O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non é só o único posible aspirante á sucesión de Mariano Rajoy á fronte do PP cuxo nome están a defender en público, dando a cara, outros cargos do partido, como fixo a nivel estatal o ex-ministro de Exteriores José Manuel García-Margallo, ou a nivel galego o portavoz parlamentario Pedro Puy. Dos catro principais nomes que están sobre a mesa (Feijóo, a ex-vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría, a secretaria xeral do PP, Dolores de Cospedal, ou a presidenta do Congreso, Ana Pastor), el é o que conta cun historial de vitorias electorais persoais máis significativo, coas súas tres maiorías absolutas consecutivas en Galicia. Estes días el mesmo está a poñelo en evidencia de xeito implícito.
O presidente galego salienta que Rajoy marcha “invicto”, obviando as derrotas de 2004 e 2008 e evidenciando ao tempo as súas tres propias maiorías absolutas
O pasado xoves, poucas horas antes de que se certificase o triunfo da moción de censura de Pedro Sánchez contra Mariano Rajoy, Feijóo, tentando criticar ao socialista, dixo en rolda de prensa que “ser presidente de España é incompatible con perder dúas veces consecutivas as eleccións”. Porén, ese feito, que se corresponde cos resultados de Sánchez nas xerais de decembro de 2015 e xuño de 2016, tamén é aplicable aos resultados de Rajoy nas xerais de 2004 e 2008.
Puido ser un lapsus de Feijóo, pero este martes el mesmo volveu salientar, ás portas da rúa Génova e tras o anuncio de dimisión de Rajoy, que o agora saínte líder popular vaise “sen perder, invicto, algo que lamentablemente sabemos que non está de moda, porque se pode estar no goberno despois de perder as eleccións”. Esa valoración, novamente, non é aplicable á traxectoria de Rajoy e as súas derrotas en 2004 e 2008. Pero ao tempo Feijóo estaba a poñer o foco nas posibilidades de pactos entre partidos que ofrecen as democracias parlamentarias como a española en caso de que ninguén obteña maioría absoluta.
A experiencia electoral de Feijóo só conta con maiorías absolutas, resultados moi distintos aos das outras tres posibles aspirantes que máis están a soar
Fronte a esa posibilidade de pactos, a súa propia experiencia electoral só conta con maiorías absolutas. É moi distinto, pola contra, o historial electoral das outras tres posibles aspirantes que máis están a soar. Ana Pastor e Soraya Sáenz de Santamaría nunca foron elas as principais candidatas senón que figuraron en listas lideradas por outros, mentres que Dolores de Cospedal, nas súas experiencias como candidata á presidencia de Castela-A Mancha, perdeu en 2007, obtivo maioría absoluta en 2011 e foi desbancada en 2015 por un pacto de PSOE e Podemos ao non conseguir reeditar a maioría absoluta.
Fronte a eses resultados dispares, Feijóo leva anos gabando a “estabilidade” que as súas propias maiorías absolutas estarían a dar a Galicia fronte a outras administracións. Así o fixo, entre outros momentos, na súa última toma de posesión como presidente da Xunta, en novembro de 2016. Daquela, con Mariano Rajoy presente, Feijóo volveu presentar a Galicia como “modelo de estabilidade para España”. Pola súa banda, na súa intervención Rajoy eloxiara a “moderación, empeño reformista, determinación, sensibilidade social e estabilidade” de Feijóo, engadindo que, como galego que é el mesmo, “ser presidente da Xunta para un galego é algo moi grande”.
Este mércores Feijóo poderá seguir deixando pistas sobre o seu futuro no Parlamento de Galicia, nunha sesión de control por parte da oposición centrada por En Marea, PSdeG e BNG no caso Gürtel
Á espera de que anuncie a súa decisión ao respecto da sucesión de Rajoy, cada declaración de Feijóo está a ser analizada en detalle. Este martes, á súa saída da sede do PP en Madrid, Feijóo, ademais de cualificar a Rajoy como “invicto” evidenciando as súas propias vitorias, limitouse a gabar a “grandeza e lealdade” de Rajoy, algo que considerou “atípico na democracia española”. Este mércores Feijóo poderá seguir deixando pistas sobre o seu futuro no Parlamento de Galicia, nunha sesión de control por parte da oposición centrada por En Marea, PSdeG e BNG no caso Gürtel, que hai dúas semanas, ao coñecerse a sentenza, Feijóo reduciu a que Bárcenas “non foi un tesoureiro moi exemplar e iso puido contaminar o PP”. Unha semana despois, xusto antes de concretarse a moción de censura, Feijóo pedía aos seus “compostura” e salientaba que “con independencia do poder o importante é a coherencia política”.