Un antes e un despois. Galicia --e todo o Estado-- viviron este xoves unha "xornada histórica" de reivindicación feminista, cunha folga masiva que lembrará para sempre este 8 de marzo de 2018. Malia que a masiva mobilización do pasado domingo en Vigo facía prever un gran seguimento do paro e das manifestacións, o agromar definitivo das mulleres rebordou calquera previsión. Boa parte da metade do país saíu ás rúas, parou no seu día e encheu vilas e cidades. Xa durante a mañá, en concentracións previas ás masivas da tarde, ateigaron os puntos de encontro previstos para tinguir de lila prazas como as do Obradoiro e demostrar que, se elas paran, para todo. Parouse, pero algo tremeu de vez para marcar un punto de inflexión que as mulleres agardan que sexa para sempre.
Malia que se agardaba un gran seguimento, as mobilizacións e a folga feminista rebordou calquera previsión
Os paros por quendas foron un "éxito" na maioría dos sectores. Xa desde a madrugada, os sindicatos advertían de que a folga era "unha realidade imparable" mesmo na franxa horaria das 0 ás 2 horas da madrugada, con unicamente o cumprimento dos servizos mínimos na sanidade -que seguiría así no resto da xornada- ou un seguimento moi importante na industria viguesa, tal e como cifraba a CIG: o 95% das traballadoras de Alonarti e Denso, o 90% en Domiberia, o 50% en Prosegur BPO e máis do 40% en Asientos de Galicia, TRW-Dalphi e Plastic Omnium. Tamén do 50% en Einsa, nas Pontes, ou en Ingapan, en Lugo.
Os paros parciais foron un éxito xa desde as quendas da madrugada, con masivos seguimento en conserveiras, Ferroatlántica ou a industria viguesa
Na franxa posterior (de 12 a 14 horas) foi importante o seguimento en diferentes empresas como Leche Celta en Pontedeume, en Indipunt en Narón, en Arteixo Telecom, nos buses de Vitrasa en Vigo e de case o 100% en Ferroatlántica e na maioría de conserveiras do país. Os paros parciais tamén foron un éxito en numerosos centros comerciais, universidades, bibliotecas públicas, escolas infantías e en moitos concellos, aínda que dificilmente cuantificable en localidades como A Coruña, onde o 8-M é festivo desde o pasado ano.
Piquetes informativos dos sindicatos que convocaron a folga de 24 horas (CUT, SLG, CGT, CNT ou Intersindical -na que se integra, por exemplo, o STEG-) criticaron os paros unicamente de dúas horas promovidos por CIG, CCOO e UGT e percorreron varios centros de traballo desde primeiras horas da mañá nunha xornada na que a rúa e a protesta virou en feminino. En centros comerciais houbo numerosas tendas que tiveron que pechar de vez ao unírense o 100% das traballadoras ao paro, especialmente importantes nos establecementos do grupo Inditex. Ademais, medio cento de trens non circularon en Galicia.
Tanto o seguimento da folga como moitas das concentracións do mediodía, previas ás masivas da tarde, rebordaron as previsións, o espazo previsto e os cálculos de forzas políticas e sindicais que, se cadra, non contaban cunha mobilización tal.
As concentracións da mañá, previas ás masivas da tarde, rebordaron moitos dos puntos de encontro nas cidades e vilas galegas
Así, en Compostela, centos de mulleres concéntranse na Praza Roxa na primeira das manifestacións convocadas e á que se uniu unha comitiva de mulleres xornalistas que, baixo a lema As xornalistas paramos, concentrouse previamente na Alameda xunto á emblemática estatua das irmás Maruxa e Coralia Fandiño, unha inciativa que tamén levaron a cabo as periodistas na Coruña ante a figura de Emilia Pardo Bazán. A marcha en Santiago acabou sobrepasando as previsións e ateigando o Obradoiro ao unirse as diferentes protestas da cidade, ao igual que se encheu a Praza Maior en Ourense, a contorna do MARCO en Vigo, as rúas de Lugo, Pontevedra ou Ferrol e as prazas ante os Concellos de numerosas vilas. "Contra o machismo e contra o capital, folga, folga, folga xeral", foi unha das consignas máis repetidas.
As protestas convocadas para o serán en vilas e cidades de toda Galicia ratificaron as sensacións da mañá con milleiros de persoas nas rúas
Desde a Xunta, nun confuso comunicado de Vicepresidencia, cifrouse o seguimento da folga nos organismos públicos galegos na contorna do 20% do persoal. Segundo o texto, na Administración Xeral "o seguimento foi do 16,99% e nos entes dependentes dela, "do 19,93% cun cumprimento normal dos servizos mínimos.
Xa a primeiras horas, os sindicatos aludían a unha "xornada histórica" e a capacidade da cidadanía para "situar Galicia no mapa do paro interncional", ao igual que destacaron os partidos da oposición. Tanto En Marea como PSdeG e BNG falaron de "lección de dignidade" e dun día de protesta exemplar e de enorme "éxito" en toda Galicia. Con todo, aínda faltaban as manifestacións da tarde, onde a marea lila medrou aínda máis.
As protestas convocadas para o serán en vilas e cidades de toda Galicia ratificaron as sensacións da mañá. Milleiros de persoas responderon ás convocatorias, que tornaron en masivas e nalgúns casos, como A Coruña, Vigo ou Santiago, obrigaron a multitude asistente a permanecer parada ata corenta minutos despois da hora fixada para o inicio do percorrido por mor da enorme afluencia.