Forcadell abre a vía do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos cunha demanda contra a súa prisión provisional

Carme Forcadell, durante a súa declaración no xuízo do procés o 26 de febreiro de 2019 CC-BY-SA Praza Pública

A ex-presidenta do Parlament catalán Carme Forcadell presentou este martes ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo (TEDH) unha demanda contra a prisión provisional na que permanece desde o pasado 23 de marzo. Forcadell convértese así na primeira dirixente do 'procés' soberanista acusada de rebelión que abre a vía de Estrasburgo, onde os soberanistas teñen postas esperanzas para reverter a súa situación en España.

A avogada de Forcadell anunciou o recurso ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos na xornada en que a ex-presidenta do Parlament catalán declara ante o Supremo

Na xornada en que Forcadell declara ante o Supremo, a súa avogada, Olga Arderiu, explicou que a demanda se presentou porque a xustiza española, ao seu xuízo, vulnerou a Convención Europea de Dereitos Humanos coa prisión preventiva, que cualificou de "arbitraria" e sen "base real". O resto de acusados non recorreron aínda a Estrasburgo, aínda que Junqueras e mais Jordi Sànchez e Jordi Cuixart levaron o seu encarceramento até a ONU.

A defensa de Forcadell presentou a súa demanda ao TEDH aínda que o Tribunal Constitucional non resolveu aínda sobre o seu recurso de amparo contra a prisión preventiva. A lei esixe esgotar a vía xudicial interna para acudir á xustiza europea, aínda que a defensa da ex-presidenta do Parlament entende que a falta de resposta do Constitucional á súa petición de amparo equivale a unha negativa a excarcerala.

Concentración de solidariedade con Carme Forcadell no Parlament catalán CC-BY-SA @FreeForcadell

Até agora as defensas dos dirixentes soberanistas procesados non puideron acudir a Estrasburgo porque o Constitucional aínda non resolveu sobre os seus recursos

Até agora, as defensas dos procesados polo procés non puideron acudir ao Tribunal de Estrasburgo, dado que o Constitucional aínda non resolveu sobre os recursos que presentaron, principalmente sobre o seu ingreso en prisión provisional e a suspensión dos deputados procesados. O pasado mes de setembro, o Tribunal Constitucional resolveu denegar a suspensión cautelar da medida de prisión provisional de Forcadell, pero á espera de resolver en sentenza sobre o fondo da cuestión.

A defensa de Forcadell, con todo, considera que ao pronunciarse preventivamente sobre a prisión da ex-presidenta do Parlament, o TC xa o fixo sobre o fondo do asunto, o que cre que abre a porta a poder presentar demanda a Estrasburgo sen esperar a que o alto tribunal dite sentenza.

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo debe decidir agora se admite a demanda presentada por Forcadell, de acordo co seu argumento de que a vía xudicial interna está esgotada no caso da súa prisión provisional.

As sesións do xuízo, ao vivo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.