0 Gardados para despois

Fariña, a pedra no camiño triunfal de Feijóo

Anxo LugildeAnxo Lugilde | @anxoluxilde


A das Letras foi unha moi boa semana para Feijóo, seica a mellor desde comezos de marzo. Este feito nada ten que ver coa situación da lingua do país, a única cooficial do Estado que perde falantes como se denunciou na ritual manifestación do 17 de maio. Tampouco garda relación co optimista balance oficial da viaxe presidencial a Bruxelas, pois, aínda que a confirmación do mantemento dos fondos sería unha gran nova, só co tempo se poderán pasar os bos desexos polo peneiro da realidade da burocracia europea. A noticia da que se quixo puido gozar o xoves pola noite o inquilino da residencia presidencial de Monte Pío é tan boa para el, que compensa os ecos da recente constatación no Congreso de que o que presentou como a auditoría previa á fusión das caixas non era tal. E tamén fai o propio cos movementos sísmicos no PP do sur de Galicia polas avanzadas negociacións de Ciudadanos para fichar o exconselleiro Javier Guerra.

Este revival, amplificado pola súa comparecencia no programa de Jordi Évole no peor momento para facelo, cortou polo de agora o que semellaba o inicio da definitiva marcha triunfal de Feijóo cara á capital de España como sucesor de Rajoy

Houbo un antídoto que empequenece todas esas preocupacións ao actuar sobre a prioridade de Feijóo, a do seu soño madrileño. Chámase 22 balas, o título da película que Antena 3 emitiu no sitio que ata a semana anterior ocupou na grella Fariña, o nome do libro e da xa finalizada serie que devolveu á actualidade as súas fotos con Marcial Dorado, cando xa parecían estar lavadas nas urnas galegas de 2016. Este revival, amplificado pola súa comparecencia no programa de Jordi Évole no peor momento para facelo, cortou polo de agora o que nos maiores medios de comunicación do Estado e nos salóns do poder de Madrid semellaba o inicio da definitiva marcha triunfal de Feijóo cara á capital de España como sucesor de Rajoy.

Contan no PPdeG que o seu líder aceptou a entrevista que había tempo lle pedía o xornalista catalán dentro dunha negociación coa súa produtora, que pretendeu contar co presidente da Xunta nun programa nas zonas calcinadas pola vaga de lumes de outubro que non se chegou a rodar. Ao final a presenza en Salvados enmarcouse na xira que iniciara Feijóo en xaneiro por varias das principais canles de televisión e radio e xornais do Estado, tras o novo afundimento de Rajoy, Saénz de Santamaría e a dirección da madrileña rúa Génova nas eleccións catalás. Seica por estar metido na súa propia cápsula, que fai que para a maioría dos medios galegos as fotos con Marcial Dorado sexan tabú, o aparato de propaganda do presidente non tivo en conta que ese era o peor momento para que o seu xefe se sentase ante Évole, xusto cando unha xuíza de Collado Villalba, ao pé precisamente da autovía de entrada a Madrid desde Galicia, acababa de tomar a moi esaxerada decisión de secuestrar a obra de Nacho Carretero sobre a historia do narcotráfico galego. No círculo presidencial laiábanse despois de como fora editada a longa conversa de Salvados, sobre todo no que atinxe a Dorado.

Seica por estar metido na súa propia cápsula, que fai que para a maioría dos medios galegos as fotos con Marcial Dorado sexan tabú, o aparato de propaganda do presidente non tivo en conta que ese era o peor momento para que o seu xefe se sentase ante Évole

Fariña, ese libro no que sae vostede, como o definiu Évole no fragmento que acabou por servir de anuncio do seu programa “Esperando por Feijóo”, é unha obra que ten un flanco feble, o dalgúns erros de documentación. Un deles é a falla dunha referencia á sentenza do Tribunal Supremo que, a diferenza doutras co mesmo reo, absolveu polo delito de narcotráfico o exalcalde do Grove Bea Gondar, o autor da demanda que provocou o secuestro xudicial. O caso deste político que pasou por UCD, AP e un partido independente, e chegou a ser elixido alcalde estando en Alcalá Meco, non aparece na serie, pero si está a inexactitude de situar a mediados da década de 1980 a famosa frase de Fraga a Rajoy do ano 2000 de que casase e falase galego, idioma que, como ben lembran os populares que máis trataron o seu patrón hai tres decenios, nin o león de Vilalba empregaba entón.

