0 Gardados para despois

Como combater os discursos racistas na rede? Alimentar o troll ou non?

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"Es muy sencillo: todos los progres solidarios que quieran un inmigrante del #Aquarius que se lo lleven a su casa, lo mantengan y le busquen un trabajo". Dende que se abriu a posibilidade de que o Estado español acollese as 629 persoas, comezaron a circular polas redes sociais mensaxes deste tipo, que dende posicións xenófobas redundan en lugares comúns como un suposto "efecto chamada", as mencións á "criminalidade" e á "violencia" provocadas por inmigrantes, a unha hipotética "islamización" de Europa, a reclamación de que as axudas sociais sexan só para as persoas nacidas en España. Unhas mensaxes que, por suposto, non existen só nas redes sociais, senón tamén en determinados medios de comunicación e por suposto nos fíos de comentarios de moitos xornais, tamén galegos.

"O discurso de odio ten un impacto particularmente destrutivo non só nas persoas que o sofren directamente, senón tamén entre os seus amigos e familiares, así como entre quen comparten as características da vítima e padecen os mesmos prexuízos"

Que efecto teñen estas mensaxes, tanto sobre a sociedade en xeral como sobre as persoas máis directamente afectadas -inmigrantes de todo tipo, minorías...-? Que se pode facer para contrarrestalas? É mellor deixalas correr, non enzoufarse nestes debates, evitar alimentar os trolls? Ou é importante responder, facer ver as outras posicións, os relatos e visións que contradín estes discursos de odio? A ONG coruñesa Ecos do Sur impulsou nos últimos tempos xunto con outras entidades (SOS Racisme, United Explanations ou o Institut de Drets Humans de Catalunya) o proxecto CibeRespect, que aposta pola creación de redes de apoio, o seguimento e análise do discurso en Internet e o ciberactivismo como estratexia integral para combater o discurso do odio contra as persoas inmigrantes e as minorías étnicas nos medios dixitais. A iniciativa incluíu distintas actividades, coma a realización de cursos para a formación de ciberactivistas ou a publicación dunha guía práctica para actuar nestas situacións.

As entidades impulsoras de Ciberespect subliñan que "o discurso de odio ten un impacto particularmente destrutivo non só nas persoas que o sofren directamente, senón tamén entre os seus amigos e familiares, así como entre quen comparten as características da vítima e padecen os mesmos prexuízos". Alertan de que "pode xerar nas vítimas estados de depresión, tensión, falta de autoestima e deixalas co temor de futuros ataques" ou forzalas a evitar certos espazos. É máis, este tipo de discurso pode, a medio prazo, ir consolidando unha serie de argumentos na poboación xeral, na tantas veces reivindicada "maioría silenciosa", xerando un marco no que mesmo persoas que non se recoñecen como racistas repiten os mesmos conceptos elevados polos grupos xenófobos. Cando hai uns meses falabamos con Edo Bazzaco (SOS Racisme Catalunya), destacaba que "certas posicións que hai 10 ou 15 anos só eran defendidas por partidos ultras hoxe son asumidas por formacións que se presentan como máis moderadas". Dende Ciberespect conclúen que "o discurso de odio pode contribuír a lexitimar e a perpetrar unha orde social discriminatoria, na que determinados grupos de persoas sofren a diario prácticas de exclusión social, sen que iso sexa percibido a nivel social".

"Ademais de responder directamente aos discursos de odio, hai que que conseguir que esta resposta chegue a públicos amplos, contrapoñer o relato de odio con discursos diferentes"

Que se pode facer, pois? O propio Bazzaco facía fincapé en que "ademais de responder directamente aos discursos de odio, hai que que conseguir que esta resposta chegue a públicos amplos, contrapoñer o relato de odio con discursos diferentes". Dende a guía sublíñase que "o obxectivo debe ser non deixar que a intolerancia e o odio se apropien do espazo en liña e contribuír a crear un clima de opinión tolerante e positivo" e que "a nosa mensaxe debe dirixirse principalmente ao lector ambivalente que ten opinións e sentimentos atopados respecto ao tema de discusión". "O noso público principal non son os haters ou os trolls, senón a denominada maioría silenciosa. A evidencia mostra que o obxectivo das mensaxes contra o odio debe ser 'plantar unha semente da dúbida' e non transformar a visión que alguén ten do mundo da noite para a mañá", conclúen.

É importante achegar datos que reforcen os argumentos, pero moitas veces non abonda con isto, atopando todos os días casos de persoas que desprezan as estatísticas obxectivas que contradín a idea preconcibida que teñen sobre un asunto

Este ciberactivismo aposta por difundir "contranarrativas" e "narrativas alternativas", consolidando marcos de interpretación da realidade distintos aos que os grupos e persoas xenófobas pretenden impoñer. Unha narrativa é unha forma de contar e interpretar eventos conectados, son historias que van alén da narración duns feitos e ofrecen unha interpretación dos mesmos, interpretacións da realidade compartidas colectivamente que ofrecen explicacións da realidade nas que as emocións xogan un papel central. É importante achegar datos que reforcen os argumentos, pero moitas veces non abonda con isto, atopando todos os días casos de persoas que desprezan as estatísticas obxectivas que contradín a idea preconcibida que teñen sobre un asunto. Por iso dende Ciberespect tamén se engade a necesidade de acompañar as nosas mensaxes cunha narración que apele ao emocional e que conecte ese dato obxectivo cun relato máis amplo baseado en experiencias persoais e en valores.

 

Alimentar ou non o troll?

"Os primeiros comentarios condicionan o clima do debate, facilitando que se estableza un diálogo e que se modere o ton xeral, animando a outros usuarios cun discurso tolerante a participar"

Dende Ciberespect sublíñase a importancia de intervir nos debates para evitar que trolls e haters monopolicen (cando menos en aparencia, por poucos que sexan fan moito ruído e adoitan impoñer os temas sobre os que queren que se debata) os espazos. Porén, recoméndase "evitar a confrontación directa", non responderlles directamente e evitar replicar cando sexamos interpelados, intervindo de forma xeral. Suxírese tamén buscar aliados (por exemplo, mediante a incorporación dalgún hashtag ou etiqueta). E, de forma moi importante, tomar a iniciativa e intervir ao comezo do fío de comentarios: "Os primeiros comentarios condicionan o clima do debate, facilitando que se estableza un diálogo e que se modere o ton xeral, animando a outros usuarios cun discurso tolerante a participar".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.