A Policía constata os pagos a Rajoy en negro desde o PP de Pontevedra

Rajoy, con Negreira, Feijóo e Louzán en Vilanova de Arousa © PP

A Policía Nacional, a través do seu corpo especializado en delitos económicos, a UDEF, vén de remitir un informe ao xuíz que investiga o caso da caixa B do PP, Pablo Ruz, no que unha vez máis pon en dúbida a xestión económica da entidade conservadora e avala a versión do ex tesoureiro, Luis Bárcenas, sobre os pagos con diñeiro negro.

Bárcenas acusara o PP provincial de entregar 50.000 euros "en billetes de 500 e sobres" a Rajoy e Cospedal

Neste caso, refírese á adquisición da sede rioxana do Partido Popular en 2008 e tamén ao pago dun embargo en Pontevedra que acabaría "en billetes de 500 e sobres de cor marrón" en mans de Rajoy e Cospedal, segundo o ex tesoureiro. 25.000 euros a cada un.

No seu informe de 40 páxinas, ao que tivo acceso e que adianta a Cadena SER, a Policía analiza o embargo de 187.000 euros ao PP de Pontevedra que sería asumido pola dirección estatal do partido e que a dirección provincial galega non devolveu, tal e como xa afirmara a Intervención Xeral do Estado. A UDEF sospeita desta operación. Así, di que "resulta significativo o feito de que non lle sexan devoltas as cantidades que esta achega, xa que se a sede nacional se encargase de soportar todas, ou gran parte das necesidades do resto de sedes, podería chegar o momento de non alcanzar a cubrir as súas propias".

A Policía cre que o PP de Pontevedra devolveu o diñeiro en negro, tal e como dixo Bárcenas

A explicación da operación, segundo Bárcenas, é que o PP de Pontevedra si que devolveu ese diñeiro, pero fíxoo en negro. E parte dese diñeiro, sempre segundo o ex tesoureiro, foi abonado "en billetes de 500 e sobres de cor marrón" por Bárcenas a "Mariano Rajoy e María Dolores de Cospedal". Un total de "25.000 euros a cada un" en 2010, segundo aclarou o antigo xefe das finanzas do PP.

Feijóo, preguntado por este informe en rolda de prensa, asegurou non saber "absolutamente nada" do tema. "Seguro que se se está investigando, concretarei calquera tipo de comentario ou actuación que haberá ao respecto, pero non teño información ningunha", dixo.

Feijóo di non saber "absolutamente nada" do informe da UDEF que deita sospeitas sobre os pagos do seu partido

A secretaria de Organización do PSdeG, Pilar Cancela, esixe explicacións do presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ante este novo informe da UDEF que se referie a unha operación "en 2009 e 2010, cando Feijóo xa era o máximo responsable do partido en Galicia e presidente da Xunta". “Ante unha información de tal gravidade, entendemos que Feijóo debe despexar calquera cuestión que poida poñer en dúbida a limpeza da súa xestión á fronte do PPdeG”, afirma Cancela.

"Feijóo non pode alegar que el non estaba porque xa era o máximo responsable do PPdeG", di o PSdeG, que exixe "explicacións"

“Ante unas acusacións de tal gravidade e un informe policial que constata que os cartos non foron devoltos por cauces legais, cremos que é necesario que Feijóo dea a súa versión dos feitos e deixe claro o que sucedeu, porque a transparencia é necesaria nestes casos”, di Pilar Cancela, que engade que “nesta ocasión o señor Feijóo non pode alegar que el non estaba ou que non pasaba por alí, xa que era o máximo responsable do partido nese momento”. Cancela espera “unha explicación rápida e contundente nun momento no que está en dúbida a xestión do partido político que goberna en España e Galicia, e no que a imaxe e as compañías de Feijóo tamén seguen a ser tema de investigación nos tribunais galegos”.

Ademais, no mesmo informe, a UDEF rebate os argumentos ante Ruz do secretario xeral do PP na Rioxa, Carlos Cuevas, e da xerente, Ana Elvira Martínez, e considera máis veraz a versión de Bárcenas, quen afirmou que parte da sede nesa autonomía pagouse con 200.000 euros en negro que A Rioxa traspasou en 2008 a Génova, onde foron anotados por Bárcenas na contabilidade paralela, e que a sede central ingresou na conta do PP rioxano para blanquealo.

A UDEF di que baseándose en elementos "subxectivos", "temporais" e "obxectivos", é "posible considerar de forma indiciaria" que a cantidade achegada "desde o PP nacional" corresponderíase "cos 200.000 euros anotados na contabilidade paralela" de Bárcenas, "servindo este procedemento circular para transformalo en diñeiro oficial e por iso introducíndoo no circuíto económico financeiro". É dicir, branqueando o diñeiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.