0 Gardados para despois

"Púxose máis esforzo en coidar a lingua de ‘Fariña’ do que se ve en moitos produtos actuais da TVG"

María YáñezMaría Yáñez | @myanllo


A serie que levou á ficción a historia do narcotráfico en Galicia está en boca de todo o mundo por moitos motivos, entre eles que retrata un tema aínda de actualidade que non para de xerar titulares. Desde a enésima detención de Sito Miñanco ata o secuestro do libro ‘Fariña’ de Nacho Carretero do que parte a serie homónima, ou os exabruptos e ameazas de Laureano Oubiña, parece que todos os afectados se puxeron de acordo para darlle publicidade á serie. Pero tamén se fala dela por méritos propios: do excelente traballo dos actores -case todos galegos, coma o resto do equipo-, da coidada ambientación e tamén da lingua. ‘Fariña’ leva por primeira vez a unha televisión estatal a maneira de falar dos galegos nos anos 80 e 90, se daquela fixesen todos o intento por falar castelán que agora esixe o prime-time de Antena 3. O castelán de Fariña ten entoación galega, sintaxe galega, algún vocabulario de aquí… e á maioría da xente sóalle crible e auténtico.

Unha das responsables disto é Rosa Moledo, a asesora lingüística de ‘Fariña’, que leva traballando máis de dúas décadas como tradutora e lingüista no noso audiovisual, e que estivo durante a rodaxe da serie pegada aos actores e ao equipo de dirección e guión para lograr que os personaxes falasen como os galegos reais que eran. Recibía así a encarga do director Carlos Sedes, que tiña moi claro desde o principio que a serie debía soar a galego, e decidiu chamar a Moledo, quen no seu día xa traballara no asesoramento de ‘Mareas Vivas’.

Cal foi o principal reto á hora de enfocar o tratamento lingüístico de ‘Fariña’?

Unha das cousas fundamentais que eu tiña clara desde o principio era que non se fixese parodia. Ninguén a quería facer, por suposto, pero é moi fácil caer nela. Entón andabamos con coidado, evitando sobrecargar ou dicir certas cousas. Había que manter un punto de equilibrio que aos actores tamén lles custaba, porque eles, cando traballan en Madrid, están afeitos a todo o contrario, a ter que “neutralizar” o acento. Ao principio era ler o guión en castelán e a algúns saíalles de maneira automática o acento ou a entoación castelá, aínda que estivesen falando comigo 5 minutos antes en galego. Eu tíñaos que corrixir. Dicíanme: “ti mándasnos facer o contrario do que nos corrixen normalmente”. En xeral para todos foi un reto importante, porque era un proxecto moi diferente e innovador.

Como foi o proceso previo?  E o día a día na rodaxe?

"Ao principio aos actores custáballes falar en castelán con acento galego, porque estaban demasiado afeitos a ter que “neutralizalo” cando traballan en Madrid"

A min pasábanme todos os guións. Cando recibín o primeiro fixen unha análise moi exhaustiva, envieino corrixido de volta e falei durante horas cun guionista por teléfono para comentar cada expresión. El non era galego, pero quería que llo explicase todo: por que había que cambiar pronomes de sitio, como facemos as perífrases en galego, como construír as frases, de que maneira sería máis adecuado dicir as cousas… Ese proceso co primeiro guión foi moi longo, aí andamos moito camiño e nos seguintes xa fomos máis rápidos. Non se trataba simplemente de non poñer tempos compostos, hai moita máis música que está aí polo medio, en cousas que a primeira vista non se notan, coma as perífrases: eu cambiaba todos os pronomes de sitio, porque en galego normalmente están mais achegados ao primeiro verbo. Un exemplo: se no guión viña escrito “voy a decírtelo”, eu sempre corrixía por “te lo voy a decir”. Ou “hay que hacerlo” por “lo hay que hacer”. Todas esas cousas íanse cambiando. A partir de aí creei un informe, unha especie de manual, que se lles pasaba a todos os actores e actrices que había na serie, mesmo aos que só participaban cunha frase. Todos eles me viñan preguntar, polo acento, pola entoación… estaban moi preocupados por facelo ben sen caer na caricatura. 

Viches tamén gravacións dos personaxes orixinais para preparar a lingua?

