Formoso encomenda á nova dirección do PSdeG no Parlamento centrarse en "construír un proxecto socialdemócrata para Galicia"

Valentín González Formoso, en rolda de prensa con Luis Álvarez este 17 de xaneiro no Parlamento CC-BY-NC-SA PSdeG

A pasada fin de semana, a Executiva Nacional do PSdeG ratificou a xa anunciada remuda do ex-secretario xeral do partido, Gonzalo Caballero, como voceiro da formación no Parlamento. O elixido foi o matemático e profesor de Secundaria Luis Álvarez, membro destacado dos socialistas en Lugo, onde foi concelleiro cos gobernos de Xosé López Orozco e antes, delegado provincial da Consellería de Educación do Goberno de coalición PSdeG-BNG (2005-09).

O secretario xeral dos socialistas, Valentín González Formoso, fixo visible a mudanza o pasado luns no Parlamento -onde el non ten escano-, nunha xuntanza co grupo parlamentario para cuxa dirección están tamén confirmados nomes como Julio Torrado, Leticia Gallego, Carmen Rodríguez Dacosta, Juan Carlos Francisco ou Patricia Otero. A propia Executiva destacou o equilibrio en canto a representación provincial -dous membros por territorio, contando o voceiro- desta nova distribución.

Formoso, presidindo o pasado sábado a Executiva Nacional do PSdeG que ratificou a remuda na portavocía parlamentaria CC-BY-NC-SA PSdeG

Unha vez consumadas as remudas, sinalan Formoso e Álvarez que os nomes pasan a ser secundarios. "O importante será que iniciativa traslada o Grupo Parlamentario Socialista, non que persoa a traslada", mantén o novo voceiro, que este martes xa participou como tal na Xunta de Portavoces da Cámara. O secretario xeral, pola súa banda, asegura que a primeira encomenda que transmitiu ao grupo foi "vir da casa cos deberes feitos" para, unha vez finalizados os procesos internos, "dedicar o cen por cen do noso tempo a construír un proxecto socialdemócrata para Galicia".

O secretario xeral do PSdeG, que mantén a porta aberta a concorrer ás primarias para ser candidato á Xunta, afirma que o grupo parlamentario vai "funcionar como correa de transmisión da dirección do partido e das inquedanzas da cidadanía" aínda que el non teña escano no Parlamento

Neste sentido, salienta o secretario xeral, o grupo vai "funcionar como correa de transmisión da dirección do partido e das inquedanzas da cidadanía" e mantén que "todos os compañeiros e compañeiras do grupo terán unha función importante no novo reparto de tarefas" o cal, ratificou ao ser preguntado ao respecto, inclúe tamén a Caballero. Tras o nomeamento de Álvarez, Formoso asegurou agradecer "o traballo e comprensión amosada polo ex-secretario xeral, un activo sempre respectado".

O PSdeG inicia así unha nova xeira na que, como sucedera na etapa de José Ramón Gómez Besteiro -secretario xeral entre 2013 e 2016- e nos case tres anos entre as primarias gañadas por Caballero e as eleccións galegas de 2020, o máximo responsable orgánico do partido non conta con escano no Parlamento aínda que -tamén como no mandato de Besteiro-, si cunha relevante responsabilidade institucional como presidente da Deputación da Coruña. 

Neste sentido, Formoso reiteraba este martes en declaracións á TVG a súa convicción de que "a forza dos socialistas galegos na Cámara" vai ser quen de "trasladar as reflexións" da Executiva do partido en cada debate con independencia de que el non poida facelo directamente. Cara ao futuro, o líder socialista deixou a porta aberta a concorrer ás primarias das que sairá o cartel do PSdeG para a presidencia da Xunta nas eleccións previstas para 2024.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.