- DOCUMENTO | Auto co que a xuíza envía á cadea a Junqueras e o resto de ex-consellers
- En Marea e BNG piden a liberdade dos detidos e falan de "atentado á democracia"
A xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela acorda enviar á cadea sen fianza a Oriol Junqueras e os outros oito ex-consellers que compareceron este xoves, acusados de rebelión e malversación. A Santi Vila, a xuíza envíao a prisión provisional pero deixarao en liberdade se paga unha fianza de 50.000 euros. Ademais, a Fiscalía pediu unha orde de busca e captura contra o president cesado Carles Puigdemont, aínda en Bruxelas xunto a catro ex-membros do Govern.
A xuíza acorda enviar á cadea sen fianza o vicepresident cesado Junqueras e os oito ex-consellers que compareceron este xoves
A xuíza cre que, no caso dos que declararon este xoves, hai un alto risco de reiteración delituosa e de destrución de probas. Ademais, sinala que o alto poder adquisitivo dos acusados permítelles "abandonar o territorio español e subsistir no estranxeiro".
A xuíza tomou a decisión despois de escoitar os nove querelados que acudiron á citación. Os primeiros consellers en sentar diante da xuíza foron Jordi Turull, Josep Rull, Meritxell Borràs, Joaquim Forn. Negáronse a contestar á Fiscalía e apenas estiveron cinco minutos dentro da sala de declaracións.
A maxistrada cre que hai un alto risco de reiteración delituosa e de destrución de probas e que poden "abandonar o territorio español e subsistir no estranxeiro"
Santi Vila, o quinto en declarar, acudiu só e co seu propio avogado e si contestou ás preguntas dos fiscais Miguel Ángel Carballo e Pedro Rubira. Tras eles, foi a quenda de Oriol Junqueras, Dolors Bassa, Raül Romeva e Carles Mundó.
No auto de citacións, Lamela explicou que, conforme ao relato exposto polo fiscal na súa querela, os feitos investigados ían dirixidos a proclamar unha República catalá independente de España "nunha conduta que vai encamiñada ou dirixida a romper a organización territorial do Estado", polo que pode encaixar nunha maneira de atentar contra a forma actual de goberno de España, e por tanto sería competencia da Audiencia Nacional.
"Franquearon toda clase de barreiras que puideran desvialos da súa finalidade", di a maxistrada
A xuíza conclúe que do relato do fiscal despréndese que os querelados "urdiron unha estratexia da que habería de ser todo o movemento secesionista, perfectamente organizada e con repartición de papeis entre as autoridades gobernamentais, parlamentarias e asociacións independentistas (ANC e Òmnium) que levaron á celebración do referendo ilegal o día 1 de outubro e á declaración de independencia aprobada no parlamento o pasado 27 de outubro".
Lamela lembrou que os acusados enfróntanse a penas elevadas, que poderían chegar a 50 anos de cadea: 25 por rebelión, 15 por sedición e ooito por malversación, que poden chegar até dez por falseamento de contabilidade. Ademais, insiste en que, polo momento, os feitos constitúen un delito de rebelión.
Os ex-consellers ingresarán en cinco centros penitenciarios diferentes
No auto, asegura que o documento EnfoCats, elaborado por Josep María Jové, que se considera unha folla de ruta para a independencia, "correspóndese perfectamente con todos os pasos executados polo Govern". E di que para dar os pasos, os consellers servíronse dos seus cargos públicos. "Cobra especial importancia o papel que todos os querelados protagonizaron desde os seus cargos públicos, sen os cales o proceso independentista non tería podido impulsarse", engade. Segundo o auto, a acción dos investigados foi "meditada e perfectamente preparada e organizada" mediante o incumprimento sucesivo das resolucións do Supremo. "Franquearon toda clase de barreiras que puideran desvialos da súa finalidade", di.
Todos os encarcerados ían ser dispersados en cinco diferentes cadeas en Madrid, pero finalmente INterior agrupounos en Estremera e Alcalá Meco. Ningún deles ingresou en Soto del Real, onde adoitan quedar os presos preventivos.
O conseller Rull, nun chío en Twitter probablemente programado, manifestou: "Se vedes ese chío é que teño sido encarcerado por ser fiel ás urnas". Noutro tweet, Oriol Junqueras pediu "facer cada día todo aquilo que estea na vosa man para que o ben derrote ao mal nas urnas o 21D. En pé, con determinación e até a vitoria".
ERC pide a "todos os demócratas españois" que saian á rúa; Pablo Iglesias reclama a "liberdade dos presos políticos"
Desde Bélxica, o president cesado, Carles Puigdemont, esixiu a posta en liberdade dos consellers. "Entre barrotes, o goberno lexítimo de Catalunya é máis digno que os seus ilusos encarceradores", asegurou.
Ademais, as reaccións foron constantes desde toda a clase política. Marta Pascal, coordinadora xeral do PDeCAT, asegurou que farán "o imposible para que o Govern recupere a liberdade" e cualificou de "vergonza" a decisión da xuíza. Marta Rovira, secretaria xeral de ERC e con algunha bágoa, asegurou que viñan de "encarcerar xente inocente polas súas ideas" e apelou "a todos os demócratas españois" a "saír á rúa". Desde a CUP, ademais, advertiron de que non só "non" os derrotaron senón que "nin tan sequera" os venceron.
No ámbio estatal, o coordinador de IU, Alberto Garzón, cre que "non é democracia" a decisión xudicial. "Avergóñame que no meu país se encarcere opositores. Non queremos a independencia de Catalunya pero hoxe dicimos: liberdade presos políticos" dixo Pablo Iglesias, líder de Podemos. Mentres, a ANC xa chamou a un novo "paro de país" para protestar contra a entrada en prisión do Govern cesado.
Orde de busca e captura contra Puigdemont
Por outra banda, a Fiscalía pediu á xuíza Carmen Lamela que curse unha orde europea de detención contra o president cesado da Generalitat, Carles Puigdemont, e os ex-consellers que se atopan con el en Bruxelas e non acudiron á súa citación: Clara Ponsatí, Antoni Comín, Lluís Puig e Meritxell Serret.
Puigdemont e outros membros do Govern xa avisaran de que non acudirían a comparecer ante a xuíza que os investiga por rebelión e malversación de fondos. Segundo un comunicado publicado este mércores, esperarán a acción da xustiza desde Bruxelas. Ademais, tamén solicitaran declarar desde alí.
A Fiscalía pide unha orde europea de detención contra Puigdemont e os ex-consellers que se atopan con el en Bruxelas
O fiscal sinala que os ex-consellers que están en Bruxelas non compareceron malia que "é un feito notorio e publicamente coñecido" a súa citación. "Constan reiterados intentos de entregar a citación no seu enderezo, así como reiteradas chamadas telefónicas ás que se fixo caso omiso", engade.
Puigdemont, Comín e Serret pediron comparecer por videoconferencia "sen ofrecer dato ningún sobre o seu paradoiro", escribe o fiscal. Por iso pide que se emita unha orde de busca, captura e detención nacional e internacional contra eles e o resto de consellers que non compareceron