0 Gardados para despois

A editorial de 'Fariña', ante as ameazas de Bea Gondar: "Se a xustiza nolo permite, retrucaremos ás súas pistolas con libros"

Belén RemachaBelén Remacha | @ciudadanabe


A editorial Libros del K.O., responsable de Fariña, estuda emprender accións legais por mor das declaracións de José Alfredo Bea Gondar este domingo en El Mundo. O exalcalde do Grove dicía nunha entrevista referíndose ao autor, Nacho Carretero, que "se eu non fose crente e tivese un revólver buscaba ao tipo e pegáballe un tiro na cabeza". Os editores considérano "practicamente unha ameaza de morte" que "xa está en mans das avogadas".

"Se a xustiza nolo permite, ás pistolas de Bea Gondar responderemos publicando libros", din desde a empresa especializada en literatura xornalística. Afirman que o seu equipo legal está a analizar todas as palabras do ex-rexedor para ver se as accións as impulsa só Carretero, ao entender que van dirixidas directamente contra el, ou se son por parte de ambos, editorial e autor. A denuncia por vulneración do dereito á honra do ex-político que supuxo o secuestro cautelar de Fariña é tanto contra o reporteiro como contra Libros del K.O.

"Se eu non fose crente e tivese un revólver buscaba ao tipo e pegáballe un tiro na cabeza", di Bea Gondar sobre o xornalista Nacho Carretero; a editorial estuda accións legais

"Como se facía no Oeste. Non o vou a facer nunca, pero xa chega un momento que te fartas de que alguén minta", engadía Bea Gondar. "Son declaracións moi duras", definen desde a editorial. Aluden tamén a que o ex-político recoñece a implicación do seu vehículo na detención dun amigo colombiano por narcotráfico, pero non a súa propia, xa que o descoñecía: "Non entendemos moi ben onde está situado porque cada vez conta unha máis gorda. Primeiro dicía que non lera o libro, agora recoñece o do coche".

Bea Gondar era preguntado ao longo da entrevista en El Mundo pola "publicidade" gañada por esta polémica tanto a serie de Antena 3, de recente estrea, como o propio libro. "A verdade é que a editorial e a produtora teríanme que dar unha porcentaxe", responde o ex-rexedor.

"Imprimimos exemplares pensando en vendelos cara estrea da serie e en cazar audiencia. Agora, con audiencias millonarias, non temos posibilidade de vender. E iso é grazas ao señor Bea Gondar

Desde Libros del K.O. contestan: "Retrátao claramente". "Cando secuestraron Fariña, xa era un 'bestseller', xa era coñecido dentro do mundo xornalístico e moi respectado", continúan. "Que nos secuestrasen o libro non é un favor, ao contrario. Imprimimos exemplares pensando en vendelos cara estrea da serie e en cazar audiencia. Agora, con audiencias millonarias, non temos posibilidade de vender. E iso é grazas ao señor Bea Gondar".

"Somos unha empresa pequena e isto ponnos en serio risco", insisten. "Precisamente porque Fariña foi un éxito e suponnos un motor económico, é un prexuízo nun momento [a estrea da serie] que levabamos esperando ano e medio", lamentan, "e aínda por riba, temos que levantarnos un domingo con practicamente ameazas de morte". Alberto Sáez, un dos responsables, asegura que están en constante contacto co autor, "pero gustaríanos que, como con outros, fose por motivos estritamente literarios e non porque vertan informacións así contra nós".

Bea Gondar tamén asegura na entrevista en 'El Mundo' que se quere presentar ás municipais

Carretero afirma no libro que Bea Gondar foi absolto por un "defecto de forma", pero o ex-rexedor do Grove defende en El Mundo que iso tamén "é mentira. Non hai nada probado nin houbo un defecto de forma".  Os feitos son que foi condenado a catro anos por narcotráfico na Audiencia Nacional pero o Supremo absolveuno pola anulación da declaración dun arrepentido, o defecto de forma que el agora nega.

Non se puido librar da condena por branqueo, primeiro a tres anos pola Audiencia Nacional que foron ampliados polo Supremo a catro e sete meses. Unha pena que xa pagou. Bea Gondar anuncia en El Mundo, ademais, que quere presentarse ás próximas municipais.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.