Pontón emprega os tres minutos da súa pregunta quincenal ao presidente en ler titulares con “Feijóo culpa” sobre diversos eidos e cuestiónao sobre “as súas solucións”, e obtén como resposta que o BNG non é útil para o país
Cada dúas semanas os portavoces dos grupos da oposición poden formular ao presidente da Xunta preguntas directas para a súa resposta no Parlamento de Galicia. Teñen tres minutos para facelo, o presidente outros tres para responder, e despois outra quenda de tres minutos cada un para repreguntar ou replicar.
Este venres a portavoz do BNG, Ana Pontón, empregou a práctica totalidade do tempo inicial para a súa pregunta en ler titulares de diversos medios de comunicación que comezaban en todos os casos coa expresión “Feijóo culpa”, seguidos de acusacións á cidadanía, o Goberno de España, a oposición ou Portugal por todo tipo de problemas. Só ao final da súa intervención Pontón preguntou ao presidente: “Está vostede sendo útil para solucionar os problemas que ten o noso país?”
A resposta de Feijóo foi unha enumeración de diversos datos da redución do paro ou do crecemento da economía en Galicia seguidos da aseveración de que “estamos defendendo Galicia”. Pola contra, dixo posteriormente, o BNG, co seu nacionalismo, “é inútil para os problemas do país”. “Eu son útil defendendo a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía de Galicia”, chegou a dicir o presidente.
Antes do debate con Pontón o presidente, a preguntas de Gonzalo Caballero, acusou o Goberno central de "non querer lexislar" sobre a pandemia
Previamente a sesión de control ao Goberno galego deste venres foi iniciada polo portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, que aínda ocupa ese posto á espera de que a nova dirección do partido decida o seu futuro. Fronte á maioría das intervencións previas nos últimos anos de Caballero, moi agresivas con Feijóo, a deste venres foi unha sucesión de preguntas con ton calmo a respecto da xestión da pandemia por parte da Xunta.
Nas súas respostas a Cabalero, antes de que Pontón puxese o foco nese tipo de argumentos, o presidente comezou acusando ao Goberno de España de “non querer lexislar” para facer fronte á pandemia e insistiu en que “en Galicia nos adiantamos” na xestión do problema.
Feijóo anunciou que a próxima semana a Xunta porá a disposición das familias nas farmacias probas rápidas gratuítas de coronavirus para nenos, que serán contratadas con probas PCR no caso de resultaren positivas. Tamén dixo que o 13 de decembro darase por rematada a inoculación da terceira dose da vacina nas persoas maiores de 60 anos e que o día 15 comezará a vacinación dos menores de 12 anos.