A empresa contratada pola Xunta para rastrexar a COVID busca a incorporación "urxente" de cen persoas pola "alta incidencia"

Fragmentos da oferta laboral de Abai Group para o rastrexo de contactos COVID, sobre unha imaxe de arquivo dun centro de chamadas CC-BY-NC-SA Foto: CC.OO. | Montaxe: Praza.gal

O pasado verán, a Xunta culminou a adxudicación do seu primeiro contrato estable cunha empresa para o rastrexo de contactos de persoas contaxiadas coa COVID-19, servizo que durante o primeiro ano da pandemia viñera contratando pola vía da emerxencia coa compañía Universal Support. A gañadora do contrato foi a antiga Extel -actual Abai Group-, que se impuxo á súa competidora porque presentou unha oferta máis barata nun proceso no que non tivo que concretar diversos detalles do seu servizo.

Como vén informando Praza.gal, o Goberno galego esixiu á empresa contratada que fose quen de atender o volume de chamadas que lle poida encargar en cada momento nun contrato marco cun custo estimado superior aos 13 millóns anuais, pero cuxa contía final depende dos servizos prestados a partir dunhas tarifas máximas de partida. Non obstante, deixou nas mans da propia compañía decisións como contratar ou despedir persoal para facelo en cada momento.

Fragmento da oferta publicada por Abai Group para cubrir cen vacantes no servizo de rastrexo COVID para o Sergas, publicada este 27 de decembro de 2021 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Con este pano de fondo chegou a actual vaga da pandemia, con cifras inéditas de casos detectados pero cun impacto hospitalario moito menor e, daquela, con máis presión en elos da cadea sanitaria como a Atención Primaria ou o propio rastrexo. É neste punto no que Abai Group lanzou, o pasado 27 de decembro, unha oferta para a contratación "urxente" de ata cen persoas para cubrir quendas de fin de semana no servizo de rastrexo dende o seu centro de traballo na Coruña. O día 13 do mesmo mes publicara outra oferta semellante, naquel caso para cubrir 50 vacantes.

Abai Group, que gañou o concurso para o rastrexo de contactos por presentar a oferta máis barata, ofrece cen vacantes para cubrir quendas de fin de semana por uns 400 euros brutos mensuais e un contrato dun mes con "posible" ampliación

"Debido á alta incidencia de contaxios, necesitamos incrementar de forma urxente o noso servizo de teleoperadores/as para traballar no proxecto de Rastrexadores COVID", sinala a oferta publicada por Abai Group no portal Infojobs e difundida noutros portais de busca de emprego. A compañía non require experiencia previa para un traballo que se desenvolve os sábados e domingos en quendas "a elixir" de mañá (de 9h a 15h, 356 euros brutos ao mes) ou tarde (de 15h a 22h, 416 euros brutos ao mes).

Abai Group sinala como "requisitos mínimos" no traballo de rastrexo da COVID para o Sergas que o persoal sexa "moi empático" e "capaz de identificar como pacientes cada unha das chamadas" ou teña "habilidade para descubrir a información, principalmente nos contactos a rastrexar". Tamén require persoas con "gran xestión da emoción" e capacidade de "manter a calma ante situacións de estrés". Como requisitos "desexados" sinala que considera "valorable falar galego".

Persoal militar en labores de rastrexo da COVID dende Ferrol © Delegación do Goberno en Galicia

Afirma a compañía que a súa oferta implica "bo ambiente de traballo, crecemento e desenvolvemento profesional", así como "implicación na formación de persoas". A incorporación "inmediata" ao servizo implica "formación inicial de 6 horas" e Abai Group só garante unha contratación temporal dun mes, aínda que "con posibilidade de ampliación".

Xusto antes do cambio de empresa de rastrexo, datos de persoal e delegados sindicais da anterior adxudicataria indicaban que, á altura do pasado agosto, eran unhas 650 as persoas que traballaban rastrexando contactos de persoas coa COVID en Galicia, incluíndo as que traballaban dende fóra de territorio galego (arredor de medio cento daquela) ante a dificultade de cubrir vacantes. A elas sumábanse daquela 90 efectivos máis achegados polo Exército tras a solicitude da Xunta ao Ministerio de Defensa.

Valoración das ofertas presentadas ao concurso para o sistema estable de rastrexo da COVID-19. A antiga Extel é a actual Abai Group CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.