O Parlament proclama a independencia de Catalunya e o Estado desprega o 155

Deputados do Parlament de Catalunya cantando 'Els Segadors' tras a declaración de independencia © Sandra Lázaro / Catalunya Plural

O Parlament de Catalunya proclamou pouco antes das tres e media da tarde deste venres a constitución da república catalá independente cos votos a favor de JxSí e CUP nunha votación que se realizou de xeito secreto e da que estiveron ausentes os deputados de Ciudadanos, PSC e PP, que abandonaron o pleno en sinal de protesta. Aos poucos minutos, o presidente do Goberno central anunciou o despregamento do artigo 155 ante un acto "delitivo". 

A resolución establece “a república catalana como Estado independente e soberano, de dereito democrático e social”

JxSí e CUP pediron que a votación da resolución pola que se proclama a independencia fose secreta. No reconto apareceron dous votos en branco, 10 en contra e 70 a favor, o que impide establecer un paralelismo exacto entre todos os deputados pertencentes aos grupos favorables á independencia e o resultado final.

A resolución aprobada proclama “a república catalana como Estado independente e soberano, de dereito democrático e social”, unha afirmación que se inclúe no preámbulo da resolución e non na parte dispositiva. 

O presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, manifestou tan só uns minutos despois da declaración que o Goberno "tomará as decisións que correspondan para recuperar a legalidade" e asegurou que se faría "esta tarde". Ademais, aclarou que se fai porque "o Parlament aprobou algo que non só vai en contra da lei, senón que é un acto delitivo porque supón declarar a independencia de Catalunya". Así, anunciou que se celebrará o Consello de Ministror habitual dos venres e outro extraordinario ás seis da tarde para aplicar xa o artigo 155 da Constitución. 

Ademais, a Fiscalía Xeral do Estado presentará o luns a querela contra o Govern e a Mesa do Parlament pola DUI. O fiscal xeral do Estado, José Manuel Maza, xa advertira de que presentaría unha querela por rebelión contra os responsables da declaración unilateral de independencia. 

Os independentistas votaron nunha sesión na que o president Carles Puigdemont se negou a comparecer malia as peticións da oposición. Puigdemont deixou este xoves en mans do Parlament a decisión sobre a independencia, despois de tomar a decisión de non convocar eleccións ao considerar que o Goberno central non lle garantía a retirada da intervención da Generalitat pola vía do 155.

Rajoy anunciou a aplicación inmediata das "medidas necesarias" contra un acto "delitivo"

A votación ofreceu unha vez máis a imaxe dun hemiciclo semibaleira posto que Ciudadanos, PSC e PP abandonaron os seus escanos. Os socialistas recoñeceron que non lles gusta a aplicación do 155 pero sinalaron que, chegados a este punto, a súa aplicación é inevitable e responsabilizou diso ao presidente da Generalitat. O PP, pola súa banda, denunciou a fracturación política e social, e o seu portavoz, Alejandro Fernández, resumiuna nesta frase dirixida a Carles Puigdemont: "Hai alguén no planeta que non sexa facha? Ata vostede durante tres horas foi facha e botifler".

"A DUI non nos protexerá do 155", advirte Catalunya Sí que es Pot

Catalunya Sí que Es Pot non se ausentou do hemiciclo pero votou en contra, cun discurso moi duro contra a maioría independentista. "A DUI non nos protexerá do 155", advertiu Marta Ribas. Pola súa banda, a CUP felicitouse polo paso dado este venres, polo que a formación anticapitalista apertou ao Govern durante toda a lexislatura. "Hoxe iniciamos a destitución do réxime e da monarquía borbónica", asegurou o deputado Carles Riera.

Puigdemont pide "paz, civismo e dignidade"

Puigdemont, pouco despois da declaración, interviu para asegurar que "toca manter o pulso do país na paz, o civismo e a dignidade". O president de la Generalitat falou nas escaleiras do Parlament e dixo facelo "desde o corazón". Aos alcaldes alí congregados aniimounos a encarar "pacificamente e civicamente" os "retos democráticos".

Puigdemont pide "manter o pulso do país na paz, o civismo e a dignidade"

O vicepresidente, Oriol Junqueras, pola súa banda, pediu "confianza na nova república" aos cidadáns que estean "inquietos e preocupados", así como "responsabilidade" aos que queiran "celebrar" a DUI. Actuamos de boa fe con respecto e estima para asumir retos de presente e de futuro", dixo. 

Desde Madrid, o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, amosou o seu máis "profundo rexeitamento" pola decisión do Parlament catalán e acusou o bloque independentista de "culminar unha carreira de despropósitos e irresponsabilidade" e acusou a Puigdemont e Junqueras de ser "os principais culpables do desgarro" e de conducir Catalunya "cara a un camiño sen saída" e cualificounos de "irresponsables". "O Estado de dereito non vai toleralo", engadiu. "Ante o cuestionamento da unidade de España, non hai matices", dixo para xustificar o seu apoio ao PP. "Catalunya seguirá sendo España", manifestou. 

Pablo Iglesias, pola súa banda, insistiu en que non está de acordo "nin coa DUI" nin coa aplicación do artigo 155 da Constitución, ao igual que volveu manifestar Ada Colau a través dun comunicado nas redes sociais. 

O Cosello Europeo, Alemaña, Reino Unido, Francia o Portugal advirten de que non recoñecerán a independencia

No panorama internacional, o presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, sinalo que "nada mudou para a Unión Europea". "España segue sendo o noso único interlocutor. Espero que o goberno español favoreza a forza dos argumentos e non os argumentos da forza", dixo. O presidente da Eurocámara advertiu de que "ninguén recoñecerá esa declaración". Ademais, o Departamento de Estado dos EUA asegura que "Catalunya é parte integral de España". A OTAN, pola súa banda, pide unha solución "dentro da orde constitucional español". Mentres, potencias como Alemaña, Reino Unido ou Francia insisten en non recoñecer a DUI. Tampouco Portugal. 

O seu primeiro minisro, António Costa, expresou a súa "total solidariedade" con España na defensa da unidade do Estado. "Total solidariedade na defensa do principio constitucional da unidade de España", dixo para, a continuación, lamentar que a DUI constitúe "un factor de perturbación na vida política de España". Ademais, advertiu de que a independencia non será recoñecida por Portugal nin polo resto da comunidade internacional. 

Puigdemont vota a prol da DUI Dominio Público Govern da Generalitat
Rajoy, durante o debate no senado sobre o 155 © Goberno de España

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.