Si, penso que o fixemos todos. Cando empezabamos a ensaiar para a serie acababa de saír Laureano Oubiña do cárcere, e escoitei unha entrevista que lle fixeran na que que conservaba moitos trazos lingüísticos propios a pesar de el ter pasado tanto tempo no cárcere fóra de Galicia. Tiña maneiras de falar que só dicimos os galegos, como “es que si eso fuese así, yo no estaba aquí”. Ese uso do imperfecto como condicional era escoitalo e dicir: pois é verdade, nós dicimos así. Si que collía deles moitas ideas para reescribir as frases do guión. No caso de Oubiña, xa case nos daba o traballo feito.

Como se preparan os matices lingüísticos de cada personaxe?  En que se diferencian a lingua de Miñanco, a do sarxento Castro ou a de Terito?

"Colliamos moitas frases das personaxes reais para traballar a lingua de ‘Fariña”. No caso de Laureano Oubiña, xa case nos daba o traballo feito"

Os rexistros xa viñan marcados desde o guión. Despois, como pasa en todos os proxectos, o actor vaise facendo coa personaxe, ou a personaxe co actor, e iso tamén inclúe a lingua. De todos os xeitos o que máis marcaba a maneira de falar era época, que era común a todos. O relato da serie empeza no 80, parece que non pero hai moito tempo diso. Entón moitas frases que había eu cambiábaas, dicíalles aos actores: non penses en como falas ti, pensa en como fala teu avó.

Nese sentido hai certas expresións galegas que ás veces soan estrañas metidas polo medio do castelán, como “meu pai” ou “traballo”. Hai xente que di que ninguén fala así. De onde saíu esa escolla? 

O de “meu pai” era tratamento de respecto, meus avós dicían mi padre e mi madre, miña nai aínda di meu pai e miña nai, e aínda hai moita xente que segue tratando de vostede os pais e usando estas expresións.  Ao principio queríanlle meter “pai”, pero era un calco do español, aquí a xente non o di así. Dixemos: se o facemos metémoslle o posesivo, se non, mellor non facelo, dicimos “papá” ou o que sexa. Entendo que chamase a atención porque ao principio a min tamén se me facía raro meter palabras en galego polo medio do castelán. Pero non queriamos meter palabras porque si, pola nota exótica, tiña que ser sempre con algún sentido. Por exemplo o de “traballo” é o nome que se lles daba ás descargas. “Traballo” non equivale a trabajo, senón que é, na fala dos narcos, estritamente unha descarga e decidimos manter iso. Si que quedaba ao principio un pouco raro dicir “Tengo un traballo”, pero axiña nos afixemos. É unha maneira de situar o espectador, a base de oír esa palabra aprende que na serie ten ese significado e punto. Ao final é unha ficción e non está mal que xere a súa propia linguaxe. Pero ten que ser sempre cun sentido, non son decisións aleatorias.

Chamaríaslle castrapo á lingua que se fala en Fariña?

"Ás veces pensabamos “e isto entenderase?” pero tamén confiabamos no público: aínda que á xente de fóra de Galicia lle soase un pouco raro ao principio, era cuestión de afacerse"

Eu xa para empezar non lle chamaría “castrapo” a nada. Pero se imos por aí a certas cidades ou vilas galegas, oes formas de falar ás veces que si que parecen de ficción. Eu non sei como chamarlle a esa lingua que se escoita pola rúa: ten a música do galego, ten as construcións do galego, ten palabras en español polo medio, ten perífrases do galego, o acento… e é xente que pensa que fala en castelán, pero iso de castelán ten pouco. Non sei, eu téñolle chamado “español-galego”, se cadra temos que facer coma co spanglish e chamarlle “espagal”... En todo caso é un idioma que existe, eu non o inventei, está na rúa. Logo, cando che piden como asesora que traslades iso a unha serie en castelán, buscas o equilibrio, pero sempre caendo máis do lado do galego. A lingua de ‘Fariña’ parte desa realidade pero levada dúas décadas atrás, ao final é unha creación colectiva cos guionistas, co reparto… unha mestura singular á que lle poderiamos chamar “fariñento” (risas). Pero feito con moitísimo respecto e co obxectivo de que fose natural e crible.

A serie está en castelán porque se emite en Antena 3, pero que lingua pensas que falarían os protagonistas reais na súa época?

Galego, case seguro. Pola época penso que si, mesmo os máis noviños. Eran case todos xente humilde. Logo pode ser que pasasen ao castelán para facer os seus negocios con socios de fóra, claro...

Con todo e ser unha serie en castelán, moita xente di que parece galego.