A imaxe que se dá na serie do primeiro presidente da Xunta, con capacidade decisoria e non só como unha figura decorativa, ten pouco que ver coa realidade do seu mandato, no que delegou o poder no seu valido Barreiro

Na Fariña da televisión atribúese á intervención dos narcos o afastamento de Rajoy da Deputación de Pontevedra, cargo que en realidade deixou antes do previsto, no outono de 1986, para asumir a vicepresidencia da Xunta en substitución de Xosé Luís Barreiro, co que perdera meses atrás a batalla interna polo control da Alianza Popular pontevedresa. Segundo denunciara entón publicamente o agora presidente do Goberno, o seu rival Barreiro contou co apoio dos capos, a través do que foi o estreito colaborador deste en AP e en Coalición Galega, o narcoavogado Pablo Vioque, en quen se basea o personaxe da serie do letrado Pedro Ventura, que é precisamente o que fala de Rajoy. Alén da moi polémica xuntanza de Fernández Albor cos contrabandistas fuxidos en Portugal, da que conta Carretero no seu libro que se sabe con certeza que se produciu mais non están claras as súas circunstancias, a imaxe que se dá na serie do primeiro presidente da Xunta, con capacidade decisoria e non só como unha figura decorativa, ten pouco que ver coa realidade do seu mandato, no que delegou o poder no seu valido Barreiro ata que romperon en 1986.

Fernández Albor, con Barreiro Rivas na súa etapa como vicepresidente, no Parlamento de Fonseca

Fariña como libro ten dúas grandes fortalezas. É un apaixonante relato moi ben escrito dos extraordinarios feitos que levaron a uns contrabandistas e furtivos da ría de Arousa a converterse no elo de entrada da droga colombiana en Europa. E Carretero acertou de cheo na ambientación, no xeito de retratar as con frecuencia trapalladas destes criminais enxebres. Aínda que o uso dun castrapo en ocasións antinatural poida renxer, a serie explota de xeito acaído esa feitura do seu antecesor escrito en momentos estelares como o de moreas de cartos correndo coa auga da choiva no medio da vila ou a descarga de droga aproveitando a procesión da Virxe do Carme. Por máis que perdese forza para rematar cunha audiencia do 37% en Galicia e o 13% en España, Fariña chegou a acadar nas primeiras entregas un estratosférico 51% no país e un notable 21% no conxunto do Estado.

O gran paradoxo da dimensión política do libro de Carretero é que o seu contido resulta bastante menos desfavorable do que se podía pensar para os intereses do actual presidente da Xunta

Como xa contou a fin de semana pasada David Lombao, ese éxito provocou desacougo pola volta do pasado incómodo de Galicia. E xerou, sobre todo, un problema no presente a Feijóo, aínda que desta vez Évole non lle poida dicir que sae na serie, pois remata varios anos antes do tempo da súa amizade co capo Marcial Dorado, mentres todo semella apuntar polo de agora a que non vai haber continuación. O gran paradoxo da dimensión política do libro de Carretero é que o seu contido resulta bastante menos desfavorable do que se podía pensar para os intereses do actual presidente da Xunta, pois, máis alá de non achegar datos novos nin entrar noutras ligazóns de Dorado con dirixentes do PP, deixa en aberto a cuestión de se este só se dedicou ao contrabando de tabaco ou se as conexións co narcotráfico polas que foi condenado indican que si entrou nese negocio. Así malia o libro se vender moi ben, con varias edicións, non tivo repercusións para o dos Peares ata que a xuíza Fontana o fixo famoso, o que levou a poñer de novo o foco nas relacións entre o narcotráfico e a política, o que no contexto actual remite ás fotos publicadas por El País en marzo de 2013.

