O narco Oubiña despreza as nais de Érguete e volve gabarse de financiar Alianza Popular

Oubiña, este mércores na Cadena Ser © Cadena SER

O histórico narcotraficante Laureano Oubiña ten 71 anos. Actualmente goza do réxime de liberdad econdicional por atoparse na cuarta parte final da última das súas seis condenas, esta por branquear cartos procedentes do tráfico de drogas. Durante as últimas tres décadas cumpriu outras por narcotráfico, delito fiscal ou suborno, entre outros delitos. Oubiña está inmerso nas últimas semanas nunha rolda de entrevistas en diferentes medios de comunicación que este mércores o levou ao programa matinal da Cadena SER, onde aproveitou as preguntas sobre a súa vida para desprezar o colectivo Érguete de axuda a persoas toxicómanas, as nais contra a droga, e para gabarse de financiar Alianza Popular -xermolo do PP- nos anos en que manexaba centos de millóns de pesetas.

Sen lugar ao arrepentimento -"despois de cometer un delito, de que te vas arrepentir?", pregúntase-, Oubiña esixe ser distinguido de quen se enriqueceron co tráfico de heroína. "Eu non son traficante de drogas, fun transportista de haxís; porros, nada máis", insiste nun contexto no que proclama non ter "nada que ver" coa introdución de heroína en Galicia nas décadas dos anos 80 e 90 do século pasado. Mentres prepara un libro no que, avanza, axustará contas con quen o critican mantén que nunca "pensou" nas consecuencias do haxís para a mocidade galega da época. "Eu non entendo nada de drogas" e "o que me dixo xente que consume haxís" é que "non se pasou" a ningunha outra.

O narcotraficante, en liberdade condicional, desdeña o traballo de Érguete e acusa as nais de "manter o tema" para "coller subvencións"

Dende o convencemento de que na actualidade a heroína "xa non mata a ninguén" e o razoamento de que "a ninguén lle puxeron unha pistola no peito para consumir haxís nin outras drogas" quen foi emblema do poderío dos cartos da droga coa compra do Pazo Baión desdeña abertamente a quen tornaran en icona da loita contra os narcos, as nais que en 1994 lanzaran a súa indignación contra as reixas do luxoso edificio, na actualidade bodega e centro de reinserción de toxicómanos tras a súa poxa e venda na década pasada. Oubiña lanza a súa ira especialmente contra a presidenta do colectivo, Carmen Avendaño, á que acusa de "manter o tema" para "coller subvencións" e da quen di "non saber" que "escollería" se a fixesen optar entre unha achega económica e a vida do seu fillo falecido. "Nas películas chega un momento no que, de repetitivas, non hai quen as vexa; a esta señora chegaralle o seu momento tamén", afirma.

Cartos para AP

Oubiña "reta" o PP a que o "leve ao xulgado" para presentar "probas" de que o financiou

Como noutras aparicións mediáticas Laureano Oubiña tamén foi cuestionado desta volta a respecto do seu financiamento a Alianza Popular, o partido fundado por Manuel Fraga que tornou no actual PP en 1989. O narcotraficante asegura ter "probas" desas achegas. "Dáballes diñeiro e coma min, moitos máis", gábase, antes de especificar que financiaba o partido "como empresario, non como contrabadista" xa que "eu tamén tiven empresas legais". "As probas, se me levan ao xulgado, alí as presentarei", resolve en referencia a unha época na que "non existía o branqueo" de capitais. "Que tiren para o xulgado, rétoos".

Mentres, no marco do terceiro grao penitenciario, resalta que está a colaborar nunha organización de axuda a persoas con problemas de drogas, Oubiña mantén que no seu retorno a Galicia non sentiu "ningún rexeitamento social" e láiase de estar a sobrevivir cunha pensión de 360 euros "e coa axuda dos meus fillos". "Non teño diñeiro, escondido nin sen esconder", asegura.

Oubiña, este mércores na Cadena Ser © Cadena SER
Protesta das nais contra a droga ante o Pazo Baión en 1994, nunha imaxe da TVG © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.