As xuízas Paz Filgueira e Sandra Piñeiro comparten con Praza.gal como chegan a este Día internacional da muller desde o sistema xudicial e cales son as cuestións a reivindicar neste 8M
″O feminismo non é unha cuestión romántica nin de sentimentos. É unha política pública como o medio ambiente ou calquera outra. E debe ser algo transversal, non é que as mulleres teñamos determinadas emocións″. Paz Filgueira tivo nas súas mans máis de 10.000 casos de violencia machista na súa etapa no Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, onde traballou nove anos.
Para esta xuíza hai que trazar unha liña no 8M de 2018, no que comezou un camiño novo. ″Foi, evidentemente, moi significativo porque ata esas datas se podía constatar como había un abandono dos poderes públicos, aínda que non fora a nivel global. Pero ese 8M marcou un antes e un despois nas políticas. Ninguén se esperaba –nin nós mesmas– aquel nivel de organización; ben é certo que as redes sociais axudaron moito á convocatoria″, debulla.
Coa pandemia da COVID-19 aínda presente, unha guerra en Europa e os encontros e desencontros dentro do propio movemento feminista chegamos a este Día internacional da muller de 2022 coa vontade de retomar a axenda feminista nas rúas. ″As institucións públicas e os partidos políticos tiveron máis reflexo do que é a muller nestes catro anos, e tamén foi por motivos partidistas. Pero hai dez anos non me parecía que a muller en xeral –non só a violencia– fose un tema hexemónico. Isto paréceme un triunfo moi elevado. Porque agora podes estar a favor ou en contra, pero desde os poderes xa non podes obviar o feminismo. De feito, é un logro das reivindicacións que esteamos a ver máis políticas relacionadas coas mulleres e os menores. Un feito que vai unido a que hai máis mulleres nos cargos executivos das Administracións″, defende Paz Filgueira.
″O 8M é a combinación entre a conmemoración duns feitos históricos que supuxeron a morte de moitas mulleres traballadoras, pero tamén o despertar da metade da humanidade para participar activamente na sociedade. De aí vimos todas nós. Porque antes houbo outras mulleres que fixeron ese traballo nun mundo aínda máis hostil e violento. Non deixas de tomar conciencia de que o feito de nacer muller segue a ser un risco, dá igual que sexa no primeiro mundo que no terceiro, ou como queiramos chamalo″, afirma Sandra Piñeiro, xuíza de instrución en Lugo.
“Se se está a feminizar a pobreza, tamén as institucións están exercendo violencia sobre as mulleres″, di Paz Filgueira
″Estamos camiño da igualdade, esa é a esperanza. Aínda que a veces es consciente de que hai discursos que poñen en risco todo o que se conseguiu ata agora. E es consciente disto cando se fala das fake news ou cando les cousas nas redes sociais que, polo teu traballo, sabes que non son certas. Nós estamos en contacto coas vítimas e os agresores e sabemos, porque nolo din os expertos, que o ciclo da violencia non deixa de ser unha enfermidade de transmisión social. Pero, por outra parte, o 8M ten moito de celebración e de atoparse con outras mulleres nas manifestacións″, engade Piñeiro.
"O feminismo é a consecución da igualdade entre homes e mulleres e os desexos non se converten en dereitos”, apunta a xuíza de Lugo. A pobreza é feminina, o 70% dos pobres do mundo son mulleres. A maior parte das persoas que non saben ler nin escribir son mulleres. A propiedade das terras está nun 1 ou 2% en mans de mulleres, o resto é propiedade de varóns. Para Paz Filgueira ″a pobreza é unha forma de violencia e, se se está a feminizar a pobreza, tamén as institucións están exercendo violencia sobre as mulleres″.
Sandra Piñeiro indica que “o dereito sempre foi patriarcal porque é lóxico, está da parte do grupo social con poder. Entón, defendía o varón branco heterosexual. E, despois, estaba a opresión sobre as mulleres e a discriminación sobre grupos distintos por razón de etnia, raza...”. Porén, os avances nos últimos cinco anos en materia lexislativa e de procedemento xudicial permiten que as e os profesionais conten con ferramentas para traballar pola consecución dunha igualdade que aínda non é real.
″Hai dez anos, cando comecei no xulgado de violencia, non contaba con ter un Pacto de Estado e agora vai ser prorrogado. Ao principio, eu non vía logros e agora digo que hai moitas modificacións que van dar moitos xiros. Que non hai medios persoais, nin materiais, nin económicos para abarcalos, pero están aí. E a partir diso podemos reivindicalos″, asegura Filgueira, que agora exerce nos xulgados de Santiago de Compostela.