É que o galego non é só letra. Coma todas as linguas, é tamén, e sobre todo, música. É galega a forma que teñen de expresarse, pero tamén o fondo, o que din, esa retranca, estarche dicindo unha cousa dando a entender a contraria... esa idiosincrasia nosa está moi presente na serie. Se todo o acento, a entoación, e as construcións das frases non estivesen acompañadas dese espírito de fondo, non faría o mesmo efecto. Hai un traballo moi ben feito desde o guión á ambientación, a estética, a música, está todo moi coidado. Hai unha harmonía enorme e os actores e as actrices están impresionantes. Cando as cousas se fan ben, con cariño e ilusión, coidando o traballo, ao final nótase.

Rosa Moledo, facendo un pase de guión co equipo de dirección e actores / © Jaime Olmedo / BAMBÚ

Tiñades algún medo a como reaccionaría o público ao tema da lingua?

Tiñamos, si, unha mestura de ilusión e medo, sobre todo pola incerteza, porque a fin de contas, unha serie falada así era unha novidade e non sabiamos como a xente ía responder. Intuiamos que ben, e tiñamos a conciencia tranquila porque sabiamos que era un traballo ben feito. Si que ás veces pensabamos “Isto entenderase?”, pero tamén confiabamos no público: aínda que á xente de fóra de Galicia lle soase un pouco raro ao principio, era cuestión de afacerse. Como cando vas ver unha película arxentina, e os primeiros 15 minutos cústache entender todo pero logo xa esqueces a forma de falar se o que che están contando che interesa.

Agora que xa está en emisión, que comentarios recibes sobre a lingua da serie?

Non ando moito polas redes sociais, e perdo moitas cousas, hai xente que me vai contando e que me manda capturas ou chíos. O día da estrea, sobre todo, mandábanme as cousas boas, aínda que supoño que habería de todo. A xente estaba moi sorprendida polo acento, emocionábanme moito tanto os comentarios da xente de fóra, e tamén os de galegos que viven fóra, que dicía “como me recorda isto de meu pai a meus avós”. Hai un comentario que me chistara moito, un tipo de Canarias que dicía “a veces no entiendo una mierda, pero no puedo desengancharme, estoy absorbido”. Pois era iso o que buscabamos. Que aínda que a xente non entendese todo, a ficción fose tan interesante que a lingua non importase, ou que importase para ben, para darlle máis personalidade e realismo á serie.

Tes xa moita experiencia como asesora lingüística na televisión, e estiveches tamén en 'Mareas Vivas'. Como chegas a ese traballo?

"Non hai ninguén que reme a favor da lingua nos medios públicos, ás veces parece mesmo que todo o contrario"

Eu era tradutora e empecei a traballar cando comezaron as dobraxes en Galicia. Primeiro traducindo os guións e despois como lingüista en sala, na dobraxe propiamente dita. A primeira serie na que traballei como asesora en rodaxe foi ‘A familia Pita’, e despois chegou ‘Mareas Vivas’, con todo o que iso supuxo. Unha serie na Costa da Morte na que os creadores (os guionistas Zopilote, Antón Reixa, Miguel Anxo Murado) querían que os personaxes falasen a variante dialectal da zona. E iso era moi innovador naquel momento. Para preparalo fixen moita investigación: fun a bibliotecas, ao ILG, consultei o Atlas Lingüístico de Galicia, estudei as zonas, os trazos… aínda que tampouco me custou moito porque eu son de Mazaricos e comparto moitos dos trazos dialectais. De todos os xeitos, a mellor investigación faise escoitando de forma atenta pola rúa. Así fixemos con ‘Fariña’.

‘Mareas Vivas’ foi no seu momento un fenómeno social e cultural en Galicia, e parece que ‘Fariña’ vai camiño de se converter noutro fito do noso audiovisual. Ves algo en común entre os dous proxectos? 

Si, moita xente mo recorda estes días, e xa o comentabamos cando estabamos na rodaxe, pois hai persoas do equipo que estivemos nas dúas series. A sensación de estar participando nun proxecto innovador e a mestura de medo e ilusión que iso che dá, eran similares. E nos dous casos creouse un ambiente xenial no equipo. En ‘Mareas Vivas’ quedamos o día da estrea no bar onde xantabamos normalmente, para vela todos xuntos. Agora para ver ‘Fariña’ comentamos os episodios o equipo por whatsapp. A enerxía entre nós é a mesma, e eu creo que iso se traslada ao produto, e finalmente ao público. Escoito pola rúa a xente falando de ‘Fariña’, e iso fai moita ilusión.

