Universal Support, empresa que aínda presta o servizo de rastrexo, impugnou a adxudicación do novo sistema a Extel, que presentou unha oferta máis barata
Case ano e medio despois da chegada da pandemia da COVID a Galicia, a Xunta adxudicou o seu primeiro concurso público para un sistema estable de rastrexo de casos positivos e contactos. Logo de meses contratando ese servizo por vía de emerxencia coa empresa Universal Support, que tamén se presentou ao concurso, a Consellería de Sanidade resolveu o proceso adxudicando o contrato a Extel Contact Center porque a súa mellor oferta económica permitiulle superar a mellor puntuación técnica que obtivo a competidora que viña prestando o servizo.
Universal Support, empresa que aínda presta o servizo de rastrexo da COVID en Galicia, impugnou a adxudicación deste novo sistema estable a Extel. O concurso foi convocado a finais de marzo e durante este tempo Sanidade analizou as ofertas presentadas, inicialmente tres: Extel, Universal e Bosch Service Solutions. A terceira empresa foi excluída a finais de maio por incumprir as condicións do concurso, e a partir dese momento valoráronse as ofertas das outras dúas aspirantes.
O concurso valorou co mesmo peso sobre o total os criterios técnicos e os económicos, o que fixo que a rebaixa de tarifas ofrecida por Extel lle permitise levar o contrato sobre un sistema de rastrexo da COVID, que vén recibindo críticas tanto da cidadanía como do persoal que o presta pola súa precariedade. Ademais, hai só unhas semanas Praza.gal revelou que Universal Support, que aínda está a prestar o servizo, tivo que reforzalo con teleoperadores de Madrid tras non ser quen de cubrir as vacantes que ofertou.
Ante a chegada dunha nova empresa para este novo sistema estable, persoal do sector de telemárketing e CCOO alertan de que "vai provocar unha importante deterioración deste servizo público".
Persoal e sindicatos advirten de que Extel pretende empezar o seu labor de rastrexo con 400 traballadores menos dos actuais
Malia que aínda non se lle facilitou á representación sindical a información sobre a data e condicións do traspaso do servizo, nin tampouco sobre o persoal afectado, fontes do persoal do sector e o sindicato advirten de informacións que sinalan que Extel pretende comezar o novo sistema de rastrexo no mes de setembro dunhas 250 persoas contratadas, que supoñen 400 menos das que actualmente fan o labor de rastrexo para o Sergas, tanto en Galicia como desde outras comunidades autónomas: 650 persoas.
"Todo isto, nunha situación actual onde o volume de casos de covid non deixa de aumentar", advirten desde CCOO solicitan unha "reunión urxente" coa Xunta para "esixir o mantemento do número de rastrexadores, entendendo que non é este o momento de recortar persoal"
Segundo datos de persoal e delegados sindicais na empresa Universal Support,son arredor desas 650 as persoas que a tal hora realizan o labor de rastrexo de contactos de positivos COVID en Galicia, incluíndo os que o fan desde outros territorios. Sobre 730 en total traballando para o Sergas de sumar os 90 rastrexadores militares que achega o Exército previa solicitude das comunidades autónomas, a metade dos que traballaban na primavera pasada, cando se alcanzaran os 180.