"Fan falta máis equipos psicosociais especializados e un maior seguimento das visitas. Non temos colaboración cos puntos de encontro. Necesitariamos máis comunicación cos servizos sociais, cos centros de información á muller... Xa se recolle en Galicia a violencia económica e se está a falar de violencia institucional en Catalunya, pero hai que ver en que se traduce todo isto. No papel é moi fácil”, abonda.
“Dise que hai un millón de homes denunciados falsamente cando desde 2009 hai un millón de denuncias por violencia machista: as denuncias falsas son o 0,01%”, salienta Sandra Piñeiro
Paz Filgueira lembra como –segundo a enquisa do CIS– en 2017 o 1,3% dos españois consideraba a violencia machista como un problema grave e tres anos despois esta cifra aumentou ata case o 7%. Nesta toma de conciencia a xuíza ve fundamental a visibilización e o tratamento das violencias por parte dos medios de comunicación: ″Cambiou a percepción en moitas capas sociais, non tanto na xente nova porque non é tan doado chegar a toda a sociedade″.
“As opinións cada vez son máis polarizadas, sobre todo nas redes sociais. Cando imos a charlas con xente nova sempre digo que tes que ser crítico ante a información e buscar sempre as fontes. Cando alguén che dea unha información podes ir buscar a fontes oficiais eses datos. Pero hai que saber interpretalos porque as estatísticas tamén poden ser facilmente maleables para dar unha visión que non se corresponde coa realidade. Por exemplo, dise que hai un millón de homes denunciados falsamente cando desde 2009 hai un millón de denuncias por violencia machista, e delas hai 79 que se constatou que eran falsas: o 0,01% de todas as presentadas”, advirte Piñeiro.
″Hai moito que facer, agora dicimos que baixan as denuncias e diminúen os asasinatos; pero tamén baixan as rupturas. Isto significa que hai un problema económico, non te separas porque non tes un can. En 2020, se vemos como aumentaron as chamadas ao 016 nos meses de marzo e abril un 566% decatámonos de que o confinamento cun potencial agresor non era a mellor idea. É unha cifra inasumible para calquera Estado″, sinala Filgueira.
Un dato moi significativo do Observatorio Estatal de Violencia sobre la Mujer é que en 2018 un 30% das vítimas asasinadas por violencia machista presentaran denuncia, e en 2020 esa cifra baixou ata un 15%. "Segue a ser moito, pero que en dous anos haxa esa redución supón un cambio significativo das políticas”, defende Paz Filgueira. Aínda que as sentenzas condenatorias en casos de violencia machista están por enriba do 80%, mentres que nos delitos penais en xeral son arredor dun 60%, como apunta Sandra Piñeiro.
O machismo cotián
As xuízas representan a autoridade no exercicio do seu traballo, mais tanto Paz Filgueira como Sandra Piñeiro recoñecen que non sempre son consideradas da mesma maneira que os seus compañeiros homes. Filgueira leva 22 anos traballando e considera que "tes unha autoridade por vella”. A pesar de que actualmente en Galicia máis do 60% das xuízas son mulleres, hai moi poucas nos cargos representativos. Por iso, na apertura do ano xudicial a maioría dos presentes son varóns.
“Non paraba de repetir: 'isto cóntello todo ao xuíz'. Ata que parei e expliqueille que a xuíza era eu e o señor levou a mans á cabeza”
"Creo que é unha cuestión máis de idade que por ser muller. Pero non es un home eh! Non existe esa consideración exactamente igual. Xa se ve que nos cargos de poder non estamos nós, por algo será”, agrega Filgueira. Sandra Piñeiro ten un letreiro na porta do seu despacho que pon xuíza, escrito con típex o 'a', para non gastar e que sexa reutilizable por un home no futuro.
Piñeiro lembra anécdotas como a dun señor ao que lle estaba a tomar declaración e lle insistía en que tomara notas para o xuíz: “Non paraba de repetir: 'isto cóntello todo ao xuíz'. Ata que parei e expliqueille que a xuíza era eu e o señor levou a mans á cabeza”. Tamén ten visto como aos seus compañeiros homes os saudaban referíndose a eles coa fórmula 'don' e o seu nome, mentres que ela era recibida cun 'ola, guapa'.
Con todo, Sandra Piñeiro destaca que isto son só anécdotas. “Son consciente de que a imaxe da miña profesión proxecta unha sombra moi alongada sobre os meus interlocutores, por iso supoño que pode dominar moito o machismo”, asevera.