O PP volve á rúa contra Sánchez dez anos despois de augurar a ruptura de España e da familia heterosexual

Pablo Casado, durante un mitin previo ás eleccións andaluzas de 2018 © PP

Ata que o estourido da crise económica e a súa xestión erosionaron rápida e crucialmente o Goberno do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero, moi especialmente a partir do primeiro paquete de recortes sociais do ano 2010, o PP baseara a súa estratexia de confrontación con aquel Executivo socialista en dúas frontes: a territorial e a moral. A territorial compúxose esencialmente de alertas a respecto dunha suposta ruptura de España a conta da aprobación en 2006 do novo Estatuto de Autonomía de Catalunya, habitualmente salferidas de mencións aos contactos do Goberno de España con ETA para procurar a fin dos atentados. 

Unha década despois de basear a oposición a Zapatero nunha suposta quebra da unidade do Estado o PP disponse a botarse á rúa en plena precampaña das municipais ao fío do "relator" para as conversas do PSOE co independentismo catalán

A vertente moral asentábase na oposición dos populares ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo, primeiro, e despois ao dereito ao aborto. Naquelas manifestacións secundadas e alentadas polo PP alertábase dunha suposta fractura da familia "tradicional" -asentada nunha parella homosexual- e dun perigo para "a vida".

Unha década e unha fonda crise económica despois o panorama político e social do Estado mudou moi notablemente. O PSOE volve ostentar o Goberno de España tras a moción de censura formulada contra o Executivo de Mariano Rajoy ao fío da vaga expansiva do caso Gürtel. Pedro Sánchez chegou á presidencia apoiado nunha ampla pluralidade de forzas, entre elas a das forzas independentistas catalás, e nun clima político inevitablemente condicionado polo proceso soberanista en Catalunya e o encarceramento e inminente xuízo aos seus líderes pola organización do referendo do 1 de outubro de 2017.

Dirixentes do PP no Congreso en 2009 por tras da daquela ministra de Igualdade, Bibiana Aído, contra cuxa xestión se manifestaran activamente © PP

Con este pano de fondo e cunha correlación de forzas políticas infinitas moito máis fragmentada que en tempos de Zapatero o PP disponse a volver á rúa en plena precampaña das eleccións municipais e europeas do 26 de maio, que tamén son autonómicas en 13 autonomías. Faino outra volta apoiándose nun suposto risco de ruptura da unidade de España pero xa sen ser o único partido que actúa como tractor da mobilización: agora o espazo mobilizador -e o rendemento electoral do mesmo- ten que competilo con Ciudadanos e mais coa súa escisión de extrema dereita Vox.

PP e Ciudadanos saíron en tromba rapidamente secundados polo partido de extrema dereita Vox

O motivo que os populares, con Pablo Casado á fronte, presentan como ineludible detonante para botarse á rúa son os contactos do Goberno de Sánchez e mais do PSOE coa Generalitat catalá e os partidos que sustentan o seu Executivo. Concretamente, o anuncio da figura dun "relator", en verbas da vicepresidenta Carmen Calvo, que dará conta do tratado nos contactos entre partidos. En plena incerteza a conta da tramitación dos Orzamentos Xerais do Estado e cunha errática xestión da devandita figura por parte dos de Sánchez, PP e Ciudadanos saíron en tromba rapidamente secundados por Vox.

Pablo Casado (esquerda) e Albert Rivera, en actos da pasada campaña electoral andaluza CC-BY-SA eldiario.es

O presidente do PP non aforrou cualificativos nin gravidade no ton, atribuíndo "alta traizón" a Pedro Sánchez, contra quen asegura estar "disposto a todo"

Como informa Gonzalo Cortizo para eldiario.es, os protagonistas da pugna por liderar a reconfiguración do espazo da dereita española tardaron escasas horas en coordinaren as súas estratexias para convocar manifestacións na rúa contra a decisión de Pedro Sánchez de continuar as conversas co independentismo catalán incorporando a figura do devandito "relator". Pablo Casado anunciou a convocatoria dunha concentración para este domingo no centro de Madrid. Minutos antes, o líder de Ciudadanos, Albert Rivera facía un anuncio similar. Pouco despois, Vox sumábase cunha mensaxe en Twitter do seu líder

O presidente do PP non aforrou cualificativos nin gravidade no ton. Segundo Casado xa é posible cualificar a Sánchez como  "o maior traidor contra a continuidade histórica da democracia española" e  asegura que "o que está a ocorrer é o máis grave  que viviu a democracia española desde  o 23 de febreiro de 1981". O substituto de Mariano Rajoy atribúe a Sánchez "alta traizón" -a traizón é un tipo delitivo castigado con fortes penas de cadea-, dá en cualificar o Goberno como "ilexítimo"  e por iso asegura estar "disposto a todo". 

Rivera tampouco aforra énfase. Manifestarase co resto da dereita porque "xa abonda" e "hai que frear a Sánchez nas rúas", asegurou o líder de Ciudadanos. "Se hai que botar a Sánchez da Moncloa teremos que sumar forzas. Esta lexislatura son só está esgotada senón que empeza a ser perigosa", asegurou Rivera nun chamamento á reacción conxunta fronte ao Goberno.

Miguel Tellado, Pablo Casado e Alberto Núñez Feijóo, nun acto de partido CC-BY-SA PPdeG

O argumentario foi reproducido en Galicia, onde o 'número dous' de Feijóo no partido di estar alarmado por unha suposta "rendición aos pés do independentismo"

O argumentario do aparello central do PP foi reproducido pouco despois en Galicia cun ton de afectación semellante. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, condenou o que considera unha "humillación aos españois" e o seu número dous no PPdeG, Miguel Tellado, dixo apelar á "conciencia" dos "dirixentes socialistas que están en contra de que o Goberno de España acepte que haxa unha mediación entre Cataluña e España". "Non hai precedentes de decisións tan humillantes", proclama Tellado sen especificar cales. "Os galegos", segundo afirma, tamén están a ser "humillados" porque "Pedro Sánchez rende España aos pés dos independentismo".

Diante desta apelación directa o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reiterou o seu apoio á "busca de mecanismos de diálogo dentro da Constitución e do Estado de Dereito" para "solucionar o conflito en Cataluña tras moitos anos nunha situación difícil de desatascar". "É un asunto moi complexo e cómpre buscar vías de diálogo", agrega Caballero, en cuxa opinión o Goberno de Sánchez "ten todas as claves sobre a mesa para tomar as mellores decisións que sexan compatibles coa Constitución" e "estou convencido de que así o está a facer", conclúe.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.