A estrea de Luis Álvarez como portavoz do PSdeG no Parlamento é virada por Feijóo nunha nova sesión de control á oposición

Luis Álvarez na súa primeira intervención como portavoz do PSdeG nunha sesión de control á Xunta © PSdeG

“Do que estamos a falar aquí é de aclaracións a Galicia do Goberno central”, contestou o presidente da Xunta na sesión de control ao seu executivo

Como norma xeral os mércores cada dúas semanas o Parlamento de Galicia celebra a primeira hora a coñecida como sesión de control ao Goberno galego, o momento no que os portavoces dos grupos da oposición preguntan directamente a Feijóo polas cuestións que consideren. Ese punto da orde do día ten por título “preguntas para resposta oral do Presidente da Xunta de Galicia”, pero xa é habitual que Feijóo converta as súas respostas en preguntas de fiscalización da oposición ou doutros gobernos sostidos polos partidos da oposición. Nin a estrea este mércores dun novo voceiro parlamentario no PSdeG mudou esa estratexia. 

Feijóo na sesión de control deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

A sesión de control á Xunta deste mércores foi a primeira para o novo portavoz socialista, o deputado por Lugo Luis Álvarez, designado pola nova dirección do PSdeG que encabeza Valentín González Formoso en substitución de Gonzalo Caballero. Tanto o novo portavoz como o presidente do Parlamento, o da Xunta e a portavoz do BNG agradeceron a Caballero o seu traballo, e os tres últimos desexaron sorte ao novo voceiro. A súa pregunta foi sobre a limitada execución por parte da Xunta, do 50%, dos fondos destinados a emprego durante 2020, ao tempo que reclamou maior “control e transparencia” por parte do Goberno galego. 

A resposta de Feijóo centrouse en enumerar cifras similares de baixa execución orzamentaria en xeral doutras administracións gobernadas polo PSOE. “Do que estamos a falar aquí é de aclaracións a Galicia do Goberno central”, chegou a dicir o presidente da Xunta en resposta ás explicacións que se pedían do seu propio executivo.

Nas súas intervencións Álvarez intentou evidenciar un ton crítico pero propositivo e tranquilo, afastado das intervencións máis agresivas que adoitaba protagonizar Caballero. “Non estou a facer seguidismo do Goberno central, estou a facer unha proposta de explicación de que se nos garanta como van executar vostedes os fondos”, foi unha das súas frases. Tamén criticou que Feijóo pretenda ser “tan bo xestor como aparenta ser nas súas declaracións” e preguntouse, ante o reparto de fondos por parte da Xunta en función da cor dos gobernos municipais, se o presidente “considera que iso é unha cacicada”, como acusara ao Goberno central. 

E despois de que Álvarez lese un titular informativo negativo para a Xunta, algo que Feijóo adoita facer con titulares positivos, desta volta o presidente afeouno. “Ler un medio de comunicación é unha falta de respecto á pluralidade de medios de España”, dixo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.