Following the money in Plaza Mayor

Reservoir Dogs © Quentin Tarantino, 1992

1. Guerra aberta

Desde o episodio de Tejero no Congreso dos Deputados até onte mesmo, non tivéramos ocasión de asistir en directo e por televisión a un tiroteo tan intenso.

Desde o episodio de Tejero no Congreso dos Deputados non tivéramos ocasión de asistir a un tiroteo tan intenso.

O cruce de acusacións acontecido durante o mediodía deste 17 de febreiro entre Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid polo Partido Popular (doravante, I.D.A), e Teodoro García Ejea, secretario xeral do Partido Popular (doravante, T.G.E), non é apenas unha liorta interna dun dos partidos políticos estruturais do réxime de 1978. 

A crise institucional e política aberta a partir de hoxe vai alén da comunidade madrileña. Agora sí que cabe afirmar, parafraseando a I.D.A, que, no tocante á crise do Partido Popular, “Madrid es España”. 

O fungo da bomba nuclear detonada é xa moi visible, mais seguirá a medrar: os efectos directos e colaterais da súa onda expansiva irán estendéndose alén desas hectáreas perimetradas pola M-30, alterando profundamente os aliñamentos políticos creados no espazo da dereita desde a irrupción desa spin-off do propio PP que é Vox . 

2. O discreto encanto do Dereito Administrativo

Tempo haberá de facer a análise de todo o que vaia acontecendo. Mais o propósito desta opinión de hoxe é outro. 

Pretendemos darlle ás leitoras de Praza Pública algunhas claves sobre o núcleo da discordia entre IDA e TGE, alén dos macguffins que –como o presunto espionaxe, ou o maltrato á presidenta mártir– foron colocados no escenario desta delirante trama para despistar a mente dos espectadores que votan. 

O núcleo é se realmente resulta ilegal o contrato de subministración de máscaras asinado por un amigo común de I.D.A e seu irmán, Tomás Díaz Ayuso. Hai delito que poda afectar a I.D.A? Cal é a relevancia política desta discusión?

Aproveitemos, pois, o discreto encanto do Dereito Administrativo, seguindo a expresión utilizada polo profesor Marcos Vaquer para titular o seu único libro de humor até a data. 

3. Os contratos de emerxencia, ou a cova de Alí Babá.

A contratación administrativa de 250.000 máscaras destinadas ao IFEMA, tramitada mediante o procedemento de emerxencia, foi destapada o 17 de novembro do pasado ano por elDiario.es. Esta contratación de emerxencia foi adxudicada directamente o 1 de abril do 2020, sen ningún procedemento administrativo, á mercantil Priviet Sportive S.L., que se dedica a asuntos téxtiles e gandeiros.

Desde a nosa experiencia co Prestige, os galegos e galegas sabemos ben que os contextos de contratación de emerxencia son altamente propicios para que as relacións político-empresariais flúan áxiles como unha planadora ao servizo da reparación catastrófica

O administrador único desta empresa é Daniel Alcázar Barranco, amigo de toda a vida de Tomás e Isabel Díaz Ayuso no seu pobo de veraneo, Sotillo de la Adrada. Aínda que esta mercantil non ten experiencia na compra de material sanitario, consegue fornecer 250.000 máscaras o 10 de abril, a prezo unitario de 6,05 €, por un total de 1.512.500 €, IVE incluído.

En realidade, xa sabíamos que detrás dos máis de 11.900 contratos de emerxencia tramitados polas Administracións españolas durante o ano 2020 para responder á crise da COVID-19 (segundo os datos deste informe especial da Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación, de marzo do 2021), había moitas probabilidades de que se produciran casos diso que Naomi Klein, no seu libro A doutrina do shock (2007) diagnosticou na experiencia norteamericana como “capitalismo do desastre”. 

Desde a nosa experiencia co Prestige, os galegos e galegas sabemos ben que os contextos de contratación de emerxencia son altamente propicios para que as relacións político-empresariais flúan áxiles como unha planadora ao servizo da reparación catastrófica. 

De aí que, tamén, neses contextos xurda información sensible sobre prácticas colusorias e conflitos de intereses. Normalmente, esta información permanece oculta baixo o manto da actividade interna da Administración. Mesmo existindo obrigas legais de transparencia e publicidade específicas, as Administracións non adoitan cumprir satisfatoriamente tales obrigas. Tal é o que aconteceu con este contrato: non aparecía nos portais de transparencia, até que alguén preguntou por el. Nun escenario de loita interna entre faccións políticas, o foco da transparencia, correctamente orientada, pode resultar unha potente munición ao servizo da balacera.

Outro dato moi importante: na España democrática, as negociacións, recados e comisións dun irmán (Juan) dun vicepresidente dun Goberno socialista (Alfonso Guerra) levaron á dimisión deste, e á introdución no noso Código Penal do delito de tráfico de influencias (artigo 429).

