous mandatos, senón tamén o compromiso solemne de 2016 de estar só catro anos máis. Esa declaración produciuse en pleno esforzo propagandístico da Xunta para reforzar a afirmación do presidente de que se afastou da carreira pola sucesión de Rajoy para, por enriba de todo, honrar a súa palabra, nese caso a de esgotar a lexislatura en Galicia.
O desconcerto medrou aínda máis cando, fronte á versión dos defensores de Feijóo de que el nunca afirmara que quixese facer carreira en Madrid e que todo era unha invención dalgúns conspiradores, na entrevista, tamén do xoves, con Pepa Bueno na Cadena Ser o presidente da Xunta se amosaba disposto a presentar a súa candidatura á presidencia do PP en 2020, se fose posible. Despois, na conferencia de prensa do consello da Xunta, tras facer a extravagante afirmación de que para entender o da Ser había que escoitar o conxunto das cinco entrevistas radiofónicas que dera esa mañá, desdíxose para asegurar que se agora fose 2020 si daría o paso. E, case con angustia, pediu sen éxito á prensa que non lle volvese preguntar sobre a cuestión ata dentro de dous anos.
O amago do 2020 aparece como un produto de consumo interno galego, para manter en pé o mito do Rambo dos Peares que é quen de conquistar ele sozinho París e Berlín, sen que o amolen os búnkers de Omaha Beach.
O amago do 2020 aparece como un produto de consumo interno galego, para manter en pé o mito do Rambo dos Peares que é quen de conquistar ele sozinho París e Berlín, sen que o amolen os búnkers de Omaha Beach. Pero as declaracións da Ser podían poñer a traballar a artillería do Muro do Atlántico de Soraya Rommel, incluso sen que Feijóo intentase o desembarco, para que non lle faga a vida imposible desde a súa baronía como Susana Díaz a Pedro Sánchez a partir de 2014. Para parar o marine dos Peares a grande oportunidade dos rivais de Feijóo como Sáenz de Santamaría era disuadilo antes de dar o paso coa posible información comprometedora que dispuxese, pois na situación na que está o PP está máis que contraindicado un novo escándalo público. Nos días previos á decisión de Feijóo a discusión nos cenáculos da política madrileña non era sobre a existencia dun dossier contra el, senón sobre o seu grosor. Resulta moi doado pensar que nese material houbese máis datos da súa amizade con Marcial Dorado, da que non se sabe moito máis que o que publicaron Elisa Lois e Xosé Hermida en El País en 2013. Un elemento novidoso, por pequeno que fose, reactivaría a polémica, que ademais, como se soubo despois, coincidiría coa reedición de Fariña e tras ese verdadeiro equivalente da retirada das tropas de Irak de Zapatero que foi para Sánchez a veloz caída de Màxim Huerta, porque incide na cuestión, a necesidade dunha rexeneración democrática, que o levou á Moncloa.
Nos días previos á decisión de Feijóo a discusión nos cenáculos da política madrileña non era sobre a existencia dun dossier contra el, senón sobre o seu grosor
Para Feijóo acabou sendo moito mellor ficar na súa cápsula mediática e política de Galicia, á que lle fixo todo un cántico na entrevista de Carlos Herrera na COPE desa frenética mañá do xoves. Díxolle que “sobre el álbum de fotos, mire con todos los respetos, esas fotos de hace 25 años no es que las haya explicado es que la gente, al menos aquí (en Galicia), está bastante harta de este tipo de comentarios y de este tipo de explicaciones”.
A dignidade profesional e valentía de Moyano e Hermida poñen o foco sobre a situación da TVG
Na burbulla de plástico mediática que envolve o presidente da Xunta houbo o martes, o día seguinte dos feitos do convento das Oblatas, unha convulsión, cando Miguel Pardo publicou en Praza Pública a noticia da dimisión presentada o venres anterior polos presentadores do informativo da noite da TVG, o Telexornal Serán. Tati Moyano e Alfonso Hermida renunciaron no marco das protestas dos chamados venres negros, en contra da manipulación gobernamental dos medios públicos galegos. Trátase dun xesto de dignidade profesional e de valentía, sobre todo no peculiar contexto galego, que pon o foco sobre a situación da TVG, en plena discusión sobre o control de TVE polo PP. |
- A outra opción do PPdeG, a de Pastor, non era viable porque lle obrigaba a entregar o Congreso ao inimigo ->SEGUIR LENDO