0 Gardados para despois

Un curso online formará ciberactivistas en Galicia contra os discursos de odio

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A ONG coruñesa Ecos do Sur impulsa o proxecto CibeRespect, no marco do que se vai levar a cabo un curso online (no que tamén participan entidades como SOS Racisme, United Explanations ou o Institut de Drets Humans de Catalunya) para formar ciberactivistas contra o discurso do odio xenófobo. A actividade desenvolverase do 8 de maio ao 18 de xuño e o seu obxectivo é proporcionar coñecementos necesarios para poder identificar o discurso de odio, especialmente en liña, e establecer modos de actuación mediante distintas ferramentas para facerlle fronte. O curso, cun máximo de 30 prazas, terá un custo de 40 euros e haberá bolsas para persoas con escasos recursos.

"Vaise creando un caldo de cultivo idóneo para que se produzan os delitos, para que non se denuncien e para que queden impunes", alerta

A actividade é fundamentalmente práctica e contribuirá a medio prazo á conformación dunha rede anti-rumores estable en Galicia, que non só analice os posicionamentos e informacións distribuídos nas redes sociais, senón que buscará intervir nestes mesmos espazos, servindo de contrapeso á actividade dos grupos e individuos contrarios ás persoas migrantes.

 

Un caldo de cultivo propicio para os discursos contra os inmigrantes

Esta iniciativa nace nun contexto mediático no que cada vez gañan máis peso as fake news, as informacións falsas, as opinións disfrazadas de informacións, non baseadas en datos ou sustentadas en datos falsos. Un contexto no que cada vez son máis habituais e máis visibles os discursos de odio, que se benefician dalgunhas características das redes sociais, como o anonimato. Natalia Monje, responsable de comunicación de Ecos do Sur, destaca que "hai máis discursos de odio. Só hai que consultar o informe que o Ministerio do Interior publica todos os anos; en 2016, os delitos de odio contra persoas estranxeiras creceron un 6%, mantendo unha constante tendencia á alza. Nas cifras globais, o 26% das vítimas son estranxeiras, cando só representan o 9% da poboación. Estas cifras, ademais, hai que tomalas con cautela, porque a inmensa maioría dos casos non chegan a denunciarse". "Vaise creando un caldo de cultivo idóneo para que se produzan os delitos, para que non se denuncien e para que queden impunes", alerta.

"A crise empurrou á exclusión social a unhas capas de poboación amplísimas. Iso, xunto cos recortes, levou a unha competencia polos recursos sociais moito maior, o que favorece a aparición de certos argumentos contra a poboación inmigrante. Este ambiente negativo vese favorecido pola forma en que a nivel político e comunicativo se están manexando certos temas, coma a cuestión migratoria, a situación dos refuxiados ou o terrorismo", explica

"Internet, polas súas características, comezando polo anonimato, é un escenario idóneo para que estas mensaxes e actitudes de odio crezan e se desenvolvan", sinala. "Non nos preocupa tanto que estas mensaxes proliferen en webs de grupos neonazis, e si en espazos neutrais, como son os foros de comentarios dos medios de comunicación. Isto si pode ter capacidade de influencia sobre persoas que se cadra non teñen unha opinión definida sobre estas cuestións", di. "Preocúpanos, así mesmo, que cada vez máis a opinión se presenta como información, opinión que ademais está moitas veces baseada en datos falsos", subliña.

 

Espiral de silencio dos tolerantes

"Preocúpanos, así mesmo, que cada vez máis a opinión se presenta como información, opinión que ademais está moitas veces baseada en datos falsos", subliña

"Un dos problemas que detectamos ao redor da proliferación do discurso do odio xenófobo nas redes é o que chamamos a espiral de silencio do sector tolerante. Este sector, a pesar de que é máis numeroso que o intolerante na nosa sociedade, intervén moi pouco antes o discurso do odio nas redes sociais", sinala Monje. "Nas enquisas do CIS, máis do 30% dos entrevistados consideran que a inmigración é un fenómeno positivo, e unha porcentaxe algo menor cre que é algo negativo, e o resto da xente non se pronuncia ou sinala que é unha cuestión neutral. Pero nos foros de comentarios dos grandes xornais si hai unha posición claramente maioritaria das persoas intolerantes coa inmigración (calcúlase que a súa presenza na contorna dixital é 30 veces máis elevado que na vida real), o que xera nas persoas que len iso a impresión de que esa posición é a maioritaria na sociedade, cando non é así", explica.

No curso "queremos contrapesar eses discursos negativo, xerar unha contrargumentación e un discurso alternativo. Queremos darlles ferramentas e argumentos ás persoas preocupadas polos dereitos humanos e interesadas na información veraz e nos datos obxectivos para que poidan intervir neste tipo de contornas. E, en definitiva, alimentar un clima dixital de respecto e de debate cívico", di.

"Queremos darlles ferramentas e argumentos ás persoas preocupadas polos dereitos humanos e interesadas na información veraz e nos datos obxectivos para que poidan intervir neste tipo de contornas"

"Temos en marcha mesas de traballo nas que estudamos os argumentos que en Galicia se están utilizando contra as persoas migrantes, analizamos se estes argumentos teñen base real ou non, en que entorno se producen, se se presentan como información ou como simples opinións. E, sobre iso, imos elaborando liñas de información adaptadas á realidade galega", explica. Nestas mesas de traballo están xa implicadas entidades como SOS Racismo, Viraventos, Agareso, a CONGD, centros educativos, a Facultade de Socioloxía, a Facultade de Ciencias da Educación ou o Concello da Coruña. Neste senso, Ecos do Sur levou a cabo en marzo unha enquisa unha enquisa entre profesionais dos ámbitos educativo, da comunicación e de ONGs da Coruña e do resto de Galicia ao redor da percepción de argumentos contra persoas migrantes.

 

Rede anti-rumores

A rede que se cree en Galicia buscará engadir a ese traballo de análise e xeración de discursos alternativos, explica, unha maior capacidade de intervención nas redes sociais e noutros espazos de debate en Internet

O obxectivo a medio prazo, produto da actividade desas mesas de traballo e do propio curso que comezará o mes que vén, será conformar unha rede anti-rumores que traballe fundamentalmente en Galicia. Este tipo de redes son agrupacións de varias entidades sociais que se dedican a analizar que rumores e estereotipos malintencionados van xurdindo contra as persoas inmigrantes, para elaborar contrargumentacións. Existen xa en Cataluña, Euskadi e en Andalucía. Porén, indica Natalia Monje, aínda que estes grupos "desenvolven un moi bo traballo de análise e producen moi bos materiais", despois "teñen unha actividade escasa na propia rede, non interveñen directamente nos lugares nos que se están producindo eses delitos de odio". A rede que se cree en Galicia buscará engadir a ese traballo de análise e xeración de discursos alternativos, explica, unha maior capacidade de intervención nas redes sociais e noutros espazos de debate en Internet.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.