Feijóo gábase de levar como alto cargo desde os 90 e reprocha a Ana Pontón que sexa deputada desde 2004

Feijóo durante a sesión de control á Xunta deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

A nacionalista pregunta ao presidente pola situación da atención primaria e obtén como resposta que o BNG non debe empregar o topónimo Galiza

Sete minutos exactos pasaron entre as dúas frases. Na súa primeira réplica na sesión de control á Xunta deste mércores no Parlamento de Galicia á portavoz do BNG, Ana Pontón, que lle preguntaba polos problemas da atención primaria, o presidente Feijóo gabouse da súa lonxevidade política: “Eu xa viña por aquí como alto cargo da Consellería de Sanidade nos anos 90”. Dez minutos despois o mesmo Feijóo reprochaba a Pontón que “no mes de febreiro vostede cumpre 18 anos de deputada na Cámara”.

Pontón amosa unhas declaracións de Feijóo sobre sanidade, durante a sesión de control deste 26 de xaneiro no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

A pregunta de Pontón a Feijóo deste mércores, tras enumerar diversas eivas da sanidade que están a quedar en evidencia nas últimas semanas, foi directa: “Que pensa facer ante o colapso da atención primaria?”. Porén, a nacionalista adornouna previamente dicindo que unha busca en Google sobre os problemas sanitarios en “Galiza” ofrecía máis dun millón de resultados. O recurso retórico foi empregado polo presidente para dedicar parte dos tres minutos que tiña para responder en criticar que a nacionalista debera facer as buscas en Google co termo “Galicia” xa que “Galiza non é o nome de Galicia”, malia que os dous topónimos teñen a mesma validez lingüística

A continuación, restando novamente tempo á resposta que debía dar sobre a atención primaria, o presidente dixo a frase de que el xa ía polo Parlamento nos 90 como alto cargo de Sanidade e no BNG “xa estaban así”, criticando a privatización da sanidade galega. Na súa segunda intervención Pontón dixo que ao presidente “sóbralle soberbia e fáltanlle propostas”, pero a resposta que obtivo de Feijóo foi a de afearlle que leve 18 anos como deputada, “18 anos sobre o mesmo, a mesma pancarta, o mesmo discurso”.

Feijóo di que os galegos son máis responsables que a maioría do resto de rexións europeas

Sobre a cuestión que se lle preguntaba, a da situación da sanidade, o foco de Feijóo foi lamentarse de que non atopa médicos, do que vén culpando ao Goberno central. Pero que a pandemia en Galicia tivo menos efecto grazas a que os galegos son máis responsables que o resto de pobos europeos: “En Galicia a pandemia se xestionou polos profesionais sanitarios e pola responsabilidade dos galegos moito mellor que na maioría das rexións europeas”. 

Feijóo, no Parlamento como alto cargo do Sergas nos anos 90 durante unha comparecencia de Romay Beccaría, daquela conselleiro de Sanidade, © Arquivo Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.