O ex-presidente do Goberno central Mariano Rajoy destacou este mércores no Tribunal Supremo o que definiu como "actos de acoso" que se deron en Catalunya como un dos motivos para activar o artigo 155 da Constitución e intervir a Generalitat. Dixo tamén que houbo enfrontamentos" durante o 1-O que eran previsibles: "A situación viase vir e iso sabíano todos". Non empregou en ningún momento, non obstante a palabra "violencia", clave nas acusacións contra os líderes independentistas.
Rajoy compareceu como testemuña no xuízo do procés e contestou en primeiro lugar ás preguntas do avogado de Vox, Javier Ortega Smith. Este preguntoulle se o seu Goberno tivo coñecemento de actos de violencia que se producisen en Catalunya, entre os que citou o "acoso" aos axentes de Garda Civil e Policía. "Si, tivemos coñecemento deses actos que recollían os medios de comunicación e sen dúbida foi unha das razóns que daban lugar á situación de excepcionalidade que xunto a outros factores leváronnos ao 155", respondeu Rajoy.
"É normal que se produzan enfrontamentos, sobre todo cando hai vontade de que se produzan"
Xa a preguntas do fiscal Fidel Cadema, Rajoy profundou neste punto: "Preocupábanme o actos de acoso, fixen todo canto estaba nas miñas mans, ao final puxemos en marcha por primeira vez na historia o artigo 155 que só se prevé en situacións límite". Engadiu que o seu Goberno esperaba que se producisen esas situacións de enfrontamentos entre a cidadanía e os axentes.
"Non había que ser moi agudo para decatarse", razoou. Igualmente, aclarou, era de prever que se producisen enfrontamentos entre quen acudían a votar e os axentes de Policía e Garda Civil. "É normal que se poidan producir enfrontamentos, sobre todo cando hai vontade de que se produzan", respondeu Rajoy ao fiscal.
"Acoso" a membros do PSOE e escenas "impropias" dunha democracia
Jordi Pina, avogado de Jordi Sànchez, Josep Rull e Jordi Turull, pediu a Rajoy que detallase os actos de acoso a alcaldes dos que tivese coñecemento. Contestou que ese acoso se produciu contra "moitos alcaldes do PSOE". "Dicir que non houbo acoso, crítica ou manifestación contra ningún alcalde, con perdón, é estar cego", engadiu.
Rajoy alegou que existiu "acoso" contra "moitos alcaldes do PSOE" en Catalunya. "Dicir que non o houbo é estar cego"
Rajoy tamén se referiu aos feitos do 20 de setembro fronte á Conselleria de Economía, cando se desenvolvía unha operación policial contra os preparativos do 1-O. "Creo que é excepcional que se concentren non sei cantas persoas, miles de persoas, ante a Conselleria de Economía onde uns funcionarios estaban a cumprir decisións ordenadas polos xuíces", afirmou.
A preguntas de Andreu Van den Eynde, avogado de Oriol Junqueras e Raül Romeva, Rajoy seguiu contestando sobre a súa percepción no outono de 2017. "Non estabamos nunha situación de normalidade na miña opinión, calquera persoa que se aproxime cun mínimo de rigor ve que esta era unha situación de anormalidade impropia dunha democracia avanzada", asegurou, referíndose aos actos promovidos polo GOberno catalán.
"Se non se chamase á xente a un referendo ilegal non teríamos que ver as lesións"
Nun momento do seu interrogatorio, Van den Eynde preguntou a Rajoy se viu as lesións que se produciron aos votantes que acudiron a algúns colexios o 1-O. "Realmente se non se chamase á xente a un referendo ilegal nin vostede nin eu, nin ninguén dos aquí presentes teríamos que ver as lesións dalgunhas persoas e dalgúns membros dos Corpos e Forzas da Seguridade do Estado", contestou o ex-presidente do Goberno. Engadiu que "a Policía e a Garda Civil prestaron unha actuación moi importante en defensa dos intereses xerais de todos".
Desbotado o estado de excepción
A pesar desa situación de excepcionalidade e malia, segundo afirmou, detectar casos de acoso a cargos públicos, Rajoy aclarou que non pensou en activar o estado de excepción naqueles. Do mesmo xeito que fixo ante Soraya Sáenz de Santamaría, Rajoy dixo que "o 155 era moito máis operativo" e non puña en risco "os dereitos individuais das persoas", como si fai esa figura ou o estado de sitio. "Tratábase de respectar dereitos individuais e entre os dereitos e cambiar un goberno preferín tomar a decisión que tomei", afirmou.
Rajoy tamén se referiu ao posible delito de malversación que se investiga neste proceso. O ex-presidente apuntou á posibilidade de que a Generalitat puidese "enganar" a Facenda e "ocultar partidas" para financiar o referendo. "É algo que non se pode desbotar pero que está fóra das miñas responsabilidades. E haberá que probalo", engadiu.
Conversas con Mas e Puigdemont e o papel de Urkullu
O ex-presidente e antigo líder do PP defendeu en varias ocasións que mantivo diferentes reunións con Artur Mas e con Carles Puigdemont -seis encontros co primeiro, dous co segundo-, e que en todas deixou claro que non se ía negociar sobre o dereito de autodeterminación: "É sorprendente que alguén poida pretender falar co presidente do Goberno de como se liquida a Constitución do país do que esa persoa é presidente do goberno".
"Non houbo mediador de nada porque as miñas posicións estaban claras e as dos outros estaban claras", afirmou sobre o papel de Urkullu
Neste contexto o avogado Jordi Pina preguntou a Rajou se o lehendakari vasco, Iñigo Urkullu foi un dos personaxes políticos que "quixeron intermediar" entre a Generalitat e Goberno na crise provocada polo 1-O. Segundo o ex-presidente, tanto a Urkullu como ao presidente do PNV, Andoni Ortúzar, trasladoulles as súas "posicións claras" en contra de negociar un referendo coa Generalitat. Por iso é polo que o ex-presidente conclúe: "Aí non houbo un mediador de nada porque as miñas posicións estaban claras e as dos outros estaban claras".
Durante a súa declaración, Rajoy salientou a "infinidade" de diferenzas entre as dúas consultas soberanistas ás que tivo que facer fronte desde o Goberno, o 1-O de 2017 e o 9-N de 2014. A primeira, segundo Rajoy, "era vinculante" para a Generalitat e provocou unha Declaración Unilateral de Independencia, algo que non ocorreu co 9-N, sinalou.