"Debido á alta incidencia de contaxios, necesitamos incrementar de forma urxente o noso servizo de teleoperadores/as para traballar no proxecto de rastrexadores COVID". O anuncio foi publicado o pasado 27 de decembro nun portal de busca de emprego por Abai Group, a antiga Extel, empresa que dende o pasado verán é adxudicataria do primeiro contrato estable asinado pola Xunta para o rastrexo de contactos de persoas que contraen o coronavirus. Logrou a contratación, cun custo estimado duns 13 millóns anuais, por presentar unha oferta máis barata que Universal Support, que viñera prestando o servizo mediante contratos de emerxencia.
Un traballador da empresa contratada pola Xunta para rastrexar a COVID subliña a "improvisación" coa que o servizo está a adaptarse ao incremento de casos, "contratando ao tolo" e "sen apenas formación"
Abai Group asumiu o servizo a efectos prácticos no outono, ás portas do que acabou dando en coñecerse como sexta vaga da pandemia. Daquela, explica para Praza.gal un membro do cadro do persoal que pide non revelar o seu nome, houbo que "empezar de cero", con "apenas dez persoas que non estiveran nunca" no rastrexo. A medida que as necesidades se foron incrementando tamén o foi facendo o número de rastrexadoras. Moitas procedían doutra área da mesma empresa, o centro de chamadas de atención ao cliente dunha compañía telefónica.
E de aí, relata a mesma fonte, á "improvisación", coa empresa "contratando ao tolo" para dar cuberto o incremento do volume de traballo. O contrato prevé que a compañía decida como contratar e despedir persoal en cada momento e por iso entre o persoal apuntan que o "problema" está, na súa orixe, na propia Xunta. "Por deixar isto nas mans dun sector, o do telemarketing, que é paradigma da precariedade laboral", engade unha fonte sindical do sector coñecedora do funcionamento do servizo de rastrexo.
Unha das fontes consultadas afirma que, en vésperas do Nadal, a compañía ofreceu "vinte euros" como incentivo para que o persoal captase "amigos, coñecidos" que participasen nunha formación en liña: "Ao final, dabas o nome e empezabas ao día seguinte" para cubrir os festivos, asegura
A esa precariedade, relata o traballador consultado, engádese agora que "non hai apenas formación" para afrontar o traballo. "Empezou sendo de dous días e acabou sendo dun par de horas" entre urxencias por atopar persoal. Neste sentido, destaca como en vésperas do Nadal a empresa ofreceu "vinte euros" como incentivo se o propio persoal lograba captar outras persoas -"amigos, coñecidos", ilusta- para participar nunha sesión de formación en liña (tal e como publicou Galicia Confidencial). "Ao final, dabas o teu nome e empezabas a traballar ao día seguinte" para cubrir os días festivos, afirma.
A cuestión de fondo é que "non se dá feito", resume. Na actualidade "debe haber unhas 500 persoas" ás que se promete "desenvolvemento profesional" cando, ao tempo, a empresa "ofrece contratos dun mes e agora, só de fin de semana". Ademais, agrega, a "improvisación" chega tamén á duración das xornadas, con propostas irregulares de ampliación ou "horas extras que a xente asume facer por unha expectativa de renovación" do contrato. Todo, relata, mesmo entre apelacións da compañía ao matiz "social" que ten este traballo en plena pandemia.

Evidencia o traballador que a precariedade laboral repercute nun servizo no que "as compañeiras precisan tempo para falar coa xente e empatizar con ela". Para, por exemplo, "dicirlles que non van poder estar coa súa familia no Nadal ou en fin de ano". "A xente -destaca- soe ser receptiva ao recibir ás chamadas, pero algunha está nerviosa", ou pregunta "por normas que van cambiando". Ou, simplemente, trátase de persoas de idade avanzada "que non entenden moi ben" o rastrexo e a chamada vira tamén "nunha cuestión terapéutica". E todo isto, conclúe, "nun servizo que se está pagando con cartos públicos".