0 Gardados para despois

Ciudadanos blinda o seu candidato pola Coruña das preguntas da prensa

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Parte das expectativas electorais dos partidos nas eleccións xerais do 20-D xóganse nas pantallas, nas da televisión pero tamén nas de internet. Nese ámbito foi onde chegou o primeiro gran esvarón do partido de Albert Rivera en Galicia. Tras evitar acudir a un debate en V Televisión, o cabeza de lista da formación pola Coruña, Antonio Rodríguez, foi entrevistado nesa mesma canle e, ao ser cuestionado polas súas propostas para Galicia, dixo que non tería tal ata despois dos comicios. Tras un importante espallamento do vídeo polas redes sociais o partido laranxa continuou celebrando encontros e paseos electorais por diversos puntos do país, se ben o seu servizo de comunicación está a tentar blindalo das preguntas da prensa.

Este xoves, en plena polémica pola iniciativa incluída no programa de Ciudadanos para eliminar as cuestións de xénero da lei contra a violencia de xénero e pola defensa que da mesma realizou en TVE a súa número 3 por Madrid, a lucense Marta Rivera, Rodríguez tiña convocado un paseo polo mercado de Salgueiriños, en Santiago. Ao evento só foran convocados fotógrafos e cámaras, co obxectivo de que puidese ser captada a imaxe do candidato repartindo propaganda electoral e parolando coa veciñanza, pero sen posibilidade de preguntas. Ao acto tamén acudiron, non obstante, redactores aos que o servizo de comunicación do partido advertiu de que non sería posible realizarlle cuestión ningunha a Rodríguez.

Os actos do candidato están a ser convocados só para medios gráficos e o servizo de comunicación do partido informa de que non responde preguntas

Así as cousas, o persoal dos medios que cubriu o devandito paseo só logrou unha breve conversa informal co representante de Rivera na Coruña, que aproveitou a ocasión para asegurar que o seu partido non prevé paralizar o AVE a Galicia. Iso, dixo, non é máis ca unha "terxiversación", precisamente, dos medios de comunicación. Este venres a cita con Rodríguez era en Ferrol e, novamente, a convocatoria cinguiuse unicamente os medios gráficos. No entanto, despois do paseo Ciudadanos difundiu un comunicado no que informou de que Antonio Rodríguez "propón conectar Ferrol con Tui a través dunha autovía de balde", sen especificar se se trataría de liberar de peaxe a AP-9 ou de construír un vial alternativo. Esta, di a nota, é unha das "partes" do programa de Ciudadanos, se ben a proposta non figura no documento difundido dende a dirección do partido.

Culpa da "vella política"

Rodríguez atribúe a súa falta de propostas para Galicia a "mentiras da vella política"

Estes episodios prodúcense días despois de que, ao fío da cuestionada intervención en V Televisión e a través doutra nota de prensa, Antonio Rodríguez atribuíse a súa falta de propostas a "mentiras" da "vella política". "O obxectivo de PP, PSOE e os nacionalistas galegos é atacar á formación de Albert Rivera nun momento en que os españois saben que esta é a verdadeira opción de cambio político" e de "ruptura definitiva co bipartidismo e coa forma antiga de facer política".

"Por suposto -afirmou daquela Rodríguez- que Galicia e A Coruña están presentes no noso proxecto". Ten, afirma, "medidas destinadas ao millón de coruñeses en infraestruturas, educación turismo, economía, industria, sanidade, dependencia...", se ben "nestas eleccións xerais" teñen un "programa baseado na unidade e na corresponsabiliade de España, sempre dende o máximo respecto ás peculiaridades e forzaletas de cada comunidade autónoma". Mentres, afirma, está "a pé de rúa recollendo iniciativas dos veciños de cada vila e de cada cidade".

O candidato de Ciudadanos pola Coruña di que non terá propostas para Galicia ata despois das eleccións

© V Televisión

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.