O tribunal de contratos valida a adxudicación porque “os pregos que rexen a licitación non esixen, en canto á oferta técnica se refire, cal debe ser o contido exacto desta”
Máis de ano e medio despois da chegada da COVID-19 a Galicia a Xunta aínda ten pendente de asinar o primeiro contrato estable de rastrexo da enfermidade, seguimento de contactos que ata agora vén realizando con contratos de emerxencia coa teleoperadora Universal Support. O Goberno galego non decidiu convocar un concurso para dispoñer dun servizo estable ata que “a situación se complicou” o pasado Nadal e non foi ata finais de xullo que rematou de valorar as ofertas que recibiu e se decantou pola empresa Extel Contact Center, cun historial de conflitos laborais e máis barata que a firma que xa viña contratando de emerxencia, que tamén se presentou ao concurso.
Universal Support recorreu ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal) argumentando que a súa competidora debía ser excluída porque a súa oferta técnica non cumpría os pregos de condicións da Xunta. Pero o tribunal vén de rexeitalo ao constatar que o Goberno galego non reclamara neses pregos que as ofertas concretasen diversos detalles dos servizos que se ofrecerán.
“Os pregos que rexen a licitación non esixen, en canto á oferta técnica se refire, cal debe ser o contido exacto desta”, di o tribunal. Na súa resolución recolle a alegación da propia Xunta de que o acatamento deses pregos por parte das empresas que participaron no concurso “fai que os licitadores non teñan que reflectir na súa oferta todo o contido das cláusulas do prego de prescricións técnicas e deban limitarse a axustar a súa oferta á documentación requirida para realizar a valoración da mesma”.
O concurso público para que a Xunta contrate o seu primeiro servizo estable de rastrexo da COVID tras ano e medio de contratos de emerxencia foi convocado a finais de marzo, un ano despois da chegada da pandemia, co argumento do propio Feijóo de que era necesaria “publicidade e transparencia” e que “en dous anos non podemos estar facendo contratos de emerxencia”, algo que vai xa para ano e medio. Ao proceso presentáronse inicialmente tres empresas: Extel, Universal e Bosch Service Solutions. A terceira empresa foi excluída a finais de maio por incumprir as condicións do concurso, e a partir dese momento valoráronse as ofertas das outras dúas aspirantes.
O concurso, estimado nuns 13,8 millóns de euros ao ano, valorou co mesmo peso sobre o total os criterios técnicos e os económicos, o que fixo que a rebaixa de tarifas ofrecida por Extel lle permitise levar o contrato
A Xunta deseñou o concurso como un contrato marco cunha estimación de custo total de 13,8 millóns de euros ao ano, pero pagará posteriormente en función do número de servizos efectivamente prestados a partir dunhas tarifas máximas de partida. Os pregos de condicións estableceron unha valoración máxima idéntica de 50 puntos para os criterios técnicos e 50 para os económicos, e malia que a oferta técnica de Universal, que xa vén prestando o servizo, foi mellor que a de Extel, a rebaixa económica desta deu a volta á puntuación total. A Xunta adxudicou o contrato a Extel pero antes de formalizalo Universal presentou un recurso ante o tribunal de contratación, o que paralizou a sinatura e con ela o traspaso do servizo.
O tribunal di que “non pode achacarse un suposto incumprimento dos pregos agás no suposto de que este se presente como evidente, palmario"
Universal reclamou que a oferta de Excel fose excluída por considerar que non cumpría cos requisitos dos pregos de condicións. Pero o tribunal vén de facer pública a súa resolución, con data 10 de setembro, na que desestima o recurso de Universal e levanta a suspensión da adxudicación, que agora a Xunta xa poderá formalizar con Extel.
Universal argumentaba que a oferta de Extel non concretaba diversos detalles sobre como vai ser o servizo que prestará, entre elas que non detallaba os “operadores externos” cos que contará ou non garantía o bilingüismo en galego e castelán que se require ao persoal. Porén, o tribunal salienta que “non pode achacarse un suposto incumprimento dos pregos agás no suposto de que este se presente como evidente, palmario ou incompatible dalgunha maneira co estipulado naqueles, que neste caso non se aprecia que sexa o que acontece”.
Universal denunciaba que Extel incumpría os pregos “ao limitarse a sinalar que conta cun centro na Coruña, o que non garante nin o bilingüismo nin a formación requirida”, pero o tribunal replica que iso se concretará durante a execución do contrato
Nesa liña o tribunal sinala que “os pregos que rexen a licitación non esixen, en canto á oferta técnica se refire, cal debe ser o contido exacto desta e non obrigan por tanto que contemple referencia explícita aos operadores externos, grupo en todo caso continxente en función das necesidades do servizo e sen que existan motivos para apreciar, nesta sede, o incumprimento do sinalado nos pregos”. Sobre a formación do persoal, Universal denunciaba que Extel incumpría os pregos “ao limitarse a sinalar que conta cun centro na Coruña, o que non garante nin o bilingüismo nin a formación requirida”, pero o tribunal replica que “nos atopamos novamente ante consideracións de parte do recorrente referentes á posterior fase de execución do contrato, pero sen mostrar un concreto incumprimento na oferta da adxudicataria do esixido para a mesma nos pregos da licitación”.
A resolución do tribunal cita tamén un dos argumentos que deu a Xunta como parte das súas alegacións no proceso, nas que di que o acatamento das empresas dos pregos como foron redactados “fai que os licitadores non teñan que reflectir na súa oferta todo o contido das cláusulas do prego de prescricións técnicas (PPT) e deban limitarse a axustar a súa oferta á documentación requirida”.
O tribunal considera que realmente Universal pretendía variar a valoración discrecional que o xurado do concurso deu ás ofertas técnicas das dúas empresas e que o feito de que Extel non detallase algunhas cuestións que non lle eran requiridas non pode afastala do proceso, senón que é unha cuestión que xa foi valorada polo xurado outorgándolle unha menor puntuación no apartado técnico. “As deficiencias ou eivas apreciadas na avaliación da oferta da adxudicataria polo órgano de contratación pola insuficiente explicación dalgúns dos aspectos recollidos na oferta técnica (e mais outorgando unha puntuación inferior a Extel) semella que tiveron o seu correlativo reflexo na puntuación outorgada, sen que, consonte a o exposto, poida considerarse que estas deficiencias resulten determinantes de exclusión por un incumprimento do indicado no prego”.
Malia esa puntuación inferior por esas “deficiencias” técnicas, a moito máis barata oferta económica de Extel deulle finalmente o contrato que agora a Xunta xa pode formalizar con ela retirándolle o servizo a Universal.