No tempo que levas traballando, como ves a evolución da lingua no audiovisual?

Evolución non é a palabra. Creo que con iso está todo dito. Non hai ninguén que reme a favor da lingua nos medios públicos, ás veces parece mesmo que todo o contrario. Non interesa, non hai coidado, a min dáme moita pena, e non falo como lingüista, nin desde unha ideoloxía política. Falo de sentimento, son unha galega máis á que lle encantan os idiomas, aínda que obviamente quérolle máis ao meu, e teño a sensación de que non hai quen o queira, de que falta amor pola lingua na Televisión de Galicia. Isto nótase na calidade, cada vez se coida menos. E non custa tanto, só o hai que querer facer. Podo dicir que nós en 'Fariña' puxemos moito máis esforzo, respecto e cariño á hora de coidar a lingua do que se ve en moitos produtos actuais da TVG.

Iso dá que pensar.

"Pódese falar unha lingua que conecte coa xente e soe familiar, e que teña toda a corrección do mundo"

Debería dar, pero ninguén vai pensar nada. Non interesa pensar, e na lingua menos. Hai outras prioridades, e a lingua qué máis ten se te entenden igual e os programas teñen a mesma audiencia. Vese que non hai o respecto que había antes, polo menos puntualmente. Por exemplo, en Galicia había un sector moi implicado coa lingua que era o da dobraxe. Falo en pasado porque o están machacando, xa non se dobra case nada, as empresas non se sosteñen, os dobradores tampouco, e é unha mágoa non só para eles senón para a normalización da nosa lingua: pensemos en algo tan fundamental como a animación e os produtos infantís, que tiñan unhas dobraxes que marcaron toda unha xeración. Eu traballei en dobraxe moitos anos, e pódoche asegurar que hai grandes profesionais, a min admirábame velos e escoitalos, eran xente moi preocupada pola lingua, se non estabas atento a dicir algo ben sempre había alguén que che daba un toque. Agora ese sector xa case non ten presenza e no resto o que manda é o “todo vale”, e estase perdendo moita calidade na lingua dos medios: na riqueza léxica e gramatical, na fonética, na entoación… Porque xa digo, a letra é moi importante, pero a música é fundamental. Ti pódeslle dar toda a letra do mundo pero como non recoñezas a música, non te vas recoñecer nesa lingua.

Ás veces na tele parece que vemos casos estremos: ou xente que fala coa letra correcta pero pouco coidado na entoación ou na fonética, ou o contrario: galego que soa moi de verdade pero cheo de castelanismos. É compatible falar galego “auténtico” con que este galego sexa correcto?

Total e absolutamente compatible. Que sexa correcto non quere dicir que non poidas meter na fala habitual ás veces unha palabra doutro idioma, tampouco hai que ser tan estritos. A menos que sexas unha televisión pública, daquela debería ser obrigatorio coidar a corrección. Hai maneiras e maneiras de facer as cousas, e eu creo que se pode sumar sen quitar frescura e naturalidade. Ademais non fai falta, pódese falar unha lingua que conecte coa xente e soe familiar, e que teña toda a corrección do mundo. Fariamos moito pola lingua se coidásemos sempre as dúas cousas desde os medios de comunicación. Pero non se fai. Nin se vixía desde arriba nin moitas veces os propios profesionais se fixan, por inercia e porque tampouco ninguén llelo esixe.

Como pode o audiovisual contribuír máis a recuperar falantes? 

Facendo produtos coidados en galego. Todo tipo de produtos, hai público para todo se se fai ben. Primeiro, que o contido sexa atractivo para diferentes públicos. E despois, insisto, coidar a lingua. Se ti escoitas un modelo de lingua de calidade, unificado pero tamén diverso e rico, á xente entraríanos polos oídos, habería persoas que identificarían máis a súa lingua coa que se fala na televisión, falaríana con máis orgullo e con máis gusto, e logo habería outras que se interesarían por coñecela porque non a coñecen. Non é tan difícil, só hai que querer, e iso tense que facer desde o poder. Porque, con respecto á lingua, hai unha pouca xente que está concienciada, dunha cousa ou da contraria, pero despois hai unha corrente do medio que imos un pouco para onde nos levan. Así que isto é responsabilidade de quen goberna: está na dirección que eles elixan, e no esforzo que poñan para combater as inercias sociais, que camiñemos cara á recuperación do galego, cuantitativa e cualitativamente, ou cara ao seu deterioro e desaparición.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.