O PP é a última forza en escanos e votos entre as representadas no Parlamento de Euskadi. Nas eleccións do 25S os conservadores ficaron con 9 escanos, un menos que hai catro anos, catro menos que en 2009 e unha decena por baixo dos que tiñan a comezos de século, cando recibían o duplo de votos. A escasa forza dos populares na política vasca e o feito de non seren necesarios para a conformación de maiorías estables leva o partido de Mariano Rajoy a realizar unha lectura en clave netamente estatal do pacto de goberno que PNV e PSE veñen de asinar. Entre as principais voces conservadoras contra este acordo, no que se apoiará a nova investidura de Íñigo Urkullu como lehendakari, xorde a do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Case unha década despois de que o bloqueo do PP á definición de Galicia como "nación" tombase a nunca retomada reforma do Estatuto galego -"chegou Feijóo e mandou parar", resumiu anos despois un dos principais negociadores no nome do Goberno, o actual voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga-, o reelixido presidente da Xunta volve aferrarse a este termo para debuxar un panorama no que os socialistas avanzan cara á asunción do dereito de autodeterminación. Ao seu xuízo, Euskadi abócase cara un "Plan Ibarretxe 2".
No marco dunha entrevista con RNE o líder do PP galego censurou o que considera "uns parágrafos e uns conceptos bastante confusos e contraditorios" no acordo de jeltzales e socialistas. "Non é posible o dereito á autodeterminación, porque cando pactamos a Consittución renunciamos os constituíntes a ese dereito", afirmou Feijóo, quen non atopa sentido que o texto inclúa referencias "ao dereito a decidir" e, ao tempo, diga que o novo Goberno vasco actuará "sempre de acordo coa lexislación vixente". "Non se pode aceptar o dereito de autodeterminación e a nación vasca", resume Feijóo, quen considera que se o PSOE non tivese unha dirección provisional a nivel federal este pacto "non se produciría".
"Non se pode aceptar o dereito de autodeterminación e a nación vasca", di Feijóo, que acusa a PNV e PSE de pactaren "cousas que non son legais"
Pero, que di exactamente o texto que segundo Feijóo inclúe "cousas que non son legais"? No seu punto 4.4, o dedicado á "actualización do pacto estatutario vasco" ambas forzas "comprometen" a reactivación e culminación da reforma do Estatuto de Gernika, que o Parlamento vasco non culminou na pasada lexislatura. "Os partidos políticos asinantes deste acordo -detallan- recoñecémonos mutuamente liberdade para defender" nese proceso "os nosos respectivos postulados e formulacións en materia de autogoberno", no marco dun debate que "abordará" cuestións como "o recoñemento de Euskadi como nación", o "recoñecemento do dereito a decidir do pobo vasco e o seu exercicio pactado nun marco de negociación e acordo dentro do ordenamento xurídico vixente en cada momento" e unha "profundización" e ampliación de competencias, entre outras materias.
Así as cousas, da letra do texto non semella que o PSE asumise de entrada, nin sequera, a consideración de Euskadi como nación, senón que se limita a abrirse a "buscar o consenso e o acordo no seo do relatorio" que traballará na reforma estatutaria. Asemade, ao contrario do afirmado por Feijóo, ese "recoñecemento" non vai ligado no texto ao dereito de autodeterminación, ou cando menos non o fai abertamente.
O PP galego e o "termo nación"
Esta non é, nin de lonxe, a primeira ocasión na que Feijóo fai causa da non utilización do "termo nación" para outro territorio que non sexa o conxunto do Estado. Así, mentres foi líder da oposición polemizou ao respecto en diversas ocasións con PSdeG e BNG e, xa como presidente, ironizou en innumerables oportunidades coas "autonomías que din que queren ser nación", en referencia a Catalunya.
O Diario de Sesións do Parlamento de Galicia recolle tamén múltiplas mostras da relación de Feijóo e do PP galego en xeral con esta definición. Así, por exemplo, en xuño de 2011 o presidente respondeu unha pregunta do daquela voceiro do BNG, Carlos Aymerich, a respecto do incremento do desemprego instándoo a "darse conta" de que "Galicia é España". "Ou é que quizais somos Portugal, señoría? É fundamental estar orientado para saber onde un está, estamos nunha parte da nación española, de acordo coa Constitución", proclamou.
Nos últimos anos Feijóo reivindicou a definición como "nación" exclusivamente para España en debates sobre o paro, o turismo ou o autogoberno
Tres anos despois, na primavera de 2014, quen exercía como voceiro do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, pediulle explicacións a Feijóo sobre a súa política turística e o presidente retrucou que "España conseguiu volver a segunda potenica do mundo no turismo; e dentro desa gran nación, España, en materia de turismo Galicia creceu un 4,9%". Máis recentemente, en novembro de 2015 e de novo en resposta ao BNG, Feijóo acusou a Francisco Jorquera de tentar "traer para Galicia o problema dos cataláns". "Para min España é un signo de liberdade, de estabilidade, de Europa; e, por suposto, da nosa nación de hai cincocentos anos", asegurou.
Noutros termos referíase á cuestión no outono de 2005 quen foi antecesor de Feijóo á fronte do PPdeG, Manuel Fraga. No marco dun debate con Emilio Pérez Touriño sobre a reforma electoral que o bipartito formulaba -e que non chegou a concretar- o ex-presidente instaba a socialistas e nacionalistas a "aclarar o que quere dicir a palabra 'nación' e a palabra 'rexión'" no seu acordo de goberno. "A pregunta é importante", sinalaba; "penso nestes ourensáns que teñen fronteira na raia seca, que non teñen acceso ao mar, nese Ourense que foi capital do Reino Suevo; penso en Lugo, Lucus Augusti, por onde entrou o dereito romano e o latín en Galicia", debullaba. Neste ámbito o discurso, efectivamente, mudou un chisco máis.