0 Gardados para despois

Ciudadanos sentencia no seu programa que "a violencia de xénero afecta tanto a homes como a mulleres"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Existe un consenso notablemente estendido a respecto do que é violencia de xénero: a que afecta ás mulleres polo mesmo feito de selo, diferente da violencia doméstica ou da violencia intrafamiliar. Así, por exemplo, a lei galega para o tratamento integral desta violencia defínea como "calquera acto violento ou agresión, baseados nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as mulleres". Nun sentido semellante, a lei estatal preséntaa como "manifestación da discriminación, a situación de desigualdade e as relacións de poder dos homes sobre as mulleres". Tras unha década de regulación legal e moitas máis de activismo feminista ao respecto, o programa de Ciudadanos para as eleccións do 20D sentencia que esta violencia afecta tanto a homes como a mulleres.

A partir da súa páxina 204 a proposta programática do partido de Albert Rivera debulla as súas propostas en materia de "igualdade e violencia de xénero e intrafamiliar". Despois de "defender a igualdade entre homes e mulleres en todos os aspectos" ou apelar á educación para "combater a violencia de xénero en xeral", explica que a violencia de xénero é "inflinxida máis frecuentemente por homes contra mulleres". E "a sociedade española -enfatizan- non debe permitir ningunha violencia, especialmente a dirixida contra unha persoa a causa do seu sexo, identidade ou expresión de xénero".

As leis vixentes definen a violencia de xénero como a baseada "na desigualdade (...) e relacións de dominación dos homes sobre as mulleres"

Neste contexto é onde Ciudadanos realiza a controvertida equiparación e se separa tanto das definicións legais como dos amplos estudos de xénero desenvolvidos durante anos. "Se ben a violencia de xénero afecta tanto a homes como a mulleres, a maior porcentaxe corresponde á violencia exercida de homes cara a mulleres", indica, para despois engadir que non é posible "tolerar" as "máis de 800 mortes de mulleres a mans das súas parellas dende 2003 e as 41 vítimas só en 2015". No entanto, a continuación, existe unha engádega: "Tampouco se pode permitir, aínda que sexan moitas menos, as mortes de homes a mans das súas parellas", di, sen achegar cifra ningunha nin explicar por que dan en considerar os casos aos que se refiren como agresións de xénero.

O partido de Rivera promete modificar a lei contra a violencia machista para acabar coa "asimetría penal por cuestións de sexo"

Tras realizar esta definición, o partido laranxa lanza un paquete de medidas que inclúe a modificación da vixente lei contra a violencia machista -adxectivo que non figura neste apartado-. Así, sinala que "en canto á actual lei contra a violencia de xénero, en Ciudadanos pensamos que debe ser modificada para acabar" co que definen como "asimetría penal por cuestións de sexo e a ineficacia da propia lei".

Estas posicións a respecto da violencia machista chegan despois de que, en programas electorais anteriores -como o das recentes eleccións catalás-, incluísen entre as súas prioridades neste ámbito a loita contra as "denuncias falsas", as cales, segundo datos da Fiscalía Xeral do Estado, apenas supoñen un residual 0,018% dentro do total de demandas contra a violencia de xénero. Neste sentido, o propio Rivera rexeitou, nunha entrevista recente en laSexta, aclarar se defende unha suposta abundancia de denuncias falsas: "non vou discutir se é o 0,2%, o 3% ou o 5%", retrucou.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.