Pablo Casado leva apenas unha semana na presidencia do PP, á que chegou tras unha campaña interna na que prometeu defender o ideario do partido sen "complexos" con, entre outros obxectivos, o de "recuperar" electorado que, segundo as sondaxes, podería mudar os populares por Ciudadanos ou a formación de ultradereita Vox. Sete días despois Casado vén de amosar a que pretende que sexa unha das primeiras bandeiras do novo PP, a da alarma ante unha suposta avalancha de inmigración ilegal proveniente de África, na liña de formacións xenófobas doutros puntos de Europa e mesturando, coma estas, feitos puntuais con datos esaxerados ou directamente falsos.
No marco dunhas declaracións nas que Casado se situou a si mesmo como "politicamente incorrecto", o substituto de Mariano Rajoy proclamou que "non é posible que España poida absorber millóns de africanos que queiran vir buscando un futuro mellor". Refírese a esa magnitude indeterminada porque, asegurou, hai "estudos policiais que din que hai un millón de inmigrantes esperando as costas libias". Casado non cita a fonte da súa suposta información, se ben nos últimos días un sindicato policial expresouse en termos semellantes, tamén sen citar fontes, e asegura que lanza esta alerta fronte a un suposto "efecto chamada coa visita do presidente do Goberno para recibir os inmigrantes do barco Aquarius", aínda que en realidade esa visita de Pedro Sánchez non existiu.
Casado, que di rexeitar o "populismo" en materia de inmigración, apoia a súa alerta na suposta chegada de "millóns" de migrantes sen aclarar de onde tira os datos e atribúea a unha visita de Pedro Sánchez que non existiu
"En materia de inmigración non cabe a demagoxia; temos que ser responsables, non ser populistas", culminou Casado unhas declaracións que rematou anunciando que acudirá a Algeciras e Ceuta para "abrazar" axentes da Garda Civil e da Policía que traballan no control das fronteiras. O presidente do PP coida que a chegada de migrantes debérase restrinxir ás "necesidades de emprego" como as derivadas das "campañas agrícolas" ou os "picos de turismo" e non estenderse a eses "millóns" que as cifras oficiais de migración non reflicten por ningures.
Non en van, dende principios de século o ano con maior chegada de migrantes ás costas españolas foi 2006 e a cifra quedou algo por baixo das 40.000 persoas. En 2017, o de maior volume de chegadas dende o estourido da crise económica, superou un chisco as 22.000. Ademais, advirten especialistas en migracións e fontes do Ministerio do Interior consultadas por eldiario.es, as tendencias migratorias non mudan dunha semana a outra e, no caso español, os incrementos -evidentemente lonxe das cifras bosquexadas por Casado- prodúcense dende 2013 e responden a factores moi diversos como o acordo da Unión Europea con Turquía, que empurrou estas rutas cara a Libia, dende onde tentar chegar a Italia e cara a Marrocos como última parada antes de España.
Contra a evidencia das cifras, tamén no impacto ecómico
"Os inmigrantes reciben menos do Estado do que achegan á Facenda pública", concluíu en 2011 un estudo sobre o impacto da inmigración en España
Alén das razóns humanitarias ou políticas, as proclamas coas que Pablo Casado achega o PP cara aos argumentarios de líderes da ultradereita continental como Matteo Salvini, Marine Le Pen ou Viktor Orbán tamén ignoran a evidencia das cifras no ámbito económico. Como debulla Íñigo Sáenz de Ugarte para eldiario.es, as alusións de Casado a respecto dun risco para o Estado de benestar por mor da chegada de migrantes non se sosteñen cos datos, senón o contrario.
Así, por exemplo, un estudo elaborado no ano 2011 para La Caixa por Francisco Javier Moreno, investigador de políticas públicas do CSIC e María Bruquetas, politóloga da Universidade de Amsterdam, subliñaba que estes "argumentos de sobreutilización do sistema de protección social" están "inxustificados", xa que "os inmigrantes reciben menos do Estado do que achegan á Facenda pública". Segundo este traballo, a poboación estranxeira que se asenta no Estado español acaba achegando "dúas ou tres veces máis do que custan", adoitan facer menor uso do sistema sanitario que a poboación local e dinamizan sectores económicos como o da vivenda, advertía.
A inmigración non compensa a crise demográfica galega
No caso concreto de Galicia, onde non existe problemática ningunha coa inmigración irregular, estudos recentes apuntan a que o saldo migratorio do país terá unha tendencia positiva nos vindeiros anos, pero nin de lonxe compensará a perda de poboación que provoca a baixa natalidade. Así, as últimas proxeccións demográficas do Instituto Galego de Estatística indican que na contorna do ano 2030 en Galicia nacerán unhas 12.500 persoas ao ano e morrerán máis de 30.000. Isto dará lugar ao peor saldo vexetativo da historia dende que hai datos -case 20.000 mortes máis que nacementos- mentres o saldo migratorio -diferenza entre saídas e entradas- apenas supera as 3.000 persoas.
Menos do 20% da poboación que recibiu a Risga en 2017 era estranxeira
No caso galego tampouco se sostén a suposta preponderancia da poboación inmigrante no acceso ás diversas prestacións sociais. Así, por exemplo, o último informe da Xunta sobre a xestión da Renda de Inclusión Social (Risga) indica que apenas o 12,6% das persoas que a recibiron durante o pasado ano eran estranxeiras de países alleos á UE e pouco máis dun 3%, procedían de Estados da UE diferentes de España. Noutras prestacións como, por exempo, a renda social do Concello de Santiago, a poboación estranxeira apenas supón unha de cada catro solicitudes e os balances máis recentes de Cáritas indican, no caso galego, que máis de dous terzos das persoas ás que axudaron en 2017 non eran migrantes.