0 Gardados para despois

Rajoy convoca eleccións en Catalunya o 21 de decembro

Redacción | @prazapublica

O Goberno destitúe a Puigdemont e atribúe aos ministerios as competencias de cada consellería

“Hoxe disolvín o Parlamento de Catalunya e o próximo 21 de decembro celebraranse eleccións”. Así o vén de anunciar o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, tras a reunión do Consello de Ministros que acordou a última hora da tarde deste venres a destitución de Carles Puigdemont e do resto do Govern da Generalitat en aplicación da autorización recibida poucas horas antes do Senado ao amparo do artigo 155 da Constitución. Tras a reunión, o presidente, Mariano Rajoy, leu unha declaración sen preguntas na que concretou que os ministerios asumirán as competencias de cada consellería.

O presidente da Generalitat, Carles Puigdemont, no Parlament tras a declaración de independencia / © Sandra Lázaro / Catalunya Plural

Ademais da destitución do Govern, Rajoy tamén anunciou a “extinción das delegacións no estranxeiro, agás en Bruxelas”, así como o “cese do director xeral dos Mossos”

Rajoy comezou a súa intervención apelando á “prudencia e serenidade” fronte a “estas horas de ánimos exaltados” e asegurou que o Estado ten recursos para facer fronte á actual situación. O presidente dixo que o Goberno pedirá ao Tribunal Constitucional “a nulidade das resolucións aprobadas polo Parlament” e que as competencias da Generalitat serán asumidas por “os ministerios correspondentes ás competencias de cada consellería”. Ademais da destitución de Puigdemont e dos seus conselleiros, Rajoy tamén anunciou a “extinción das delegacións no estranxeiro, as coñecidas como embaixadas, excepto en Bruxelas”, así como o “cese do director xeral dos Mossos”.

Tras ofrecer eses detalles foi cando Rajoy anunciou a principal medida das tomadas polo seu Goberno este venres: “Hoxe disolvín o Parlamento de Catalunya e o próximo 21 de decembro celebraranse eleccións”, dixo, tras valorar que a decisión do Parlament de declarar a independencia de Catalunya supuxo que “hoxe no Parlamento catalán impuxéronse os partidarios de canto peor, mellor”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.