0 Gardados para despois

O éxito de 'Fariña', desacougo polo regreso do pasado incómodo de Galicia

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O pasado 9 de maio a canle Antena 3 emitiu o último -e, con toda probabilidade, tamén derradeiro- episodio de Fariña, a serie na que a galega Bambú Producciones trasladou e adaptou ao audiovisual baixo a dirección de Carlos Sedes e Jorge Torregrossa algúns dos feitos relatados polo xornalista Nacho Carretero no libro do mesmo título, que á súa vez recompilaba parte do traballo xornalístico que nos anos 80 e 90 deitou luz sobre as redes do narcotráfico galego. O secuestro do libro de Carretero por orde dun xulgado de Madrid precipitou o pasado abril a estrea da produción televisiva. Ambas circunstancias contribuíron a que, non sen controversia, regresasen ao imaxinario público de Galicia algúns dos sucesos máis incómodos da historia recente do país e, con eles, as protestas de persoas e institucións directa ou colateralmente implicados neles.

Mostra desta incomodidade foi o propio secuestro xudicial do libro tras dous anos e medio á venda. A medida ditada polos xulgados da localidade madrileña de Collado Villalba foi solicitada por Alfredo Bea Gondar, ex-alcalde do Grove, que previamente denunciara a Carretero por inxurias e calumnias. A demanda de Bea Gondar baséase nunhas poucas liñas do volume editado por Libros del KO, fundamentalmente no treito en que o autor se refire a que foi "procesado en 2001 por un alixo de dúas toneladas de cocaína", pero non á absolución do ex-político pola anulación do sumario que instruíra Baltasar Garzón e o cambio na declaración dun arrepentido. Bea Gondar si foi, así e todo, condenado por branqueo.

O secuestro do libro a instancias de Bea Gondar precipitou a estrea da serie de Bambú Producciones

Os movementos contra Fariña mentres foi só un libro multiplicáronse en diferentes esferas tras o salto á televisión española en horario de máxima audiencia. Tras a emisión do primeiro capítulo con máis dun 20% de audiencia na media estatal -o duplo en Galicia-, o narco Laureano Oubiña anunciaba a través do seu avogado, Manuel Álvarez de Mon, que emprendía accións xudiciais contra a produtora da serie e mais contra Atresmedia por "intromisión na honra" do seu cliente. A razón, unha fugaz escena de sexo do personaxe de Oubiña, interpretado por Carlos Blanco, no primeiro capítulo da serie.

Nas semanas seguintes o mesmo avogado anunciaba novas accións contra Fariña no nome do ex-narco arrepentido Manuel Fernández Padín, quen en declaracións a Faro de Vigo asegurou ser vítima de "imprecisións e mentiras graves" no libro de Carretero. Quen delatara ante as autoridades ao clan dos Charlíns amagara tamén con pedir a suspensión da serie televisiva. O procedemento contra a obra de Libros del KO, igual que a demanda de Oubiña contra Bambú, tivo a súa primeira parada nun acto de conciliación que finalizou sen acordo. No caso da produción televisiva a produtora resalta que é unha montaxe baseada en feitos reais, non unha reprodución exacta deses mesmos feitos.

Laureano Oubiña e mais os arrepentidos Padín e Portabales emprenderon accións xudiciais contra o libro e a serie

Tras Oubiña e Padín outro dos protagonistas daqueles anos e, nomeadamente, da investigación e xuízo da Operación Nécora, saíu nas últimas semanas ao paso de Fariña. Tamén con Álvarez de Mon como representante legal outro arrepentido, Ricardo Portabales, asegura estudar accións legais de seu. Segundo un comunicado divulgado polo avogado, Portabales séntese vítima de "falsidades" por mor dalgunhas escenas da serie, xa que por exemplo, afirma, "non é certo que traballase, coñecese ou denunciase" a Sito Miñanco. O mesmo comunicado asegura que Portabales se ofrece a divulgar os feitos "reais" en calquera televisión estatal que lle sufrague o desprazamento e estancia en Madrid se pode ser asistido polo seu avogado na emisión.

A vaga expansiva na política (e na televisión) galega

Imaxe distribuída por 'Libros del K.O.' tras o inicio do procedemento do secuestro do libro

A serie devolveu ao debate político os contactos de dirixentes galegos con contrabandistas e narcos nos anos 80 e 90

Pero o éxito de Fariña, libro e serie, non tivo só repercusións pola banda dos narcos, arrepentidos ou non, ou das persoas que se viron implicadas na súa persecución, abeiro ou denuncia social. A publicación e secuestro do libro e a emisión da serie impactou no panorama político galego ao axitar lembranzas dos anos 80 e 90, pero tamén outras máis actuais. Non en van, a produción de Bambú representa feitos que hai tres décadas xa chegaran a ser debatidos no Parlamento galego, como a xuntanza do ex-presidente Fernández Albor con contrabandistas de tabaco fuxidos ao norte de Portugal. Nos seus diálogos transcenden, ademais, circunstancias que pairan sobre o panorama político do país dende o inicio mesmo da autonomía, como as 'malas compañías' de dirixentes políticos da época ou o suposto financiamento de Alianza Popular do que se gaban procesados como Laureano Oubiña.

Feijóo tentou zanxar a controversia advertindo de que "unha cousa é un guión televisivo e outra, a realidade"

A representación na serie da música do país ou o reflexo da realidade lingüística de Galicia nunha produción en castelán foron tamén asunto de debate nunhas semanas nas que o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se tivo que volver enfrontar, ao fío de Fariña, ao episodio da súa biografía que máis problemas políticos lle causou, a antiga amizade co narcotraficante Marcial Dorado precipitada á luz pública polas fotografías publicadas por El País en marzo de 2013. Nas redes sociais, en roldas de prensa e tamén no Parlamento a oposición galega instou a non esquecer todo o acontecido e o presidente, así como a contorna do PPdeG, insistiron en enmarcar a serie no eido da ficción, simplemente.

"Hai formacións políticas que fan as preguntas ao presidente en funcións dos guións televisivos", laiábase o pasado abril Feijóo, pero "unha cousa é un guión televisivo e outra, a realidade". A esquerda galega, acusa o titular do Goberno galego, tentou "trasladar un guión televisivo á realidade dos acontecementos daquela en Galicia, volvendo unha vez máis a falsear a realidade e a mentir".

O éxito da serie de Bambú xerou receos na contorna da TVG

Coas lembranzas daqueles tempos de volta na vida pública do país remataba a vertente televisiva de Fariña, que segundo os datos difundidos pola propia produtora e diversos medios especializados roldou o 40% de audiencia en Galicia durante todas as súas emisións, datos aos que habería que engadir o tamén exitoso seguimento en diferido. Este amplo seguimento e os eloxios recibidos polo equipo técnico e dramático da serie, con moi ampla presenza galega, xerou receos que van alén dos feitos relatados e chegan ao ámbito da Televisión de Galicia, que nos días da estrea de Fariña lanzou unha campaña instando a que a audiencia non coñecese a historia galega por relatos elaborados dende "fóra".

O ruxerruxe sobre o malestar na contorna dos medios públicos galegos e dalgunhas das produtoras ligadas a eles incrementouse inmediatamente despois da fin da emisión da serie en Antena 3. "Cóntanme que TVG tomou represalias contra algúns dos actores de Fariña e eu dígome que non pode ser certo... Porque non pode ser certo que iso suceda a día de hoxe nunha tele pública, verdade?", escribía este sábado na súa conta de Twitter o noiés Ramón Campos, produtor executivo de Bambú e un dos principais impulsores da serie.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.