O PP seguirá gobernando Madrid reforzado por unha contundente vitoria electoral

CC-BY-SA Foto: Asemblea de Madrid | Montaxe: Praza Pública

Inapelable vitoria do PP nas eleccións da Comunidad de Madrid. A piques de chegar ao ecuador da lexislatura, a chamada anticipada ás urnas formulada pola popular Isabel Díaz Ayuso sáldase este 4 de maio cun contundente triunfo en termos de aritmética parlamentaria e, máis aínda, en termos políticos nunhas eleccións cunha moi alta participación.

O equipo da considerada herdeira do legado político de Esperanza Aguirre formulou estes comicios como unha caste de referendo sobre a súa líder e, máis concretamente, sobre a estratexia de Díaz Ayuso fronte á pandemia da COVID-19 e na súa confrontación co Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos. E o veredicto das urnas é un triunfo esmagador para o PP madrileño.

Ayuso logra un triunfo esmagador nuns comicios anticipados que formulou como un referendo sobre a súa presidencia: fulmina a Ciudadanos e abóndalle coa abstención de Vox ao superar en escanos a todos os grupos da esquerda

Despois de verse francamente prexudicado pola división do espazo electoral da dereita en 2019, ata perder a primeira posición e conservar o poder en coalición con Ciudadanos e con apoio externo de Vox, o PP pode agora seguir gobernando Madrid. Pero farao moi reforzada polo seu pronunciado ascenso nas urnas. 

Ayuso fulmina este 4M ao que fora o seu socio, que desaparece da Asemblea rexional, e nin sequera precisa o voto favorable da formación de extrema dereita á súa investidura. Abóndalle con que se absteña, porque o PP conta con máis escanos que as tres forzas da esquerdas xuntas. Vox finaliza a carreira electoral con apenas un escano máis e sen apenas avance porcentual de votos. 

O bloque da dereita, con 78 escanos, supera en 9 os precisos para a maioría absoluta nunha Asemblea de 132 escanos. Ao da esquerda, con 58, faltaríanlle 11. En 2019, populares, C's e Vox sumaban 68 escanos nunha Asemblea 132 escanos e o PSOE, xunto a Más Madrid e Unidas Podemos, tiña 64.

Tras Ciudadanos, o segundo gran prexudicado polas eleccións madrileñas é o PSOE, liderado nestes comicios outra volta por Ángel Gabilondo. Dous anos despois de lograr unha meritoria primeira posición tras dúas décadas de primacía dos populares, os socialistas perden 13 escanos e non só non logran tirar rédito ningún do naufraxio de C's, senón que observan como Más Madrid, o partido liderado por Mónica García, se lle achega ata lograr o empate técnico e mesmo pasarlle por diante como segunda forza política.

Tras C's, o segundo gran prexudicado polo resultado é o PSOE madrileño fronte aos avances relativos no bloque da esquerda de Más Madrid, que logra o empate técnico cos socialistas, e mais de Unidas Podemos, cuxo líder, Pablo Iglesias, anuncia a súa retirada

É García, precisamente, unha das triunfadoras relativas da noite dentro do bloque perdedor, o da esquerda. Nos seus primeiros comicios como cabeza de cartel logra mellorar os resultados que obtivera Íñigo Errejón en 2019 e faino, ademais, avanzando no espectro da esquerda ata encabezalo.

Outro dos logros relativos é o de Pablo Iglesias á fronte da candidatura de Unidas Podemos, formación que principiou o proceso electoral cos inquéritos situándoo por baixo do 5% que dá dereito á representación parlamentaria, unha barreira igual á vixente en Galicia. O ex-vicepresidente segundo do Goberno de España non só salva os mobles, senón que consegue un avance de 3 escanos e algo máis dun punto porcentual en votos. Así e todo, o seu papel ficou como menor fronte ao avance de Más Madrid e así o asumiu na propia noite electoral anunciando a súa renuncia inmediata a todos os seus cargos políticos e institucionais.

Primeiras reaccións

O PP presenta a súa vitoria como un triunfo da "liberdade" e un fracaso do Goberno de España do PSOE e UP; Más Madrid afirma "comezar a traballar" xa para os seguintes comicios, que se celebran dentro de dous anos

Na liña do xa expresado durante toda a campaña, o PP recibiu súa vitoria cunha lectura en clave estatal, presentando a vitoria de Ayuso como un triunfo non só sobre a esquerda madrileña, senón sobre o PSOE e Unidas Podemos no Goberno de España. No seu discurso da vitoria, pronunciado dende o balcón dende a sede central do PP ante unha multitude de simpatizantes que obviaron as limitacións para evitar contaxios da COVID-19, a presidenta madrileña proclamou que a "liberdade triunfou en Madrid". Xunto a Pablo Casado, a gañadora asegura que o que define como "forma de gobernar con opulencia e hipocrisía dende Moncloa ten os días contados".

Pola banda de Más Madrid, a nova líder da oposición madrileña asegura ollar xa cara a 2023, cando se celebrarán outra volta eleccións na Comunidad de Madrid, toda vez que esta autonomía non pode ter lexislaturas de seu en virtude da lei vixente, senón que debe anovar a súa Asemblea nas habituais convocatorias conxuntas coas eleccións municipais, con independencia de que celebre comicios anticipados, como neste caso. "Comeza a conta atrás para as eleccións de dentro de dous anos, comezo a traballar esta noite", afirmou Mónica García.

Dende Galicia, o presidente da Xunta e do PPdeG, nunha primeira reacción a través das redes sociais, considerou que "os madrileños votaron en masa pola liberdade" e "sobre todo, pola estabilidade do seu Goberno" que "só pode ofrecer" o PP. Segundo Alberto Núñez Feijóo, Ayuso "afrontou con fortaleza" estes duros meses" e por iso "gaña ao grande".

Pola banda do BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, ve "preocupantes" os resultados de Madrid, onde "gaña a dereita trumpista máis ultra". "O centralismo madrileño, que tanto dano lle fai a Galiza, robustécese. Cada día máis evidente que Madrid non é a solución, é parte do problema", considera a líder do primeiro grupo da oposición parlamentaria galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.