O problema de Feijóo non estaba no contido de Fariña, senón na mensaxe subliminar da lembranza sobre o que supuxo o narcotráfico en Galicia naqueles anos

O episodio todo do secuestro do libro, a entrevista de Évole e o posterior corte nas continuadas aparicións do presidente da Xunta nos medios de alén de Pedrafita, nese ir de “plató en plató” que dicía Pachi Vázquez, amosa que as fotos de Dorado seguen a ser o punto feble de Feijóo na súa carreira cara ao poder en Madrid, aínda que tras a súa incontestable vitoria electoral de 2016 en Galicia, co seu mellor resultado en porcentaxe de voto e a única maioría absoluta da España autonómica en tempos de gran desfeita do Partido Popular, xa non teñan o carácter de elemento de inhabilitación que adquiriron nos primeiros anos posteriores á súa difusión. Despois de que ningún candidato se atrevese a sacar as fotos no debate electoral da TVG e que só a nacionalista Pontón fose quen de falar delas alí, o portavoz de En Marea, Luís Villares, atacou o presidente da Xunta no Parlamento co papel de Albor na serie como arma. Mais o problema de Feijóo non estaba no contido de Fariña, senón na mensaxe subliminar da lembranza sobre o que supuxo o narcotráfico en Galicia naqueles anos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

As municipais da gaivota laranxa, que polo de agora voa baixo

Albert Rivera está a lanzar unha ofensiva no niño da gaivota, Galicia, o berce do PP, ademais do de Fraga e Rajoy. Tras tantos fracasos tendo como referencia desde Madrid a lucense Marta Rivera, cos seus case 30 anos na capital, e despois de presentar ás autonómicas a viguesa Cristina Losada que leva aínda máis tempo nesa cidade, C’s está a traballar desde hai meses nun novo intento de entrada na fortaleza do PPdeG no que aparece como o elemento fundamental a fichaxe do exconselleiro Javier Guerra que está a negociar a súa dirección española.

O maior atranco nas negociacións con Guerra atópase en que C’s quere que sexa o candidato das municipais e el non desexa dar a batalla contra Abel Caballero e vese máis ben de novo no Congreso ou no Parlamento autonómico

No PP din que en realidade o que aínda é o seu afiliado reside no Algarve, mais desde logo ten unha ligazón coa política galega moito maior ca alguén residente en Madrid desde hai décadas e acumula unha experiencia sen comparanza, por exemplo, con aqueles candidatos das xerais famosos por fuxir da prensa. Mais a incorporación do primeiro conselleiro de Economía de Feijóo, que aínda non está pechada, tamén presenta problemas, pois no seu paso pola Xunta Guerra non se construíu ningún perfil de peso na política galega, mentres se situaba na á máis dereitosa do PPdeG, o que seica C’s trata de compensar dicindo que tamén traballa en fichaxes procedentes do PSdeG e manobras máis ben folclóricas como a de anunciar a incorporación dun excandidato de Terra Galega de Lugo. Porén o maior atranco nas negociacións con Guerra atópase en que C’s quere que sexa o candidato das municipais e el non desexa dar a batalla contra Abel Caballero e vese máis ben de novo no Congreso ou no Parlamento autonómico.

Nesta situación a enquisa da empresa Sondaxe que hoxe publica La Voz de Galicia debe reforzar a determinación de Ciudadanos por facer do exconselleiro o seu cabeza de lista en Vigo, que sería a única cidade de Galicia na que non entrarían os de Rivera, pois á presenza que xa conseguiron hai tres anos en Pontevedra, Lugo e Ferrol, engadirían o ano que vén, segundo esa proxección, as de Ourense, A Coruña e Santiago. Trátase dunha enquisa feita a un ano das eleccións, cando falta por coñecer a maioría dos candidatos, nun contexto de elevada incerteza e por unha empresa que ten o seu historial de erros, sobre todo no agora mesmo moi complicado taboleiro das cidades galegas. Pero nunha Galicia na que a Xunta optou hai moito tempo por privatizar de feito a elaboración das enquisas, que en Cataluña fai un organismo da Generalitat mentres no País Vasco e en Andalucía se encargan as universidades, Sondaxe é o que hai.

Os datos de hoxe amosarían que todo segue igual que hai catro anos no que atinxe a formación de gobernos, pois o único cambio nas alcaldías produciríase en Ferrol, o que non supón novidade ningunha, senón o mantemento do péndulo da quenda entre sucesivas maiorías de centro-esquerda e centro-dereita imperante desde hai trinta anos, tras o inicio da chamada reconversión naval. Sondaxe prognostica que Ferrol sería o único sitio no que ao PP lle valería o feito de que, agás en Vigo, agora xa tería un partido co que pactar, Ciudadanos. Pero nin en Santiago, A Coruña, Pontevedra e Lugo os populares sumarían a maioría absoluta cos laranxas. En Ourense tampouco, mais poderían aínda así conservar a alcaldía, na medida en que as forzas do centro-esquerda sigan sen se entender co extravagante localismo do partido de Jácome.

