"Non houbo ningún mediador nin nada", proclamou este mércores Mariano Rajoy no Tribunal Supremo. Desde a mesma cadeira das testemuñas do Alto Tribunal, o lehendakari, Iñigo Urkullu, desmentiu o ex-presidente do Goberno de España e deu detalles do seu labor como mediador entre o Executivo central e a Generalitat nas xornadas máis críticas de setembro e outubro de 2017.
"A partir do 4 de outubro fun presentando propostas, tanto ao Govern da Generalitat como ao Goberno. Até catro ou cinco, até chegar ao 27 de outubro", rememorou Urkullu. As propostas pasaban, explicou, por xerar en primeiro lugar un espazo de distensión entre os dous Executivos que permitise a tres representantes de Generalitat e Goberno "dialogar" durante tres meses. As premisas para poder empezar eran que non se proclamase a Declaración Unilateral de Independencia (DUI) nin se aprobase o artigo 155.
"A partir do 4 de outubro fun presentando propostas, tanto ao Govern da Generalitat como ao Goberno. Até catro ou cinco, até chegar ao 27 de outubro"
Neste sentido, Urkullu destacou que o ex-president Carles Puigdemont compartía o seu rexeitamento á vía unilateral e o seu apoio á "vía da bilateralidade" e o acordo entre Goberno central e Generalitat. Afirmou mesmo que o ex-president "non tiña desexo de proceder á Declaración Unilateral de Independencia".
E revelou ademais que a tensión interna no independentismo foi o que levou a Puigdemont a renunciar ao acordo para convocar eleccións anticipadas o 27 de outubro e levar a DUI ao Parlament. "Puigdemont comunicoumo lamentando que as persoas que estaban na praza Sant Jaume se lle estaban rebelando e pola presión no grupo parlamentario de JxSí e non podía proceder a convocar eleccións", lembrou o lehendakari. As soadas 155 moedas de prata que tuiteou Gabriel Rufían, que este xoves tamén comparece como testemuña, planeaban no salón do Tribunal Supremo.
A respecto de Rajoy, Urkullu explicou que falaron o 21 de setembro, un día despois do rexistro á Consellería de Economía, e trasladoulle a súa preocupación porque a situación "se fose das mans". Segundo a súa versión, o daquela presidente mostroulle o seu compromiso de que a actuación das forzas dependentes do Goberno "sería da máxima delicadeza posible". Dez despois sucederían as cargas policiais do 1-O nos colexios electorais.
O lehendakari precisou ante o Tribunal datas e mesmo a hora das conversas que mantivo con Carles Puigdemont, Soraya Sáenz de Santamaría e Mariano Rajoy
Ao contrario que o ex-presidente do PP, Urkullu precisou datas e mesmo a hora das conversas que mantivo con Carles Puigdemont, Soraya Sáenz de Santamaría e Mariano Rajoy. Empezaron o 19 de xuño de 2017, cando Puigdemont lle ediu "intervir para conducirnos a unha solución pactada" ante a situación de "bloqueo absoluto" entre ambos os executivos. O mesmo día, explica Urkullu, trasladoulle o encontro con Puigdemont á entón vicepresidenta Sáenz de Santamaría na sala de autoridades do aeroporto de El Prat, e pediulle que llo comunicase a Rajoy.
Urkullu tamén revelou que o conseller Vila lle trasladara unha conversa co daquela ministro de Xustiza, Rafael Catalá, e que este lle pediu que "intercedese" ante o presidente do Goberno español. Aínda que dixo que, ao contrario da Generalitat, o Goberno central non solicitou un labor de "mediación", Urkullu si destacou que o Executivo de Rajoy "tiña actitude de querer ser informado, escoitado e prestaba atención". Respecto ao 155, Urkullu explicou que tivo "a intuición de que o presidente non era moi dado á aplicación do 155", pero matizou que nunca recibiu un compromiso ou "unha resposta precisa" de que non se aprobaría o artigo que suspendeu a autonomía de Catalunya.
Segundo Urkullu, de convocar Puigdemont eleccións, PP e PSOE poderían acordar non aplicar o 155 aínda aprobándoo formalmente no Senado. "Pero non houbo unha resposta taxativa neste sentido por parte do Goberno español", recoñeceu. O demais xa é historia.