Ciudadanos e o seu plan estrela para Galicia: Convertela en plató de 'Xogo de tronos'

Mitin de Ciudadanos na Coruña © Ciudadanos

"Ha llegado el momento de hacer propuestas". Quen fala é Marta Rivera de la Cruz, novelista nada en Lugo e número tres da lista de Ciudadanos por Madrid. A escritora, protagonista durante a década pasada dunha pirotécnica polémica ao proclamarse marxinada en Galicia por escribir en castelán, exerce como presentadora do mitin do seu partido na Coruña, o único en Galicia, do que Albert Rivera se descolgou a última hora. Do inicio do seu discurso dedúcese que vai tratar de paliar a carencia de propostas dos seus candidatos locais pero, en canto empeza a debullalas, entre tópicos sobre a choiva ou a paisaxe comezan a xurdir orquestras, sesións vermú, o consabido Camiño de Santiago... E "rodar" a serie 'Xogo de tronos'.

A campaña galega do partido laranxa comezou facéndose viral, pero non para ben. Os titubeos do seu candidato coruñés ao ser preguntado nun programa de V televisión sobre as súas propostas para Galicia difundíronse rapidamente polas redes sociais entre comentarios retranqueiros. Aquela intervención viña suplir a negativa de Antonio Rodríguez a asistir a un debate da mesma canle e, ante as repreguntas da xornalista, o representante de Albert Rivera acabou sinalando que habería iniciativas concretas para Galicia, pero despois das eleccións. O que toca agora é "sacar partido" do candidato "nacional", sinalou.

A reacción ás críticas por carecer de propostas foi atribuílas á "vella política" e prohibir que se lle formulasen preguntas ao candidato

O primeiro tropezón do candidato Rodríguez e as súas propostas en diferido foi abordado polo equipo de comunicación de Ciudadanos por dúas vías. Primeiro, facendo público un comunicado no que negaban carecer de propostas. Iso, afirmaban, non eran máis que "mentiras" de "la vieja política", artimañas de "PP, PSOE y los nacionalistas gallegos" para atacar a Albert Rivera por ser "la verdadera opción de cambio político". Despois, o cabeza de lista foi blindado de posibles preguntas que lle obrigasen a pasar dos apertóns de mans e as reparticións de dípticos á concreción. Así, Ciudadanos veu convocando os seus actos unicamente para prensa gráfica e o seu gabinete prohibiu explicitamente as preguntas dos xornalistas.

Entre ausencias reiteradas nos debates a nivel local, Antonio Rodríguez viuse obrigado a conceder entrevistas nas que engadiu explicacións á ausencia de programa político algún para o territorio polo que se presenta. "Agora non toca", afirmou en declaracións a La Opinión de A Coruña, molesto por que o obrigasen a tirar "un programa da chistera". Nas xerais, di, vótase "para una política nacional, no para problemas concretos", cuxas solucións chegarán máis tarde, desde "los ministerios".

Esperando a Rivera

Con este pano de fondo a tropa laranxa agardaba como auga de maio o 15 de decembro, data fixada para o que inicialmente ía ser un mitin de Albert Rivera en plena Praza do Obradoiro de Santiago, espazo enorme co que só se atreveu o PP do fraguismo, dado o máis que evidente risco de fracaso de asistencia -e que, por outra banda, está parcialmente ocupada por árbores de nadal-. Descartado o improbable baño de masas na capital galega, o plan B foi unha visita de Rivera a cidade da Coruña con paseo e acto político incluído. Pero a coincidencia co funeral dos policías asasinados en Cabul provocou que houbese que recorrer a un plan C.

Cos candidatos locais agochados, Rivera de la Cruz lanzou "unhas cantas propostas" entre tópicos sobre o atraso, o tempo e as festas

Rivera só estivo na Coruña en espírito e en vídeo. No seu lugar acudiu Inés Arrimadas, agradecida ao poder falar "por" o seu "inimitable" xefe de filas, con Rivera de la Cruz no papel de algo semellante a unha anfitrioa. O lugar da cita era unha sala do coruñés Pazo da Ópera, nun sombrío auditorio no que os candidatos locais, entre a escuridade, se limitaron a saudar coa man desde os seus asentos ás 300 persoas asistentes.

"He seleccionado unas cuantas propuestas que afectan directamente a Galicia", anunciou Marta Rivera. A saber: unha baixada do IVE cultural que, no caso galego, "afectaría para bien" a "a la actividad de las orquestas": "Todas las villas gallegas tienen sus fiestas patronales, su sesión vermú y su verbena... ¡Lo que va a ser eso!". No pack viría tamén un "registro ambiciosísimo de lugares en los que se pueden rodar" series, comezando polos cantiis de Vixía da Herbeira -entre os municipios coruñeses de Cedeira e Cariño-, que "podrían salir perfectamente en 'Juego de Tronos". E que dicir das Fragas do Eume, "una maravilla para hacer un anuncio".

Rivera rematou a xogada reprendendo un xornalista por preguntarlle a respecto das súas medidas para Galicia

Pero para Ciudadanos non todo son paisaxes e bo comer. "En Galicia es muy difícil todo", laméntase Rivera de la Cruz, que nunha imaxe máis propia de mediados da década pasada glosa un territorio de difíciles comunicacións no que, por exemplo, será "muy difícil" ir votar o domingo "si lleve". Coa candidata por Madrid substituíndo ao candidato local tamén nas chanzas de internet, a xogada iniciada no íntimo mitin -tras o cal Arrimadas e o resto de cargos escaparon literalmente da prensa- rematouna o propio Albert Rivera, ratificando nunha entrevista con La Voz de Galicia que carece de plans específicos para Galicia, xa que só propón "medidas generales". Ao optar por repreguntar, o xornalista foi reprendido: "Perdone, pero es que no quiero hacer un debate. A min me han dicho que esto era una entrevista...", replicó.

Mitin de Ciudadanos na Coruña © Ciudadanos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.