0 Gardados para despois

Leiceaga: "Chegou a haber un acordo na reforma do Estatuto, pero chegou Feijóo e mandou parar"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) foi un "actor privilexiado" nas negociacións que, entre 2006 e 2007, estiveron a piques de desembocar nun novo Estatuto de Autonomía para Galicia. Quen así o define é o ex presidente Emilio Pérez Touriño, quen exerce de prologuista de Por que fracasou a reforma do Estatuto?, o ensaio editado por Galaxia no que Leicega realiza, segundo explica o propio autor, unha "crónica dun tempo", o mandato do Goberno de coalición na Xunta que compartiron PSdeG e BNG, os anos nos que "estivemos moi cerca" de ter unha nova norma fundamental da autonomía. 

Vostede viviu de primeira man as negociacións do que ía ser o novo Estatuto, nunha comisión na que o grao de acordo foi alto, segundo se manifestou daquela...

O grao de acordo era elevadísimo. É certo que todos os partidos nos reservábamos algunhas discrepancias menores porque contábamos con que despois habería unha tramitación parlamentaria con cesións e compromisos. Agás a regulación da lingua galega e a cuestión de como caracterizar Galicia no preámbulo, o resto de temas estaban resoltos, cun acordo superior ao 95%.

En que momento os membros da comisión din "ata aquí chegamos" e deciden que os tres líderes [Touriño, Quintana e Feijóo] tenten desbloquear o proceso?

"O negociador do PP dixo que non habería maior dificultade para o acordo"

Hai un momento en que se acelera o proceso de discusión en comisión e se crean os mini relatorios, para pechar os últimos flocos. Ficaban posicións moi difíciles de harmonizar, unha cuestión política final, e no ámbito parlamentario decídese que sexan os líderes quen resolva. Pero, como conto no libro, entre esa decisión no ámbito parlamentario e a reunión de Monte Pío houbo unha reunión informal dos negociadores principais dos tres partidos para discutir eses dous temas que acababan pendentes. Nela houbo unha aproximación practicamente total. Formuláronse as distintas posicións e o negociador do PP dixo que, sobre esa base, non habería maior dificultade. Houbo incluso un acordo técnico e informal. Pero chegou Feijóo e mandou parar.

Se existiu ese grao de acordo cal foi, polo tanto, o detonante do fracaso?

Dous elementos fundamentais: o primeiro, un cálculo electoral. O PP entende que se lle dá para adiante ao Estatuto sen que rompa o Goberno nese momento, o Goberno tería un éxito e ademais traería o nacionalismo á normalidade política e as posibilidades de que a esquerda seguise gobernando en Galicia serían moito maiores ca antes. Polo tanto, o PP tiña moito interese en que o proceso embarrancase. O segundo elemento é que Feijóo sempre tivo un ollo en Madrid que naquel momento podía ser moi discutible pero que hoxe está clarísimo, e o PP en España estaba xa nunha estratexia de recentralización que non ía facilitar o acordo en Galicia.

O PP mantivo daquela que o Estatuto fracasou polo interese persoal e político do de PSdeG e BNG...

"O BNG fixo o esforzo de se converter nun partido de goberno"

Iso non é verdade. Existía unha posición común na cuestión lingüística, sen ningunha diferenza entre o que defundíamos nós e o que defendía o BNG. E na cuestión nacional, as distintas fórmulas utilizadas parecíanlle aceptables a quen daquela era líder do BNG, Anxo Quintana. Na lectura do libro queda clarísimo que a responsabilidade está do outro lado. O BNG, ou cando menos o sector que daquela dirixía BNG, estaba facendo un esforzo de converterse nun partido de goberno e esa foi unha das consecuencias colaterais negativas do proceso. O fracaso leva a que siga debaténdose se é un partido de goberno ou de influencia. Iso non é bo para Galicia nin para facer un proxecto común.

Que perdeu Galicia co fracaso da reforma?

A oportunidade de colocarse fronte ao espello e decidir o que quería ser nos vinte e cinco ou trinta anos seguintes. Un Estatuto é un proceso constituínte a escala galega e a oportunidade para chegar a definir e marcar os límites, que iso é o que se fai nunha norma básica coma esta. En Galicia falta capital social común, compartido por todos, e o Estatuto podía chegar a selo se chegase até o final. E non houbo esa oportunidade. Puidemos gañar en estabilidade política, porque integrar o nacionalismo na normalidade tiña ese efecto. Ademais, o Estatuto formaba parte dun intento de influír dende Galicia na política española e así España se parece un pouco máis ao que desexaríamos que fose, que colmase un pouco máis os intereses de Galicia. Estamos nunha sorte de federalismo competitivo e tamén perdimos esa oportunidade.

Tras o veto, Feijóo prometeu retomar a reforma e tamén o fixo unha vez elixido presidente. A lexislatura vén de rematar e o Estatuto segue no caixón, cre que na vindeira sería posible, dada a configuración política que podería ter o Parlamento tras as eleccións?

"O órdago de CiU vai obrigar a repensar España de novo, estaría ben que dende Galicia soubésemos defender os nosos intereses"

Nesta última lexislatura Feijóo tivo varias oportunidades para emendar o erro orixinal e non utilizou ningunha malia ter unha posición de poder, con capcaidade para dirixir o proceso. Esta é a principal demostración de que a súa responsabilidade era maior, de que non quería reformar o Estatuto. Como está isto hoxe? A resposta ten que ser máis cautelosa. Por unha parte non se dan as condicións internas, con maior fragmentación política e cunha conxuntura dominada pola crise, o desemprego, o malestar social, os recortes... É moi difícil pensar en introducir nestes momentos, coa crispación social que hai, a cuestión do Estatuto. Pero, ao mesmo tempo, o órdago que está a lanzar Convergència i Unió, o cal vai ser, posiblemente, asumido pola maioría do electorado catalán, vai obrigar a repensar España de novo. E aí estaría ben que dende Galicia soubésemos defender as nosas peculiaridades e os nosos intereses, porque a cuestión identitaria e da organización territorial de España vai estar outra vez enriba da mesa.

En calquera caso, dado que Galicia non conta cun dos chamados Estatutos "de segunda xeración", chegaría tamén tarde a este novo proceso, ata o punto de perder de facto a súa condición de nacionalidade histórica?

Non sei se é tanto un problema de prazos como de non saber defender os nosos intereses. Eu vexo claro que Catalunya e Euskadi van redefinir nos próximos tempos as súas relacións con España. Eu non me atrevo a especular co resultado, pero en calquera caso será un reforzamento do seu autogoberno. Galicia quedaría descolgada da posición das nacionalidades históricas e asimilada a rexións que non teñen o mesmo sentimento identitario que ten Galicia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.