"A volta á normalidade comeza a ser unha realidade". Este venres, 4 de marzo, o conselleiro de Sanidade e a directora xeral de Saúde Pública compareceron ante a prensa para explicar os inminentes cambios nos protocolos de abordaxe da COVID, que teñen como principal novidade a supresión para a poboación xeral de corentenas para persoas que son contacto estreito dun positivo -xa eran moi limitadas- e unha nova redución do sistema de rastrexo, que xa viña sendo limitado.
O Sergas deixará de pedir unha listaxe de contactos ás persoas que dean positivo agás as ligadas a centros sanitarios, residencias da terceira idade ou discapacidade ou axuda no fogar
A intervención de Julio García Comesaña e Carmen Durán produciuse nun contexto de levísimo incremento nas cifras de casos novos detectados pero, ao contrario do que podería acontecer hai uns meses, Sanidade non puxo o foco nesta cuestión -que si mencionaron-. En vésperas de que o Ministerio de Sanidade aprobe un novo sistema de vixilancia da enfermidade, ambos responsables do Sergas ratifican que, dende o luns, día 7, estará en vigor en Galicia a decisión estatal de suprimir as corentenas para todas as persoas consideradas contacto estreito -vacinadas ou non- agás no caso dos denominados "ámbitos vulnerables".
Neses "ámbitos vulnerables" inclúense, por exemplo, as persoas que viven ou traballan en centros da terceira idade e atención á dependencia, persoal sanitario ou do Servizo de Atención no Fogar. Alén destes eidos, confirma Durán, "non se vai corentenar a poboación xeral" aínda que fose contacto estreito, isto é, aínda que estivese a menos de dous metros cunha persoa que deu positivo durante máis de 15 minutos en vinte e catro horas. Todo, nos dous días previos ao positivo.
"Imos ir ao autocoidado", resume Sanidade en vésperas da aprobación do novo sistema de vixilancia da COVID para todo o Estado
Ligada con esta medida vén a nova redución do rastrexo. Agás igualmente neses "ámbitos vulnerables", a central de seguimento do Sergas non vai pedir ás persoas que dean positivo unha listaxe de contactos. Vaise "seguir chamando ao positivo", asegura o conselleiro, pero xa sen unha "enquisa de caso" agás estar incluído nun dos devanditos ámbitos de vulnerabilidade.
"Serán os propios casos os que deben informar aos seus contactos estreitos para que extremen as medidas de precaución" durante os seguintes seguintes 10 días. "Imos ir ao autocoidado", resume Sanidade, que lembra que as persoas que son contacto estreito deben seguir recomendacións xerais como "uso constante da máscara" ou "reducir interaccións sociais" e evitar eventos masivos.
Situación xeral da pandemia
A incidencia a sete días reduce a súa diminución e a Xunta atribúeo aos encontros do Entroido
Esta nova relaxación dos protocolos COVID-19 prodúcese nun contexto no que, alén das restricións de capacidade na hostalería, a única medida restritiva que permanece é a obriga xeral de uso da máscara en espazos interiores abertos ao público, a cal será revisada en breve, segundo avanzou o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez. No que atinxe aos casos novos detectados, a incidencia acumulada a 14 días segue descendendo con claridade en Galicia e rolda os 750 casos novos por cada cen mil habitantes, mentres que a redución do indicador a sete días enlentece nas últimas xornadas na contorna dos 325. O Sergas, que segue computando a todos os efectos os positivos detectados mediante test feitos na casa, atribúe ese freo aos encontros do Entroido.
Sanidade especifica que aínda cómpre agardar antes de falar dun eventual cambio de tendencia nun contexto no que continúa reducíndose aos poucos a ocupación hospitalaria de pacientes coa COVID. Agora son uns 420, 66 menos que unha semana antes, e unha trintena deles están en unidades de coidados intensivos. Saúde Pública apunta a estes datos como mostra da importancia da alta cobertura da vacinación e ve tamén acreditado, a través deles, a maior levidade da variante ómicron, a predominante actualmente.
No que atinxe aos falecementos de persoas coa COVID, a media a sete días está agora na contorna das 4 mortes por xornada de pacientes que tiñan a enfermidade (o virus non é, necesariamente, a causa directa do pasamento en todos os casos). O total dende o comezo da pandemia é de 3.118.
Sanidade reitera que reconsiderará a recomendación da máscara nos patios escolares cando remate a administración da segunda dose ao grupo de 5 a 11 anos
Todo isto sucede mentres máis do 90% da poboación galega ten a pauta completa da vacina e mentres a administración de doses de reforzo presenta tamén altas porcentaxes. Entre a poboación de 20 a 29 anos, o último grupo incorporado ás terceiras doses, a cobertura supera xa o 60% e achégase ao 70% no de 30 a 39 anos. Dos 40 anos en diante, en todos os grupos recibiu a dose de reforzo máis do 90% das persoas chamadas a poñela.
No que atinxe á vacinación pediátrica (5-11 anos), as segundas doses van xa camiño do 25%. A vindeira semana continúa a súa administración e cando o proceso finalice, avanza a Xunta, será reconsiderada a recomendación de manter a máscara nos patios escolares. En Galicia recibiron a primeira dose o 83,6% das nenas e nenos de 5 a 11 anos, a porcentaxe máis alta do Estado (a media estatal é do 57,5%).