Da "contención" á "mitigación". De apostar por ter controlados todos os positivos e boa parte dos seus contactos estreitos -ou cando menos, tentalo- a poñer o foco esencialmente en quen teña síntomas da COVID-19 e, dentro deste grupo, na poboación considerada vulnerable polas súas condicións de saúde ou idade.
Nos últimos días a Consellería de Sanidade plasmou por escrito en senllas mudanzas dos seus protocolos o xeito en que afronta o que considera unha nova fase da pandemia. É unha xeira marcada por cifras inéditas no número de casos detectados, pero que por efecto da vacinación -e das características da variante ómicron, sinala Saúde Pública- se traduce nunha carga hospitalaria máis ou menos asumible polo sistema mentres outros elos da cadea, fundamentalmente a Atención Primaria e o rastrexo, sofren unha presión sen precedentes ata rozar o colapso.
Os novos protocolos do Sergas dan por inaugurada a fase de "mitigación" da pandemia e poñen fin á supervisión e rastrexo de casos tal e como se concibía ata agora
É neste punto no que tanto o Consello Interterritorial de Saúde (que xunta ás autonomías co Ministerio de Sanidade) como o Goberno galego teñen xa en marcha novas normas. En síntese, consisten en poñer fin á supervisión e rastrexo de casos tal e como se concibía ata agora, dar por válidos os test feitos na casa sen necesidade de confirmación posterior e relaxar os controis sobre a poboación asintomática. Neste sentido, o Sergas confirma que as persoas que sexan sinaladas como contacto estreito dun caso positivo e non teñan síntomas da COVID-19 xa non recibirán, nos máis dos casos, chamada ningunha, senón só unha mensaxe SMS con ligazón a un cuestionario e outra con instrucións.
Esa mensaxe, confirma Sanidade, incluirá unha ligazón a un formulario web no que a persoa deberá completar datos básicos como nome, idade ou se pode ser considerado membro dun grupo vulnerable por idade, doenzas ou outras razóns. Asegura a Consellería que se non hai resposta en 24 horas, si se realizará unha chamada. A intención dese primeiro contacto, especifica, é dilucidar se a persoa considerada como contacto estreito é susceptible ou non de facer unha proba.
Nun contexto de forte saturación da Atención Primaria, Sanidade sinala o teléfono 881 540 045 como vía prioritaria para a declaración de síntomas ou de positivos achados mediante autotest
Como informou Praza.gal, o Sergas resolveu eliminar as probas (PCR ou antíxeno) para as persoas consideradas como contacto estreito dun caso positivo que estean exentas de corentena por estaren vacinadas ou teren pasado a enfermidade nos últimos 6 meses. Nestes casos, serían excepcións as persoas hospitalizadas ou que vivan en residencias de maiores ou discapacidade, a poboación maior de 70 anos, mulleres embarazadas ou persoal sanitario ou sociosanitario.
Neste casos, durante 10 días permanecerán en situación de "vixilancia" . Ao inicio do período recibirán unha segunda SMS con instrucións xerais como que "pode realizar actividades esenciais como acudir ao posto de traballo" pero debe "evitar acudir a eventos" ou aglomeracións.
A Xunta encadra estas medidas nun contexto no que vén dar por desbotado o sistema de rastrexo que mantivo ata agora -o actual ritmo de casos novos detectados implicaría rastrexar uns 30.000 contactos diarios- e no que tamén, asegura a Consellería, pretende "descargar" parte da presión da Atención Primaria para a xestión e control de casos. Nesta liña, Sanidade recomendará de agora en diante que tanto a declaración de síntomas para solicitude de PCR como a comunicación de resultado positivo sexa realizada prioritariamente a través do número de teléfono 881 540 045 e non a través dos centros de saúde. Avanza tamén que nos vindeiros días recuperará o formulario web para a declaración de positivos.
Máis de 56.000 casos activos, unhas 350 hospitalizacións
Os máis de 56.000 casos activos son mostra da forte presión sobre a Atención Primaria e o rastrexo mentres as persoas hospitalizadas con test positivo da COVID son apenas 354
Todas estas mudanzas nos protocolos COVID-19 do Sergas prodúcense nun contexto no que seguen sendo detectados en Galicia, na media da última semana, uns 4.500 casos novos diarios, o que leva a incidencia acumulada a 14 días preto dos 2.000 casos novos por cada cen mil habitantes. No caso da poboación de 20 a 29 anos, esa incidencia a 14 días xa supera os 5.000 casos novos por cada cen mil persoas
Isto deriva en máis de 56.000 casos activos, o cal é sinal da fortísima presión sobre a Atención Primaria e o rastrexo. Non en van, as persoas hospitalizadas con test positivo da COVID eran ás seis da tarde do martes un total de 354, 41 máis que unha semana antes. Un total de 56 estaban en unidades de coidados intensivos, cira que tende á estabilidade.
Mentres todo isto sucede continúa a vacinación tanto coa administración de doses de reforzo (nestes días centradas nas persoas de 40 a 49 anos) como na extensión de primeiras doses pediátricas, agora con nenos e nenas de 7 a 9 anos. A cobertura con pauta completa, tras os últimos avances, chega ao 85,5% do total da poboación galega.