0 Gardados para despois

Feijóo ignora o seu programa e apela ao do PSOE para teimar na reforma electoral sen consenso

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O PP en xeral e o presidente da Xunta en particular defenden dende hai semanas en Galicia dúas reformas electorais que non contan con máis apoio que o do propoio partido conservador: o recorte do Parlamento e a ilegalización dos gobernos locais de coalición. Alberto Núñez Feijóo aposta pola aplicación unilateral de ambas reformas e faino contradicindo o programa electoral co que chegou ao Goberno galego, no que, na liña do que reclamara nos seus tempos de oposición, prometía a prohibición por lei das reformas electorais sen o apoio de, cando menos dous terzos do Parlamento, isto é, sen consenso. Na primeira sesión de control do curso político a oposición pediulle contas por esta mudanza ao presidente, que optou por ignorar o seu propio programa para aferrarse aos defendidos polo PSOE na década pasada e na dos 90.

O primeiro en lembrar o que noutrora eran promesas de Feijóo foi o voceiro socialista, José Luis Méndez Romeu que, amosando a correspondente páxina do programa popular de 2009, considerou que o presidente "non cumpre niso igual que non cumpre case nada". "Vostede non é fiable, falta aos seus compromisos" e "ignora as súas promesas" tendendo progresivamente a ser "máis o presidente do seu partido e non o de toda a sociedade". "Quere cambiar a lei electoral de xeito unilateral, como se tivese nostalxia do partido único", reprocha, nun contexto no que "os ultras do PP, os estremistas coma vostede, queren impoñer unha reforma no seu beneficio particular", mesmo pasando por riba das "persoas sensatas" que, nas propias filas conservadoras, "non queren levar a convivencia democrática ao abismo, nin acabar co pluralismo nin afogar as minorías".

Feijóo evita o seu programa de 2009 pero apela ao de 2012 para reformar a Lei de Eleccións sen acordo

"Cando me lembra os programas electorais me lembra o de 2009; significa, en consecuencia, que está a favor de cumprir os programas electorias" e "o de 2012 sinala que fagamos unha redución dos deputados", retrucou Feijóo. O xefe do Executivo cre que "sería bo que pactemos cumprir os programas electorais", concretamente, o seu de 2012 e tamén os do PSOE "do ano 2000 e do 2004", que "propuñan a elección directa de alcaldes -propuñan facelo, pero coa condición do consenso-". "De que programa electoral me está falando?", agrega, obviando, non obstante, a súa propia promesa.

Romeu e Jorquera piden contas polo cambio de postura do presidente, que "falta aos seus compromisos" e non ten "principios"

Feijóo pasa por riba da súa promesa pretérita para responderlle ao PSdeG e fai o propio co BNG, que a través de Francisco Jorquera lle lembrou ao presidente non só a súa esixencia de esixir dous terzos do Parlamento para reformar a Lei de Eleccións, senón tamén a súa aposta por incluír esa condición no Estatuto de Autonomía e a súa oposición á modificación que propuxo o bipartito e que "non se levou adiante porque non había consenso". "Chegou a dicir: 'pretendo que a xente teña principios", recorda o nacionalista, quen se pregunta se o líder da dereita "ten principios" ao identificar "rexeneración democŕatica" con "cambiar as regras do xogo á medida dos intereses do PP".

Como con Méndez Romeu, Feijóo evitou novamente a súa propia proposta, centrándose en reprochar a "proposta do bipartito de diminuír a representación de Ourense e Lugo", que non chegou a aprobarse, e advertir de que aplicará o recorte do Parlamento, isto é, a reforma da Lei de Eleccións, aínda que non haxa consenso. É "lexítimo", precisamente, porque o recorte estaba no programa "da maioría de 41 escanos". Para Jorquera esta actitude aproxima os "principios" de Feijóo aos de Groucho Marx. Segundo o presidente, o Bloque oponse aos plans do PP porque quere "mudar o resultado das eleccións despois de producilas", xeito en que define os gobernos de coalición nos que os nacionalistas, culminou, exercen de "tonto útil do PSOE", expresión que despois retiraría despois de que Jorquera reclamase que o fixera, porque "senón, direi que Galicia ten de presidente un gilipollas".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O presidente foxe da Gürtel e vólvese atribuír 10.000 dependentes atendidos durante o bipartito

Alén da reforma electoral e dos cruzamentos de insultos esta primeira sesión de control do curso serviu tamén, pola banda presidencial, para reproducir dous dos xeitos de proceder que xa realizara nas últimas semanas do verán: tentar esquivar as presuntas implicacións do PP galego no caso Gürtel e inchar o balance do actual Goberno na xestión da lei da dependencia. O presidente rexeita leccións de "transparencia" e de "servizos públicos". 

Despois de que a Policía dese por constatados os pagos en negro á dirección estatal do PP dende a sede do partido en Pontevedra o socialista Méndez Romeu que a circunscrión pola que é deputado o presidente é, precisamente, a pontevedresa, "como a señora presidenta do Parlamento, como o vicepresidente [Alfonso Rueda] e como era o actual alcalde de Santiago". "Agora que están implicados nun asunto de financiamento ilícito segue mudo", non lembra "nin os seus coñecidos, o señor [Pablo] Crespo, o señor [Marcial] Dorado", esquecementos que lle serven para concluír que Feijóo "e a calidade democrática son incompatibles".

"Fágome cargo de todas as decisións que adoptei", responde o presidente que, non obstante, rexeita entrar en materia e lanza contra o PSdeG as imputacións xudiciais que pesan sobre algúns dos seus cargos municipais en Galicia ou sobre responsables políticso socialistas en Andalucía. "Ten a coraxe de falarme de transparencia e de contundencia", acusa.

Cifras da dependencia inchadas

Para concluír esta primeira sesión de control Feijóo tivo que responder ás preguntas da vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz que, sorprendida polo "nivel de argumentación" presidencial, instouno a "falar dos recortes na lei de dependencia", tanto das tesoiradas ás prestacións notificadas durante o verán como da redución do total de persoas atendidas. "Estamos na última posición do Estado", resume a parlamentaria de Alternativa, a cuxo xuízo os conservadores están a "liquidar" este tipo de prestacións.

Na súa resposta, ademais de reiterar que "temos 7.000 prazas máis que cando empezou a crise económica" no ámbito do benestar, repetiu as cifras xa lanzadas hai escasos días nun acto público na Coruña. Cando o PP retornou a San Caetano, afirma, eran atendidos "14.000 dependentes" e agora son 38.000. Así e todo, as bases de datos oficiais do Ministerio de Sanidade indican que no inicio do mandato conservador había 10.000 persoas dependentes máis con atención, superando as 25.000, mentres que os últimos datos dispoñibles, deste verán, indican que os niveis de atención xa baixan dos 37.000.

Persoas dependentes atendidas en Galicia

CC BY-SA Praza Pública