0 Gardados para despois

Edo Bazzaco: "Non só hai que responder aos discursos de odio na rede, hai que xerar unha narrativa diferente"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A pasada semana comezou o curso online impulsado por Ecos do Sur para formar ciberactivistas en Galicia contra o discurso do odio xenófobo e contra minorías. A iniciativa (na que tamén participan entidades como SOS Racisme, United Explanations ou o Institut de Drets Humans de Catalunya) busca afianzar a capacidade para detectar estes discursos e adestrar estratexias para combatelo, xerando contradiscurso, formando activistas mellor preparados para combater os relatos ultradereitistas nos escenarios contemporáneos da comunicación de masas.

O curso, no que participan 30 persoas, enmárcase dentro do proxecto CibeRespect, liderado por Ecos do Sur, que aposta pola creación de redes de apoio, o seguimento e análise do discurso en Internet e o ciberactivismo como estratexia integral para combater o discurso do odio contra as persoas inmigrantes e as minorías étnicas nos medios dixitais. Entre o profesorado, maioritariamente catalán, atopamos a Edo Bazzaco (SOS Racisme), Anna Palacios (directora do Institut de DretsHumans de Catalunya), Jon Lejardi Plaza (Institut de DretsHumans de Catalunya) e Laia Tarragona Fenosa (Máster en Relaciones Internacionales).

"A xudicialización deste tipo de prácticas non é a única resposta, en moitos casos nin sequera é a resposta axeitada e ademais non é a resposta eficaz. Polo tanto, hai que buscar outras vías para combatelo"

Edo Bazzaco salienta que "estes discursos historicamente sempre se deron pero na actualidade Internet e as redes sociais permiten un nivel de reprodución, visibilidade e difusión deste tipo de discursos que ata agora non era posible". Bazzaco explica que "hai moita confusión sobre o que é e non é o discurso de odio, con conceptos erróneos que moitas veces son repetidos polos medios de comunicacións". "Falamos duns discursos que non necesariamente son delitivos e que non están necesariamente perseguidos polo Código Penal", di, engadindo que "isto non lle quita importancia". "A xudicialización deste tipo de prácticas non é a única resposta, en moitos casos nin sequera é a resposta axeitada e ademais non é a resposta eficaz. Polo tanto, hai que buscar outras vías para combatelo", salienta.

"Este tipo de discursos de odio ten impactos moi profundos nas persoas que os sofren. Poden xerar illamento e medo"

Bazzaco alerta de que "este tipo de discursos de odio ten impactos moi profundos nas persoas que os sofren. Poden xerar illamento e medo, e posteriormente comezar a evitar certos lugares físicos por temor a sufrir algún ataque. Os atacantes buscan lanzar unha mensaxe que case sempre é moi simple: 'vós, aquí non'". Porén, tamén comenta que "as vítimas destes discursos non só son as persoas e colectivos que os sofren directamente", senón tamén "outras persoas que aínda que non pertencen a eses colectivos atacados, se senten próximos a eles". "Isto é, en parte, o obxectivo de fondo das persoas que diseminan os discursos de odio: queren golpear a todas as persoas que non comparten a súa visión do mundo".

"Por último", engade, "o feito de que estas mensaxe ocupen cada vez máis espazo nos medios e redes o que fai é empeorar a calidade democrática do discurso". "A outra consecuencia é que ao tempo que estes discursos de odio se diseminan polas redes, vemos que certas posicións que hai 10 ou 15 anos só eran defendidas por partidos ultras hoxe son asumidas por formacións que se presentan como máis moderadas", engade.

"Vemos que certas posicións que hai 10 ou 15 anos só eran defendidas por partidos ultras hoxe son asumidas por formacións que se presentan como máis moderadas"

Como se combaten estes discursos? Bazzaco explica que "hai varios tipos de respostas a estes discursos". "Primeiro, a vía legal, porque hai varios tipos de discursos que poden ser punibles. Aínda que é complexo chegar a unha condena por este tipo de delito e os prazos son longos", di. "Máis interesante é a resposta ética: a posibilidade de sinalar este contidos ante as mesmas empresas ou plataformas, para que elas mesmas se fagan cargo, se involucren na solución e eliminen estas mensaxes. Por ese motivo no curso queremos ensinar que tipo de contidos podemos reportar a FB ou Twitter, por exemplo, e que criterios empregan para a súa eliminación", comenta.

Finalmente, o curso quere mellorar a capacidade dos e das activistas para xerar e difundir "contranarrativas ou narrativas alternativas", di Bazzaco. "Ademais de responder directamente aos discursos de odio, hai que que conseguir que esta resposta chegue a públicos amplos, contrapoñer o relato de odio con discursos diferentes, elevando outra narrativa, contraposta á que estes grupos queren difundir a través das redes sociais", explica. "Hai que ver como fortalecemos a produción desta outra información positiva ou diferente sobre un colectivo. Máis completa, menos simplificada, buscando as mellores canles e formatos para comunicar mellor experiencias e contidos que se cadra xa están aí, pero que hai que difundir mellor, poñer en rede", engade.

"Ademais de responder directamente aos discursos de odio, hai que que conseguir que esta resposta chegue a públicos amplos, contrapoñer o relato de odio con discursos diferentes"

En Catalunya funciona dende hai anos unha rede anti rumores lanzado polo Concello de Barcelona, na pasada lexislatura, unha rede xestionada por colectivos da sociedade civil que continúa no actual mandato municipal. Este curso impulsado por Ecos do Sur quere contribuír a medio prazo á conformación dunha rede anti-rumores estable en Galicia, que non só analice os posicionamentos e informacións distribuídos nas redes sociais, senón que buscará intervir nestes mesmos espazos, servindo de contrapeso á actividade dos grupos e individuos contrarios ás persoas migrantes.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.