Primeiro día tras a declaración de independencia no Parlament de Catalunya. E primeira xornada, tamén, dende que o Goberno de España tomase o control formal da Generalitat a través do artigo 155 da Constitución tras o seu despregamento co visto e prace do Senado. A convocatoria de eleccións autonómicas para o 21 de decembro por parte de Mariano Rajoy inmediatamente despois de destituír a Carles Puigdemont e todo o seu gabinete axitou un taboleiro no que o soberanismo aspira a que a República proclamada poida asentarse e tornar en realidade duradeira apoiada na mobilización cidadá.
O Boletín Oficial do Estado reflectiu dende a tarde deste venres o roteiro a seguir polo gabinete de Rajoy. Primeiro chegou o cesamento do Govern e a convocatoria dos comicios do 21-D. Pero pouco despois, de madrugada, chegou a remuda formal de Puigdemont por Rajoy -"el Presidente del Gobierno de la Nación asume las funciones y competencias que corresponden al Presidente de la Generalitat de Cataluña, previstas en el Estatuto de Autonomía"- e a de Oriol Junqueras por Soraya Sáenz de Santamaría.
Nas primeiras horas de aplicación formal do 155 o Goberno de España cesou a Trapero como responsable dos Mossos
O propio texto implica tamén que os diversos ministros asumen responsabilidades que antes eran propias dos conselleiros catalán e un dos primeiros en comezar a exercer foi o de Interior, Juan Ignacio Zoido, para formalizar unha das medidas máis simbólicas das primeiras horas do 155: o cesamento do xefe dos Mossos d'Esquadra, o major Josep Lluís Trapero. A medida, que non foi explicitada por Rajoy na súa comparecencia ante a prensa do venres, é defendida por Zoido como unha vía para "velar pola legalidade" e apóiaa na "situación xudicial" de Trapero, a quen a Audiencia Nacional mantén como investigado por sedición. Trapero acatou o cesamento e, nunha carta remitida aos membros do corpo, pide "lealdade e comprensión" cos novos mandos, encabezados por quen ata agora era o seu número dous, Ferrán López.
Confianza na mobilización cidadá á espera da Fiscalía
Manifestación na Praza de Sant Jaume tras a proclamación da independencia / ©Sandra Lázaro-Catalunya Plural
Mentres o Estado desprega as medidas do artigo 155 da Constitución, o soberanismo pon as súas esperanzas na mobilización popular, pero tamén ten a ollada posta na reacción da Fiscalía, que se agarda dura. "Hai semanas que nos estamos preparando para este momento. Xa sabemos que será moi duro", sinalaba un conseller este venres, informan Neus Tomàs e Arturo Puente para Catalunya Plural. Unha vez desbancados dos seus cargos o que para o Estado é o antigo Govern agarda que a resistencia pacífica na rúa "defenda" as institucións e a propia declaración de independencia.
Puigdemont apela nunha mensaxe televisada a "perserverar" na "oposición democrática ao 155" de xeito "pacífico e cívico"
Neste chamado á mobilización enmarcouse a mensaxe de Puigdemont que a Generalitat difundiu por sorpresa a través de TV3 a mediodía deste sábado no que supón un símbolo de non acatamento da destitución. "Nunha sociedade democrática -subliñou- son os parlamentos os que escollen e cesan os presidentes".
No breve discurso, gravado en Girona, o líder catalán animou a poboación a "perserverar" na "oposición democrática ao artigo 155" como "consumación dunha agresión premediada á vontade dos cataláns que, de maneira moi maioritaria, nos sentimos unha nación de Europa". Esa "reacción", advertiu, debe ser "pacífica e cívica", a "propia dun país maduro". "Non temos nin queremos a razón da forza" e por iso "seguiremos traballando por construírmos un país libre" tras a proclamación da República, que ve "cargada de sentido democrático e cívico".
Mensaxe televisada de Carles Puigdemont, este sábado / TV3
Esa defensa da declaración non poderá ser realizada dende o disolto Parlament nin dende o destituído Govern, polo que o protagonismo regresa, fundamentalmente, ás mans das entidades independentistas Assemblea Nacional Catalana e Òmnium, cuxos máximos responsables seguen en prisión provisional sen fianza por orde da Audiencia Nacional. A resposta aos acontecementos será "pacífica", manteñen.
Os dous planos dos primeiros pasos da República proclamada, o institucional e o social, tamén contrastan en canto ao seu estado de ánimo. Nos responsables políticos que agardan as primeiras accións xudiciais contra eles o sentimento que prima é a frialdade. Mentres, as primeiras horas tras a declaración foron de festa na contorna do Paralment e na barcelonesa praza de Sant Jaume, onde se atopa a sede do Govern. Tamén houbo celebracións noutras localidades e en varios concellos, onde foron arriadas as bandeiras españolas ou, como en Vic, a estelada foi remudada pola senyera ao dar por conseguida a independencia.