O pasado xullo o curso parlamentario remataba cun inefable episodio de enfrontamento entre o presidente da Xunta e a vicevoceira de AGE. Yolanda Díaz aludira colateralmente ao monopolio do "exercicio da violencia" que o Estado se reserva para si, unha definición do sociólogo Max Weber que, malia ser de uso moi común na ciencia política, enervou a Alberto Núñez Feijóo, que á súa vez acabou acusando a Alternativa de exercer "a maior violencia que tivemos en trinta anos de democracia". No primeiro pleno tras o verán o lexislativo acolleu unha tensa sesión de control no que o titular da Xunta deu en denominar "tonto útil" o BNG -é un termo empregado por Karl Marx, desculpou despois-, cuxo voceiro o alcumou "gilipollas" nun pleno no que polas bancadas circularon tamén outros cualificativos como "caradura", "choni" ou "comemierda". Neste contexto Feijóo vén acusar a oposición en exclusiva de "baixar o nivel da política".
Na súa calidade de xefe de filas dos conservadores galegos Feijóo acudiu este sábado a unha convención organizada polo PP ourensán no santuario dos Milagres, en Maceda. Tras unha semana na que a degradación do debate político galego ocupou múltiples páxinas na prensa e na que os populares, entre outras reflexións, deron en compartir cos medios a "responsabilidade" desta situación, o presidente aproveitou para terciar no debate.
Feijóo interveu despois de que un dirixente do PP ourensán cargase contra "os Picapiedra: Pedro [Sánchez] e Pablo [Iglesias]"
En presenza da plana maior do PP ourensán, encabezado polo seu presidente, José Manuel Baltar, Feijóo acudiu a un acto que previamente fora inaugurado polo secretario provincial de organización do partido, Pablo Pérez. "No PP de Ourense non prometemos milagres", asegurou. Iso fano "os Picapiedra, Pedro [Sánchez] e Pablo [Iglesias]". Pero "nós prometemos traballo, compromiso e realidades". Nesa liña abondou Feijóo na súa quenda, que comezou alentando a non facer como "outros partidos" e non rebaixar o devandito nivel nin tampouco a "autoesixencia" nin a "autocrítica".
O PP "non é unha mera lista electoral", argumenta o titular da Xunta, e por iso "os cidadáns esíxenlle máis que aos demais: máis coherencia, explicacións, exempliaridade e resultados". Para "outros partidos", di, é dabondo "un discurso dun par de ideas" pero o PP "debe ter propostas para todo". "Outros poden dicir o que lles cadra, o PP debe facer o necesario", profunda, nun contexto no que as "solucións" aos problemas cidadáns "non pasan por fotocopiar o Goberno venezolano, o independentismo catalán ou a Zapatero".
Rueda pide "unidade de mensaxe"
As reflexións presidenciais chegan menos dunha semana despois de que o propio Feijóo situase o deputado Miguel Tellado, habitual protagonista de liortas coa oposición, como novo voceiro do seu partido. A Tellado, ex xefe de gabinete da conselleira Beatriz Mato, o vicepresidente da Xunta e número dous do partido, Alfonso Rueda, encoméndalle a "coordinación" coas direccións provinciais e locais da formación para "manter unha unidade de mensaxe" e reformular a política de comunicación.
O PP cre que debe reformular a súa política de comunicación
Segundo Rueda a dirección conservadora "chegou á conclusión de que se debe facer un replantexamento no xeito de comunicar" coa vista posta, para comezar, nas vindeiras eleccións municipais. Entre os deberes que ten o novo voceiro está tamén a coordinación con Novas Xeracións, as mocidades do partido xa que, segundo o secretario xeral do partido da dereita, as eleccións europeas -nas que o PPdeG obtivo o peor resultado dos últimos vinte e cinco anos- amosaron que deben atopar outro xeito de conectar coa xente n ova.