Nos case dous anos que xa dura esta pandemia, as súas características e efectos foron cambiando, mutando case tanto coma os dos propio virus. Esta sexta vaga (aínda que en Galicia a quinta case non se fixo notar) está a deixar cifras récord de positivos detectados (tamén de probas realizadas) e, consecuentemente, de casos activos. Nunca houbera tantas persoas en Galicia cun diagnóstico positivo de Covid-19. Porén, o número de hospitalizacións (como xa sucedera na cuarta vaga, o pasado verán) apenas medra, e tampouco o fai o de ingresos en UCI e mortes. De feito, a proporción que representan os casos con síntomas é a máis baixa dos últimos dous anos.
A actual multiplicación do número de casos traducirase nalgún momento nun incremento importante das hospitalizacións? Non podemos, polo de agora, responder a esta pregunta, pero si podemos comparar a evolución da actual vaga nas últimas semanas coas vagas anteriores
A vacinación da gran maioría da poboación galega cambiou por completo a pandemia, aínda que a rápida aparición e dominio dunha nova variante máis transmisible, ómicron, devólvenos á incerteza. Como evolucionará a situación nas vindeiras semanas? A actual multiplicación do número de casos traducirase nalgún momento nun incremento importante das hospitalizacións? Ten realmente ómicron efectos moito máis leves que as anteriores variantes? Esta menor gravidade será suficiente para compensar o efecto negativo dun aumento moito máis grande do número de casos?
Non podemos, polo de agora, responder a estas preguntas, pero si podemos comparar a evolución da actual vaga nas últimas semanas coas vagas anteriores, tanto as que tiveron lugar sen a protección das vacinas como a última -este verán- xa amortecida por elas.
Mentres as explosións de positivos na segunda e terceira vaga levaron a situacións de saturación hospitalaria, iso non sucedeu na cuarta vaga e tampouco está a suceder, de momento, na quinta
Unha forma de facelo é poñer en relación os datos de camas hospitalarias ocupadas por pacientes COVID dende o inicio da pandemia e a evolución do número de novos positivos detectados a diario. A gráfica amosa como mentres as explosións de positivos na segunda e terceira vaga levaron a situacións de saturación hospitalaria, iso non sucedeu na cuarta vaga e tampouco está a suceder na quinta. A primeira onda debe ficar fóra da comparación pola menor capacidade de detección de casos positivos que existía nese momento.
É certo que ata agora os incrementos no número de contaxios só se traduciron en aumento das hospitalizacións despois dun certo período de tempo, cando menos dunha semana. Polo tanto, persiste a dúbida de se os récords de positivos e casos activos destes días se converterán na primeira semana de xaneiro nunha situación difícil de manexar para o sistema sanitario.
Nas últimas dúas semanas o número de camas ocupadas por pacientes COVID nos hospitais galegos apenas variou, a pesar do aumento constante no número de positivos
Podemos comparar o sucedido durante o pasado Nadal coa situación que estamos a vivir dende hai unhas semanas. Como se pode ver no seguinte gráfico, aínda que é verdade que a explosión de casos deste nadal se produciu nos últimos días, dende mediados de novembro víñase producindo un incremento sostido no número de positivos, non moi distinto ao do pasado Nadal. Porén, mentres o pasado ano isto se traduciu case de inmediato nun aumento dos ingresos hospitalarios, neste a cifra de camas ocupadas mantense estable. Nas últimas dúas semanas o número de camas ocupadas por pacientes COVID nos hospitais galegos apenas variou.
Tamén podemos comparar a situación actual co sucedido este verán na cuarta vaga da pandemia. O 23 de xullo chegaron a superarse os 1.500 novos positivos diarios. Unha semana despois acadouse a cifra de 300 camas ocupadas nos hospitais galegos, que se mantivo ao longo de todo o mes de agosto como unha meseta, chegando a un pico de 345 o 10 de agosto. Estes indicadores ficaron moi por debaixo das 1.500 camas ocupadas no peor momento da terceira vaga e mesmo das case 600 da segunda vaga.
Nestes momentos estanse a rexistrar moitos máis positivos, aínda que un número de casos con síntomas semellante ao do pasado verán. Hai seis meses o pico no número de contaxios foi seguido unha semana despois por un forte incremento nos ingresos hospitalarios de casos graves. Así pois, o que suceda nesta vindeira semana e a seguinte daranos unha resposta sobre o carácter que adoptará a actual vaga.
Neste momento, apenas o 1,13% das persoas cun diagnóstico positivo de COVID en Galicia atópanse ingresadas nun hospital, e só un 0,23% na UCI. Esta proporción é a máis baixa de toda a pandemia, só comparable á que se deu nos dous últimos veráns
Un gráfico máis. Este domingo superouse o récord de 'casos activos' de COVID en Galicia. Porén, os datos para todo o Estado do Ministerio de Sanidade amosan que o número de persoas con síntomas non é superior ao que se rexistrara na terceira vaga do pasado verán. Non contamos de momento con ese dato para Galicia, pero si podemos comparar a actual porcentaxe de casos de COVID que están a necesitar ingreso hospitalario coas anteriores situacións vividas na pandemia.
Neste momento, apenas o 1,13% das persoas cun diagnóstico positivo de COVID en Galicia atópanse ingresadas nun hospital, e só un 0,23% na UCI. Esta proporción é a máis baixa de toda a pandemia, só comparable á que se deu nos dous últimos veráns. En cambio, o pasado Nadal a porcentaxe superou durante semanas o 6%, e tamén o fixo nesta última primavera.