A fortaleza do PP e a debilidade de C’s fan impensables en Galicia sorpassos na dereita como os que se anuncian en Madrid. A clave está en se o PP pode sumar maiorías nos grandes concellos cos de Rivera

A un ano das municipais, e á espera de coñecer en que medida se nota a crise do espazo de En Marea e Podemos e se iso pode alimentar algún tipo de recuperación maior do BNG ou do PSOE, a gran cuestión que se albisca ten que ver cun novo tipo de criatura política que determinará a cor das principais alcaldías galegas, a gaivota laranxa. A fortaleza do PP e a debilidade de C’s fan impensables en Galicia sorpassos na dereita como os que se anuncian en Madrid. A clave está en se o PP pode sumar maiorías nos grandes concellos cos de Rivera, cunha gaivota dos populares tinxida do laranxa de Ciudadanos e que polo de agora non dá levantado o voo.

Así, as mareas lograrían salvar as súas prazas principais de Santiago e A Coruña. O BNG manteríase no seu teito en Pontevedra e volvería entrar en Vigo, pero fallaría en Ourense e non lograría o pulo que necesita na Galicia urbana. O PSOE mantería con Abel Caballero a súa esmagadora maioría de Vigo, podería neste intre conservar a herdanza de Orozco en Lugo e, o que sería máis relevante, tería blindada a Deputación da Coruña e probablemente tamén a de Pontevedra. Na de Lugo, onde o peso urbano é menor, habería a dúbida de se con estes resultados poderían entrar os laranxas no pazo de San Marcos e que pasaría no resto da provincia.

A consulta de Quinteiro, un referendo sobre a desfeita de En Marea

Nestes 36 anos no Parlamento galego pasou de todo. Das dúas sesións máis lembradas unha foi aquela na que o presidente da Xunta (Fraga) que chegara o cargo dicindo que se prepara toda a vida para el, malia a ser ministro dunha ditadura que negaba a máis mínima descentralización, se desmaiou en pleno discurso e tivo que ser evacuado na cadeira da taquígrafa, mentres no hemiciclo se temía un desenlace fatal que afortunadamente non se produciu. A outra é na que o máis formidable orador que houbo nunca na cámara (Beiras) se fixo famoso golpeando o seu escano cun zapato, ao estilo de Kruschev na ONU, unha práctica que 20 anos despois recuperaría indo de cando en vez a petar coa man na mesa de Feijóo e outros deputados do PP, para maior gloria dos populares. Tamén houbo unha moción de censura cun tránsfuga (Barreiro Rivas) que así foi vicepresidente da Xunta na mesma lexislatura cun presidente popular e outro socialista, para acabar inhabilitado por corrupción.

A cuestión é con canta participación. Se superase con amplitude a metade do censo, os promotores fortalecerían a súa posición e estarían en condicións de empurrar a Quinteiro a irse. En troques, unha participación baixa ou moi baixa deixaría máis deslexitimada á dirección

Pasou o que pasou, que diría Iglesias Corral, e aínda máis. Pero o martes vai pasar algo que nunca pasara, unha consulta entre as bases dun partido para que digan se consideran que unha das súas deputadas (Paula Quinteiro) debe deixar o cargo, polo caso dos retrovisores. É toda unha innovación, que se da  na única formación que ten un mecanismo nos seus estatutos para revocar os parlamentarios, aínda que non é o que se usa nesta iniciativa ideada como unha arma de disuasión para intentar obrigar a afectada a renunciar. Como os principais grupos que se opoñen a dimisión non van votar, está claro que vai gañar o si. A cuestión é con canta participación. Se por exemplo superase con amplitude a metade do censo e con garantías sobre a limpeza do proceso que se vai facer por Internet, os promotores, a dirección de En Marea encabezada por Luís Villares, fortalecerían a súa posición e estarían en condicións de empurrar a Quinteiro a irse, ou para iniciar o proceso segundo o procedemento establecido. En troques, unha participación baixa ou moi baixa deixaría máis deslexitimada á dirección. É que a consulta vai ser na práctica un referendo sobre a desfeita de En Marea.