0 Gardados para despois

O Senado dá vía libre ao Goberno para intervir Catalunya con 214 votos a favor e 47 en contra

Irene CastroIrene Castro | @irecr


Rodrigo Ponce de LeónRodrigo Ponce de León | @rodrigopdl


O Goberno acepta a petición do PSOE de que o control dos medios públicos cataláns se manteña no Parlament

O pleno do Senado validou este venres as medidas do artigo 155 da Constitución que o Goberno aprobou para intervir a autonomía catalá. Nun longo pleno de máis de seis horas non houbo sorpresas, a maioría absoluta do PP máis os votos do PSOE e de Ciudadanos superaron amplamente ao resto de grupo políticos:  214 votos a favor, 47 votos en contra e unha abstención. A aprobación das medidas que agora deberán ser decretadas polo Consello de Ministros non produciu aplausos nin alegría na cara dos senadores, máis ben todo o contrario, incluídos os parlamentarios do Partido Popular.

O acordo do Senado publicouse este mesmo venres no Boletín Oficial do Estado (BOE), antes do Consello de Ministros que se celebrará esta mesma tarde e que poñerá en marcha mediante decreto medidas como o cesamento do president da Generalitat, Carles Puigdemont, e todo o seu Govern.

Foi unha xornada longa no hemiciclo do Senado e nos seus despachos, onde o PSOE e o PP negociaban as emendas propostas polos socialistas. Mentres o PSOE tirou finalmente a toalla ante o que considera un “portazo” de Junts pel Si e a CUP ao diálogo e retirou a súa emenda que propoñía paralizar o 155 no caso de que  Puigdemont convocase eleccións, o PP terminou cedendo e aceptou a proposta do PSOE coa que renuncian a que o Executivo central se faga coas rendas de TV3 e Catalunya Ràdio, como nun principio estaba reflectido no acordo que aprobou o Consello de Ministros. O BOE recolle como o Senado suprime o parágrafo co que o Goberno pretendía asumir o control dos medios públicos cataláns.

"O que sucedeu hoxe no Parlament de Catalunya é a proba inequívoca do necesario que era que o Senado aprobase hoxe” o 155, dixo Rajoy

Á saída do Senado, cando xa rematara a votación a favor da independencia no Parlament catalán, o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, pediu tranquilidade aos españois e, especialmente aos cataláns porque "o Estado reaccionará". "O que sucedeu hoxe no Parlament de Catalunya é a proba inequívoca do necesario que era que o Senado aprobase hoxe” a aplicación do artigo 155, sinalou Rajoy. O presidente do Goberno dixo que "non hai alternativa, o único que se pode e se debe facer é acudir á lei", ante a actitude do president Puigdemont, ao que acusou de ser o único culpable de que o 155 siga adiante: "Foi el quen elixiu que o proceso do artigo 155 continuase adiante. El e só el".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.