Máis de 2'3 millóns responden ao veto á consulta catalá e 1,9 apostan pola independencia

Fileiras para votar nun colexio de Barcelona © R.V.

Importantes ringleiras, moita xente na rúa, ilusión e normalidade no proceso participativo que este domingo se desenvolveu en Cataluña. Malia non ser vinculante e tras recorrida polo Tribunal Constitucional, a consulta alternativa destacou desde o inicio polas fileiras que se viron en moitos dos puntos de votación e que facían presaxiar unha importante participación. Foron, finalmente, máis de dous millóns de persoas as que votaron neste referendo alternativo -e sen validez legal-, á espera aínda dos sufraxios que aínda poden engadirse nos vindeiros días. Con case todas as mesas contabilizadas, apañáronse 2.236.806 votos.

O número de sufraxios superou, por exemplo, os votos favorables que recibiu o Estatut no referendo de 2006, onde se alcanzaron 1,9 millóns de papeletas a favor. Non obstante, a falta de garantías legais, a imposibilidade dun referendo pactado e a suposta mínima participación neste 9N dos contrarios á independencia dificulta a análise dunhas cifras que, como acto reivindicativo, son claramente relevantes.

Co 96,84% das mesas escrutadas, máis de 2 millóns de votos, o 'si-si' gañaría co 80,72%

Co 100% xa das mesas escrutadas, o 80,76% dos cidadáns que participaron no proceso participativo votaron si ás dúas preguntas e, polo tanto, apoiaron a independencia. Segundo a Generalitat, foron cae 1,9 millóns (1.861.753) os que apostaron polo dobre si, mentres que 232.182 (un 10%) apostaron polo si a un Estado propio e non a que este sexa independente. Polo non optaron o 4,54% (104.772 electores). Ademais, outras opcións concentraron o 3% dos apoios (71.131) e os votos en branco foron 12.986 (o 0,56%).

Un terzo dos convocados participou na consulta alternativa tras o veto ao referendo

Ao non haber un censo oficial, as comparacións en canto á participación son complicadas. Aínda así, os cálculos da Generalitat calculan que hai 5,4 millóns de cidadáns españois en Cataluña maiores de 16 anos -idade desde a que se podía votar- e uns 900.000 estranxeiros residentes dos que non se sabe cantos teñen a tarxeta de residencia. A cifra é case idéntica á do INE sobre poboación residente, polo que o total chamado a votar sería de algo máis de 6,2 millóns de persoas. Tendo en conta estes datos orientativos, e á espera de recibir máis votos nos vindeiros días, tería votado arredor dun terzo dos convocados, un 32,8%.

A comparación, coa súa dificultade ao non ser unha consulta legal, pódese facer con moitas cifras. Así, o número de participantes e case idéntico aos 2,1 millóns de papeletas que acadaron as catro formacións soberanistas (CiU, ERC, ICV e a CUP) en 2012. Ademais, o apoio á independencia achégase aos votos favorables ao Estatut en 2006 e supera os que van votar a favor da Constitución Europea de 2005. Tamén duplica os apoios á independencia das consultas populares de hai anos, pero queda lonxe dos 2,7 millóns que referendaron a Constitución Española ou dos 2,3 do referendo do Estatut de 1979.

Artur Mas, presidente da Generalitat, asegurou que o nivel de participación fora "moi alto". "Foi unha xornada de éxito coa que podemos transmitir unha mensaxe positiva cara a dentro e cara a fóra de Cataluña", dixo pouco antes de se coñecer os datos definitivos da consulta. "Que voten máis de dous millóns de persoas, nas condicións que se fixo, é un éxito total", engadiu, tras destacar tamén "a gran lección de democracia e de civismo que deu o país" e que, segundo manifestou, é "un paso de xigante" na "lexítima aspiración" que se marcou o proceso soberanista. "Cando imos xuntos, avanzamos máis e mellor", remarcou.

"Cataluña demostrou unha vez máis que quere gobernarse por si mesma", advertiu Mas, que considera o 9N "un paso de xigante"

Ademais, Mas tamén quixo "deixar unha mensaxe ao Goberno español". "Unha vez máis deixamos claro que queremos gobernarnos por nós mesmos e iso é compatible coa construción política dunha Europa máis forte", asegurou, tras advertir tamén que "Cataluña quere decidir o seu futuro" e que ese "dereito natural" sae "reforzado" tras a consulta deste domingo. "Os Estados maduros respectáno e permiten aos pobos decidir o seu futuro; e non queremos facelo contra España nin contra ninguén, queremos facelo ao noso favor e polo ben do conxunto de todos", aclarou, tras acusar o Executivo de Rajoy de "miopía política, intransixencia e intolerancia" e logo de avanzar que nesta semana anunciará os "vindeiros pasos" a dar, que insinuou que poderían ser eleccións a principios de 2015. Antes, pediu ao Estado un "referendo definitivo".

