Na noite do pasado 4 de maio, Alberto Núñez Feijóo celebrou a contundente vitoria do PP nas eleccións autonómicas de Madrid como un triunfo da "liberdade". Este xoves, o seu número dous no PP de Galicia, Miguel Tellado, reuniuse con representantes da formación no Congreso e no Senado para, dixo, "tratar os temas que preocupan a Galicia". Antes, ofreceu unha comparecencia ante a prensa para volver celebrar o triunfo de Isabel Díaz Ayuso "contra os radicais" e encadralo no mesmo "modelo" político que o do actual presidente da Xunta.
O 'número dous' de Feijóo tece un fío condutor entre as eleccións galegas de 2020 e as madrileñas de 2021 para, obviando os desfavorables resultados do PP nos comicios vascos e cataláns, dar por "derrotado" a Pedro Sánchez e ao Goberno de "socialistas e podemitas"
No nome da dirección dos populares en Galicia, Miguel Tellado defende que hai un fío que une as eleccións galegas do 12 de xullo de 2020 e os comicios madrileños deste maio de 2021. A vitoria de Ayuso, mantén, "inicia un novo ciclo político" no Estado que vén "consolidar" unha "nova etapa" que xa principiara, ao seu xuízo, co 12X galego, na que o "gran derrotado" é o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez.
Tellado, que obvia tanto as eleccións vascas do propio 12X do 2020 (o PP concorrera en coalición con C's e obtiveran 6 escanos, tres menos que os tirados polo PP en solitario catro anos antes) como as catalás de febreiro deste 2021 (o PP perdeu un escano e quedou con 3, sen grupo propio), insta a observar os comicios galegos e madrileños como unha liña continua. Os triunfos de Feijóo e Ayuso, defende, significan que a "curva electoral" do PSOE de Pedro Sánchez "tocou teito" e agora xa "só o veremos caer".
Entre eloxios ao que denomina como "franqueza de Ayuso" e ao "castigo" que, defende, as eleccións madrileñas supuxeron para "socialistas e podemitas", Tellado tamén di ver paralelismos entre o sucedido na banda da esquerda en Madrid e o acontecido neste espectro ideolóxico en Galicia hai un ano. Agora, sinala, o PSOE madrileño perdeu votos e representación e en 2020, en Galicia, asegura, produciuse "un importante retroceso do PSdeG, que se converteu en terceira forza". En realidade, o PSdeG xa fora terceira forza política nas anteriores eleccións e nas de 2020, cando mantivo a súa representación en escanos, obtivo 1,52 puntos máis en votos.
Tellado afirma que Ayuso e Feijóo non representan "dous modelos distintos", senón que ambos son mostra da "política clara" do PP e da necesidade de "recuperar a dignidade das institucións"
Tras xornadas en que diversos dirixentes dos populares galegos non ocultaron o seu entusiasmo polo acontecido en Madrid, Tellado tamén se esforza en negar que haxa diferenza política ningunha entre o PP en Galicia e os postulados de Ayuso. Preguntado ao respecto polos xornalistas, o secretario xeral do PPdeG asegura que "non hai dous modelos distintos".
Segundo Tellado, a única diferenza é que "o PP pon a Feijóo á disposición dos galegos" e "pon a Ayuso á disposición dos madrileños". Ambos, asegura, representan a "política clara" e saben "conectar os principios do partido co electorado". É "moito", mantén, o que "une" á presidenta da Comunidad de Madrid co presidente da Xunta, ambos amosan que "onde gobernamos" é sabido "como facemos as cousas" fronte a un "Goberno moroso e mentiroso" de PSOE e UP cuxo labor, conclúe, urxe "recuperar a dignidade das institucións" a través dunha vitoria dos de Pablo Casado.