Dito isto, e creado xa un marco significativo, volvamos agora á Comunidade madrileña, ano 2020.

4. O triángulo das Bermudas, ou o A-B-C da corrupción

Se trazamos atentamente a liña de puntos que une os protagonistas desta contratación, encontraremos debuxado un dos triángulos máis habitualmente utilizados para desenvolver prácticas corruptas no ámbito da contratación pública:

A Consellería de Sanidade madrileña necesita comprar urxentemente máscaras de protección para o pavillón 10 do IFEMA. 

Tomás Díaz Ayuso, irmán da presidenta da Comunidade Autónoma, leva anos dedicándose profisionalmente, como empresario, á compravenda de material sanitario. Ten contactos e portas abertas na Consellaría de Sanidade madrileña. Porén, este empresario, pola súa relación directa de consanguineidade en segundo grao, está sometido ás prohibicións de contratación establecidas no artigo 71 da Lei de Contratos das Administracións Públicas. A súa irmá, ademais, está sometida á lexislación de incompatibilidades e conflitos de intereses e ao código de bo goberno fixado pola Lei 19/2013, polo que non pode valerse da súa posición na Administración para obter vantaxes persoais ou materiais, e ten a obriga de pór en coñecemento dos órganos competentes calquera actuación irregular da cal teña coñecemento

Para evitar a aplicación da normativa anterior, cabe apuntar como hipótese que Tomás Díaz Ayuso puido contactar cun empresario de absoluta confianza, para que fixese a facturación da operación de subministración de máscaras, de maneira que a identidade de Tomás Díaz Ayuso ficase oculta para os funcionarios encargados da fiscalización do contrato. Neste modus operandi, o normal é que o diñeiro público cobrado pola empresa pantalla, en todo ou parte, acabe transferido en B ao verdadeiro contratista.

5. Mascarada

A regularización confirmada pola propia I.D.A. corrobora a existencia dunha comisión ou pagamento cobrado por un terceiro –irmán da presidenta da comunidade autónoma– como consecuencia da súa participación na obtención dun contrato público desa mesma comunidade

Pois ben, a partir de outubro do 2021, o propio TGE solicita explicacións a I.D.A, cando aparece información tributaria de que Tomás Díaz Ayuso realizou con posterioridade á celebración deste contrato unha regularización fiscal dunha factura de 280.000 €, cobrada como consecuencia da prestación de servizos de mediación neste contrato das máscaras. É dicer, que o que calquera comisionista corrupto cobraría en B, é cobrado en A en concepto de comisión mercantil. Manobra realmente sorprendente, que só pode ser propia dunha persoa inxenua até o infantilismo, ou dun xenio da comunicación pública.

Esta regularización, confirmada pola propia I.D.A. na súa rolda de prensa, corrobora a existencia dunha comisión ou pagamento, cobrado por un terceiro –irmán da presidenta da comunidade autónoma– como consecuencia da súa participación na obtención dun contrato público desa mesma comunidade. A propia contía desa comisión confirma a ineficiencia do contrato de emerxencia, pois supón que un 20% do prezo pagado non se destina a satisfacer a necesidade administrativa (pago dos prezos unitarios das máscaras), senón a actividade presuntamente mediadora do comisionista.

6. A verdadeira investigación comezará agora

Así as cousas, é indubidable a existencia dunha grave responsabilidade da presidenta da Comunidade madrileña na realización dunha contratación pública cuxa ilegalidade é clara. 

Non se trata apenas dunha responsabilidade política. Pois como alto cargo sometido a unha exixente normativa preventiva da integridade e dos conflitos de intereses, estaba obrigada a impedir este tipo de operacións de seu irmán e, no seu caso, denuncialas para depurar as posibles ilegalidades cometidas. A explicación pública dada onte pola propia presidenta – “le pregunté a mi hermano y me dijo que todo era legal” – é sinxelamente inadmisible nunha persoa cun cargo público desa relevancia.

Dilucidar se esta contratación supuxo un delito de tráfico de influencias ou de malversación de caudais públicos, ou ben unha infracción á normativa de contratos públicos, é algo que terá que facer primeiro a xurisdición penal e, despois, a xurisdición contable. 

En consecuencia, a depuración destas posibles responsabilidades penais e administrativas vai alén do puramente interno ao Partido Popular. Non abonda a apertura dun expediente informativo dentro do PP: cando é o propio PP quen recoñece a consistencia das ilegalidades denunciadas, que inclúen posibles delitos, non queda máis remedio que pedir a dimisión da presidenta da Comunidade Autónoma como paso previo para a súa investigación pola xurisdición penal ordinaria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.