"Nalgún momento teremos que trasladar esta causa máis aló do Estado español", manifestou tamén Artur Mas, que agradeceu de maneira especial ao "exército de voluntarios [máis de 40.000]" que fixeron posible a consulta alternativa. A Assemblea Nacional Catalana e Òmnium Cultural aseguraron tras coñecer a participación que a independencia "non ten marcha atrás".

Non obstante, o Goberno central non dá validez ás cifras e cualificou xa pola tarde o proceso de "inútil e antidemocrático" e advertiu de que a actitude de Artur Mas "dificulta moito o futuro". Xa á noite, o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, cualificou o proceso de participación como "un acto de pura propaganda" para "ocultar o fracaso persoal do presidente Artur Mas". "España é un réxime democrático consolidado, no que existe liberdade de expresión e manifestaicón e no que as consultas populares réxense por estritas normas que han grantir a imparcialidade e a neutralidade. Ningún deses requirimentos se fixo durante este día", asegurou.

Importantes fileiras en moitos dos puntos de votación desde as primeiras horas da mañá

Porén, xente de todas as clases e idades desprazouse ata os 1.317 lugares de participación e que xuntan case 6.700 mesas que se constituíron "sen problemas", segundo o primeiro comunicado feito público pola Generalitat, cuxa viceprsidente, Joana Ortega aclarou que o proceso se desenvolvía "con absoluta normalidade". Tamén houbo importantes fileiras nas sedes que o Govern autorizou noutros lugares como Londres ou Bruxelas.

Non houbo novas tampouco da Fiscalía, que o sábado ordenaba os Mossos que identificasen os responsables da apertura dos locais de titularidade pública, algo que, polo momento, non fixeron logo de que o Govern aclarase que el era o único responsable. Francesc, un dos homes que participa nunha rede de apoio aos voluntarios en Barcelona, declaraba estar "emocionado e esperanzado" pola grande afluencia que "desde primeira hora da mañá" se viviu nos puntos de votación a onde acudiu. "Vén xente en familia e non hai ningún problema; estamos contentos de levar a cabo algo que pensamos que nunca poderiamos facer", declarou a Praza.

Os incidentes foron escasos e centrados nalgún colexio coa fechadura bloqueada ou pintadas ás portas dalgún punto de participación. Aínda así, cinco persoas irromperon nun punto de votación de Girona e esnaquizaron as urnas e mobiliario ao berro de "viva España" e coa cara tapada. Logo de varios insultos e dos incicentes, tres persoas foran identificadas polos Mossos. Ante a Delegación do Goberno de Barcelona tamén se manifestaron 50 ultradereitistas que queimaron bandeiras catalás.

A xornada transcorreu sen incidentes importantes agás un pequeno altercado en Girona

Pouco antes do mediodía, o presidente da Generalitat, Artur Mas, acudiu a votar en Barcelona, onde foi aplaudido por decenas de personas. Tras depositar o seu voto, asegurou que a consulta deste domingo "non é a meta definitiva, pero é moi importante". Ademais, reafirmou a súa responsabilidade no proceso: "Se a Fiscalía quere saber quen é o responsable de abrir os colexios, que me chame, eu son o responsable".

Antes, o líder de Unión, Duran i Lleida, votou en Sarriá e optou polo si-non porque, segundo dixo, non é independentista pero non está de acordo "co trato que Cataluña recie de España". Pola súa banda, o líder de ERC, Oriol Junqueras, participa como voluntario nun colexio de Sant Vicenç dels Horts, onde foi increpado por un grupo de persoas que lle recordaron que a consulta "é ilegal". Logo, volveu reclamar eleccións anticipadas para acadar "unha maioría independentista". O deputado da CUP, Quim Arrufat, optou polo si-si polas "ganas de cambio" do pobo.

Ademais, importantes persoeiros acudiron tamén aos puntos de votación, como o cantautor Lluís Llach ou o adestrador de fútbol, Josep Guardiola. Tamén a presidenta da Assemblea Nacional Catalana (ANC), Carme Forcadell, que asegurou que "pase o que pase", Cataluña "xa gañou". Pablo Echenique, eurodeputado de Podemos, ou Ada Colau, activista da PAH e líder de Guanyem, tamén acudiron a votar.

Ao tempo, UPyD presentou este mesmo domingo unha denuncia nun xulgado de Barcelona contra Artur Mas por desobediencia e prevaricación ao celebrarse a consutla malia a suspensión. Ademais, pediu á Fiscalía que paralice o proceso e detaña os seus autores, entre os que inclúe a Irene Rigau, conselleira de Educación, e Ramón Espadaler, responsable de Interior.

Tan só unhas horas despois, o xuíz de Barcelona rexeitou a petición de UPyD -e outra semellante de Plataforma per Catalunya- de paralizar a votación e retirar as urnas. O maxistrado cre que acceder a esa solicitude sería unha medida "desproporcionada".

>> Información elaborada con achegas de Miguel Pardo, Moncho Varela, João França e Arturo Puente.

 

Colas para votar nun colexio de Barcelona © R.V.
Proceso participativo en Cataluña o 9N © R.V.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.